A Agrupación de Arquitectos Urbanistas de España avoga por un “urbanismo útil desde un punto de vista social, económico e ambiental”

arqurbaJorge Duarte, decano do Colexio de Arquitectos de Galicia:

“Solicitamos unha maior implicación da sociedade no urbanismo, na planificación e desenvolvemento das cidades para ter unha maior calidade de vida”


O encontro continúa mañá coa intervención do presidente do Consejo Superior de Colegios de Arquitectos de España (CSCAE), Jordi Ludevid

O Colexio de Arquitectos de Galicia inaugurou hoxe o Encontro anual da Unión de Agrupaciones de Arquitectos Urbanistas de España (UAAU) na sede do Consello da Cultura Galega, organismo colaborador. As xornadas foron presentadas polo decano do Colexio de Arquitectos de Galicia, Jorge Duarte; a secretaria xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, Encarnación Rivas; e o presidente da UAAU, Josep Mª Vilanova.

Segundo o lema do encontro, O urbanismo próximo e necesario,  Duarte destacou a importancia da intervención urbanística dos arquitectos que perseguen un achegamento á sociedade e fomentan a súa implicación nos procesos urbanísticos. “Os arquitectos solicitamos unha maior implicación da sociedade no urbanismo, na planificación e desenvolvemento das cidades para ter unha maior calidade de vida. Temos que reclamar aos políticos unha xestión do territorio, renovación das cidades e protección patrimonial” –indicou Duarte–.

Encarnación Rivas lembrou os seus comezos no urbanismo fai 25 anos, da man de Juan Luis Dalda, José González-Cebrián Tello e Manuel Gallego Jorreto, para pedir “a gritos que ese programa de urbanismo nas escolas de arquitectura se acomode ao mundo real”. Ademais, Rivas fixo un chamamento a que os profesionais non transgredan a norma a menos que sexa por causa xustificada. “Pido un maior compromiso profesional dos arquitectos que estamos no mundo do urbanismo; temos que recuperar o traballo na ordenación do territorio e facer cidade. Esta crise de hoxe en día permite poñer as cousas no seu sitio” –manifestou–.

Pola súa parte, Vilanova falou dun futuro diferente e con moitas incógnitas, onde será preciso crear novos escenarios para que o “urbanismo sea un instrumento útil desde un punto de vista social, económico y medioambiental”. Aínda que a metade dos colexios de arquitectos españois non teñan unha agrupación de arquitectos urbanistas –como é o caso de Galicia–, segundo Vilanova todos os colexios traballan a fondo en temas de urbanismo a través de accións de formación, exposcións ou diversas planificacións.

O relatorio principal da mañá centrouse na XI Bienal Española de Arquitectura y Urbanismo 2011. Un dos seus directores, Félix Arranz, destacou a importancia do urbanismo nesta edición, onde o xurado estivo, ao cincuenta por centro, composto por expertos en edificación e urbanismo. Arranz fixo unha descrición dous proxectos premiados en Galicia: a Remodelación do porto de Malpica, dos arquitectos Creus e Carrasco e a A cidade dos barrios. Unha mirada complementaria da Coruña, proxecto da Delegación da Coruña do Colexio de Arquitectos.

A xornada de hoxe pecharase pola tarde cun relatorio técnico sobre as perspectivas do urbanismo en Galicia e outros debates como a instrución técnica de planeamento. Ademais, ás 18:30 horas o arquitecto e urbanista Josep M. Llop Torné explicará os detalles do plan base. Llop Torné é actualmente director da Cátedra UNESCO da Universidad de Lleida sobre “Ciudades Intermedias-Urbanización y Desarrollo”.

O martes continuará o encontro coa xunta anual da agrupación, que contará coa intervención do presidente do Consejo Superior de Colegios de Arquitectos de España (CSCAE), Jordi Ludevid i Anglada. A sesión pecharase cunha visita técnica á Cidade da Cultura. Pola tarde, ás 16:30 horas, o decano do arquitectos galegos e un grupo de colexiados reuniranse con Jordi Ludevid.