O Colexio de Arquitectos de Galicia ensalza os dereitos humanos no Día Mundial da Arquitectura [luns-3 de outubro]

sin_fronteras_As sete delegacións buscan un tema ou edificio concreto da súa cidade con usos sociais

O Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia celebra o próximo luns, 3 de outubro, o Día Mundial da Arquitectura baixo o lema Arquitectura e dereitos humanos.
Como todos os anos, as seccións nacionais membros da Unión Internacional de Arquitectos (UIA) levan a cabo diferentes actos para celebrar o Día Mundial da Arquitectura, que dende 1997 se celebra o primeiro luns de outubro, coincidindo no Día Mundial do Hábitat.

CONSELLO SUPERIOR DOS COLEXIOS DE ARQUITECTOS DE ESPAÑA (CSCAE)

Día Mundial da Arquitectura 2011.“ARQUITECTURA E DEREITOS HUMANOS”

Este é o lema co que a Unión Internacional de Arquitectos (UIA) decidiu orientar as celebracións do Día Mundial da Arquitectura, que se celebra en todo o mundo o próximo tres de outubro, coincidiendo co Día Mundial do Hábitat. “Toda persoa ten dereito a un nivel de vida que lle asegure o acceso á vivenda”, di o artigo 25 da Declaración da ONU.

Con frecuencia esquecemos que o medio físico construído constitúe o marco e o hábitat, o biotopo, onde se desenvolve a práctica totalidade da vida cotiá das persoas e do amplo espectro de conxuntos, grupos e clases sociais que constitúen as extremadamente diversas sociedades contemporáneas. O medio físico construído (é dicir, a arquitectura, a paisaxe) envolve a nosa existencia, a protexe (ou non), introduce peculiaridades únicas e condiciona a nosa sensibilidade. Marca o devenir das nosas vidas e tamén das nosas relacións. Entrelazado por conexións profundas, o medio físico construído (a arquitectura) é tamén memoria histórica e expresión de singularidades que a miúdo funden a sus raíces en tempos lonxanos pasados. A esa arquitectura, que afianza os dereitos humanos, temos todos dereito.

O arquitectónico expresa boa parte das nosas vida e confúndese con ela. Na súa dimensión edificatoria, urbana ou territorial, paisaxística, ampara ou dificulta a convivencia dos diferentes grupos sociais e étnicos e enmarca o disfrute da vida cotiá. A natureza pública do espazo (público), da arquitectura e a súa necesaria calidade, lévanos a solicitar con insistencia que a arquitectura se convirta nunha política pública establecida e recoñecida, permanente, como un máis dos dereitos e obligacións aos que as sociedades e as cidades democráticas aspiran, un dereitos que os poderes públicos deberían garantir.

Non obstante, a todos nos incumbe unha responsabilidade niso. Porque unha transversalidade evidente e intensa percorre o arquitectónico. É así como o fomento da súa calidade involucra tanto ás administracións públicas como ás institucións privadas; ás amplas colectividades como aos profesionais; aos contornos formativos como aos xestores urbanos; ao rigor científico-técnico e á creación artística; ás decisións políticas como á mediación; á xestión de conflitos ou a participación cidadá; buscando unha converxencia de actuacións que teñan como obxectivo un proxecto contemporáneo sempre vivo: unhas “mellores cidades, unha vida mellor ”, nunha dialéctica continua e interminable, transversal, entre o público e o privado.

Requerimos, pois, accións permanentes e non fugaces chamamentos. É preciso: elevar o nivel de coñecemento, sensibilidade e capacidade de esixencia dos diversos grupos de cidadáns; a incorporación da arquitectura e o urbanismo nas ensinanzas escolares; unha activa defensa (por certo, non exclusivamente arqueolóxica) do patrimonio edificado; unha difusión incrementada da dimensión cultural da arquitectura; a urxente mellora dos concursos de arquitectura, etc. E por fin, necesitamos algunhas infraestruturas culturais para a arquitectura e unha Lei que a protexa.

É preciso, por tanto, divulgar o entendemento da arquitectura como unha disciplina socialmente útil e non como un exercicio de exhibicionismos diversos ao servizo de fundamentalismos económicos tamén diversos, prisioneira dun mercantilismo suicida. Cuestión que nos nosos días é preciso denunciar con insistencia, despois de tan negativas experiencias, demasiado xeralizadas, nos últimos anos…

Novas palabras clave caracterizan o momento actual, comportando reflexións que deben abrirse camiño: utilidade social, reutilización, sostibilidade, rehabilitación, participación, estética, racionalidade construtiva, oficio e deseño... E austeridade. A rehabilitación e a enerxía revélanse, no noso ámbito territorial e cultural, como unha estratexia de longo alcance, e resultan dúas das claves para definir un novo modelo, nunha saída positiva e imprescindible á actual crise económica que nos atenaza.

