O Colexio de Arquitectos de Galicia destaca a figura dos arquitectos como transformadores das cidades no Día Mundial da Arquitectura

llonxaAs delegacións colexiais colocarán unha placa conmemorativa nun edificio emblemático da súa zona  rexistrado no Docomomo Ibérico

O Colexio de Arquitectos de Galicia celebra o próximo luns, 1 de outubro, o Día Mundial da Arquitectura baixo o lema “O arquitecto como transformador da cidade”. Como todos os anos, as seccións nacionais membros da Unión Internacional de Arquitectos (UIA) levan a cabo diferentes actos para celebrar o Día Mundial da Arquitectura, que dende 1997 se celebra o primeiro luns de outubro, coincidindo co Día Mundial do Hábitat. Este ano o Consejo Superior de los Colegios de Arquitectos de España (CSCAE) considerou conveniente enviar esta mensaxe anual ao conxunto da sociedade española, homenaxeando e recordando a aqueles arquitectos que, durante o século pasado, na evolución efectiva da arquitectura moderna, emprenderon unha labor radical de transformación urbana, estreitamente ligada ás circunstancias do momento e propias de aqueles anos. É dicir, un traballo vinculado á industrialización e á construción do espazo público, que permitiu resolver os daquela novos problemas funcionais e sociais derivados do crecemento acelerado.

Neste ámbito, e da man da Fundación Docomomo Ibérico, vaise adicar o Día da Arquitectura 2012 á colocación de placas informativas en edificios senlleiros da arquitectura moderna, incluídos no Rexistro Docomomo Ibérico. Esta iniciativa constitúe unha chamada de atención sobre o Patrimonio do século XX, un patrimonio cunha fraxilidade que require especial atención. Efectivamente, os novos edificios modernos que se empezaron a construír a partires de 1925 en España e Portugal non só experimentaron novos programas e formas, senón que o fixeron con novos materiais e tecnoloxías, pouco ensaiados ata entón. A súa posta ao día e a súa adecuación ás normativas actuais produciron unha mingua dos valores patrimoniais destes edificios. Por outra parte, por tratarse dun patrimonio abundante e moi recente é, en moitas ocasións, pouco valorado pola sociedade e as administracións responsables da súa protección. Nesta edición vanse colocar 64 placas en toda España, co obxectivo de ir ampliando este número nun futuro.

O Colexio de Arquitectos de Galicia, a través das súas delegacións, colocará placas identificativas nos edificios máis emblemáticos da época nas súas zonas. É unha homenaxe cargada de intencionalidade e tamén dunha aposta renovada pola continua transformación da cidade, polo seu mantemento necesario e a súa mellora imprescindible.

 

DELEGACIÓN

TEMA

A CORUÑA

Lonxa de Gran Sol. Porto da Coruña

FERROL

Poboado das Veigas, As Pontes

LUGO

Movemento Moderno da Terra Chá

PONTEVEDRA

Poboado mineiro de Fontao. Concello de Vila de Cruces

SANTIAGO

Polígono de Vite. Santiago

VIGO

Movemento Moderno en Vigo