Con ocasión do Día Mundial da Arquitectura, a UIA e o CSCAE fan un chamamento ás administracións públicas locais, autonómicas, estatais e europeas implicadas, a todas as institucións e as empresas privadas, a todos os profesionais da arquitectura, aos responsables de formación e aos operadores e xestores culturais, e aos pensadores, para que adopten e apoien iniciativas necesarias que permitan camiñar nesta dirección, sumándonos así, activamente, utilmente, a unha celebración comprometida do Día Mundial da Arquitectura co obxectivo de afianzar un dos dereitos humanos fundamentais.

Jordi Ludevid i Anglada
Presidente do Consejo Superior de los Colegios de Arquitectos de España

COLEXIO DE ARQUITECTOS DE GALICIA NA SÚA DELEGACIÓN DA CORUÑA

TEMA.-  Antiga prisión provincial da Coruña

Este ano a efeméride estará dedicada á “Arquitectura e Dereitos Humanos”. Baixo o lema “Arquitectura e Dereitos Humanos” , a delegación coruñesa elexiu para conmemorar esta xornada a antiga prisión provincial, situada nas inmediacións da Torre de Hércules, polo seu significado como resorte na memoria colectiva e como obxectivo para xerar unha reflexión sobre o futuro dun edificio que na actualidade sofre un evidente estado de abandono.

Segundo explican os arquitectos coruñeses, o edificio foi inaugurado en 1927 e pechado como centro penitenciario en 1998. “O inmoble pasou de ser un símbolo da privación de liberdade, e mesmo de represión nalgúns momentos, a un referente do panorama cultural alternativo coruñés, reabríndose intermitentemente a partir de 2010 para a celebración de diversas manifestacións artísticas” –indican.

Actividades no día da arquitectura

Así, para manifestar esta reivindicación o próximo luns, 3 outubro, ás 13:00 horas, realizarase unha visita guiada e comentada polas instalacións do edificio, a cargo do catedrático de Composición Arquitectónica da ETSAC da Coruña; José Soraluce Blond; e do catedrático de Historia da Arquitectura e Urbanismo do mesmo centro, José Ramón Alonso Pereira. Esta visita contará coa asistencia de diversas autoridades políticas e artísticas, ademais de estar aberta a toda a cidadanía. Con este acto preténdese abrir un debate sobre os posibles usos deste espazo privilexiado, cheo de posibilidades e sempre presente no imaxinario colectivo de todos os coruñeses.

Obradoiro infantil

Por outra parte, a Delegación da Coruña do Colexio de Arquitectos de Galicia programou diversas actividades culturais para toda a semana. Organizará o martes, 4 de outubro, na súa sede (rúa Federico Tapia, nº 62 – baixo) o obradoiro infantil de arquitectura Como soa a arquitectura?, en horario de 17:00 a 19:00 horas. Este taller gratuíto, da empresa de servizos didácticos Sistema Lupo, está  deseñado para un grupo de 30 rapaces de 7 a 12 anos. A actividade baséase nos ritmos da arquitectura e a seu traslado á música a través da relación entre ocos e compases musicais, empregando os módulos de construción do Sistema Lupo.

Nesta actividade, os planos de construción transformaranse en partituras que serán interpretadas a través de aplicacións dixitais. Os máis pequenos poderán experimentar co son das súas propias construcións, momento onde a música, a arquitectura, os ritmos, as matemáticas e a proporción falarán un mesmo idioma con diferentes expresións.

Cóctel de arquitectos

A cita social da semana para os arquitectos coruñeses será o xoves-6 de outubro, cun cóctel para os profesionais colexiados da delegación no Playa Club. A cita, que será ás 21:30 horas.

Finalmente, a semana da arquitectura rematará coa proxección do filme “Unha viaxe por...1929-2009”, de Pablo Gallego Picard, realizado en colaboración co Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI), dentro do seu ciclo OFF GALICIA. Proxectarase o sábado-8 ás 18:00 horas no CGAI, coa presentación do seu director. Trátase dunha mediametraxe documental muda, presentada cun acompañamento musical en directo a cargo de Xurxo Souto e Pulpiño Viascón. Ademais, proxectaranse varias pezas elaboradas a partir da súa rodaxe. Contarase coa presenza do xornalista Xosé Manuel Pereiro na posterior conversa co autor. Este documental formúlase a partir dunha viaxe iniciática polos lugares de filmación de Un viaje por Galicia (1929), de Luis R. Alonso. Oitenta anos despois, a restauración do film de Alonso ten especial significado xa que representou a estrea do CGAI hai 20 anos.

ACTIVIDADES ORGANIZADAS PARA A SEMANA DO DÍA MUNDIAL
(3-9 DE OUTUBRO)

Luns-3: Día Mundial da Arquitectura. 13:00 horas. Visita guiada e comentada por José Ramón Alonso Pereira e José Soraluce Blond ao edificio da antiga cárcere da Coruña
Martes-4: Taller para nenos "A que soa a arquitectura?", na Sala de Cultura da Delegación de 17:00 a 19:00 horas
Mércores-5: Conferencia ou mesa redonda, ás 20:00 horas na Sala de Cultura da Delegación, a cargo da plataforma Proxecto Cárcere
Xoves-6: Cóctel de Arquitectos no Playa Club ás 21:30 horas
Sábado-8: Proxección, en colaboracion co Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI), do filme de Pablo Gallego "Unha viaxe por ....1929-2009", 18:00 horas no CGAI

COLEXIO DE ARQUITECTOS DE GALICIA NA SÚA DELEGACIÓN DE FERROL

TEMA.-  Arquitectura e dereitos humanos: o espazo público

A Delegación de Ferrol do Colexio de Arquitectos propón como actividade no Día Mundial da Arquitectura un foro ou encontro entre os arquitectos e a sociedade sobre o espazo público, como lugar de encontro onde o individual e o privado pasan a formar parte do colectivo. No espazo público realízase a sociedade, a través da manifestación, do xogo, da conversa...

“A praza é herdanza e acubillo. Herdanza como patrimonio acumulado paseniñamente por xeracións que acodiron a ela a comerciar, a bailar, a divertirse, a discutir, a soñar... A pedra, os edificios, os bancos, nin sequera os árbores serían a penas nada sen a pegada da memoria dos moradores dunha cidade ou dun barrio. Acubillo porque, dalgún modo, acolle e iguala ao rico e ao pobre, ao feo e ao guapo, ao forte e ao feble.” –explicar a delegación de Ferrol.

Un grupo de novos arquitectos expoñerán a súa visión do que é a arquitectura e a súa capacidade para mellorar as relacións das persoas co seu contorno. Os invitados a participar como relatores son Xosé Santiago Allegue, Xosé Manuel López Leira, Iñaki Mendizábal, Miguel Anxo Reimúndez, Manuel Amble Romero, Iago Carro, do Colectivo Ergosfera, e Alejandro García.

Trala exposición abrirase un debate sobre o espazo público, como elemento xerador de encontros e como marco das relacións humanas, onde os dereitos humanos se ven reflictidos.

“Invitamos aos arquitectos non só como proxectistas, senón tamén como activistas na outra banda, enfrontados en ocasións a proxectos e normas que non respectan nin a memoria nin a condición comunitaria dos espazos públicos herdados” –indican desde a delegación ferrolá.

Visións como a reivindicación do feísmo como dereito, fronte o intento de impoñer unha especie de asepsia institucional, o cuestionamento da utilización do concepto de interese público como coartada para destruír o que é de todos, a loita polo metro cuadrado de espazo libre entre o peón e o automóbil, van compartir mesa e mantel con proxectos de novos espazos urbanos discretos que fuxen da banalidade e da sobre-actuación que, por desgracia, adoita a caracterizar a iniciativa pública neste eido nos últimos tempos.


ACTIVIDADES ORGANIZADAS PARA O PRÓXIMO LUNS-3 DE OUTUBRO

- Foro e encontro entre arquitectos, ás 19:00 horas na Delegación [Calle Real 14-16 baixo.] Aberta a participación a todo o público

COLEXIO DE ARQUITECTOS DE GALICIA NA SÚA DELEGACIÓN DE LUGO

TEMA.- Fotografías de prazas e espazos públicos da provincia de Lugo

A delegación de Lugo do Colexio de Arquitectos celebrará o Día Mundial da Arquitectura convidando aos lugueses a quitar fotos de prazas e espazos públicos, enviaron á web de El Progreso (http://elprogreso.galiciae.com/nova/113222.html). Estas imaxes participarán  posteriormente tamén no tradicional concurso de Acertos e Desastres Arquitectónicos, organizado pola Comisión de Cultura, que se celebrará nos últimos meses do ano.

A comisión de cultura da delegación de Lugo do Colexio de Arquitectos pensa que "o espazo que mellor pode acoller os dereitos humanos é o espazo público, entendendo que nel dilúese a fronteira entre o público e o privado. O uso faino colectivo". Así pois, decidiu dedicar esta efeméride á praza ou espazos afíns como símbolo do espazo público colectivo: á ágora como orixe da cultura, a democracia e os dereitos humanos.

Con esta convocatoria, o colexio quere facer "unha actividade na que se poidan implicar ao número máis numeroso de cidadáns, que provoque unha reflexión do que supón o espazo público colectivo e que sexa una actividade extensiva a todo o ámbito da delegación, neste caso a provincia de Lugo".

Admítense fotos de espazos públicos colectivos de todas as cidades, vilas, pobos e aldeas da provincia lucense nas que apareza reflectido o uso dese espazo polos e polas cidadáns. É dicir, non valen fotos “mortas”, senón que ten que aparecer algunha persoa facendo uso desa praza.

ACTIVIDADES ORGANIZADAS PARA O PRÓXIMO LUNS-3 DE OUTUBRO

- Proxección das fotografías no exterior do edificio da delegación, do 3 ao 12 de outubro, de 20:00 a 00:00 horas

COLEXIO DE ARQUITECTOS DE GALICIA NA SÚA DELEGACIÓN DE OURENSE

Tema.- A vivenda como dereito fundamental (Fogar do Transeúnte)

Con motivo da celebración do Día Mundial da Arquitectura, a Delegación de Ourense vai celebrar un evento en conmemoración da efeméride. Centrarán a celebración na vivenda como dereito fundamental, relacionado coa función social da arquitectura: a vivenda de protección social.

ACTIVIDADES ORGANIZADAS PARA O DÍA MUNDIAL DA ARQUITECTURA (3 DE OUTUBRO)

1- Visita guiada ao Fogar do Transeúnte, local social xestionado polo Concello de Ourense que foi reformado recentemente. A visita estará guiada polos arquitectos Pablo Noya e Daniel López. Espérase a presenza da concelleira de Benestar Social,  Marga Martín [Plaza del Trigo, nº1] Horario: 19:00 horas

2- Mesa redonda “Arquitectura e dereitos humanos. A vivenda como dereito fundamental”. Esta mesa realizarase no Ateneo de Ourense coa colaboración de Ana Enríquez, Eva Reza e Javier Suances. Previo ao seu comezo farase unha breve exposición e recoñecemento ao proxecto social de casas de acollida en Ourense, a cargo do director dos Salusianos, Lupicinio Peña Arena, e a coordinadora  da Casa de Acollida para persoas e familias inmigrantes de Novacaixagalicia, xestionada pola Fundación Juan Salvador, Nuria García [rúa Curros Enríquez 1]. Horario: 20:00 horas

3- O evento finalizará cun ágape de confraternización no propio Ateneo.

COLEXIO DE ARQUITECTOS DE GALICIA NA SÚA DELEGACIÓN DE PONTEVEDRA

Tema.- “Arquitectos Sin Fronteras”, no Día Mundial da Arquitectura de Pontevedra

Dentro do marco do Día Mundial da Arquitectura, a celebrar o próximo luns, día 3 de outubro, baixo a temática de “Arquitectura e Dereitos Humanos”, a Delegación en Pontevedra do COAG invitará este ano á ONG “Arquitectos Sin Fronteras” para que dé a coñecer a súa experiencia no proxecto de habitabilidade básica no que traballa desde fai tres anos na costa sur de Guatemala, dentro do programa "Oxlajuj Tz´ikin" financiado pola Xunta de Galicia.

Preténdese dar a coñecer unhas das organizacións que, relacionadas cun colectivo, son menos coñecidas entre a poboación española, pero que son fundamentais para a axuda ao desenvolvemento e mellora das condicións de vida e habitabilidade das sociedades menos favorecidas.

A intervención sobre la experiencia guatemalteca, comentada por representantes da agrupación expatriados no país, Laura Medín e Adrián Ferreiro, centrarase no proceso de diagnóstico e definición dos problemas, e no desenvolvemento das estratexias arquitectónicas e non arquitectónicas que levaron a cabo para mitigar, na medida do posible, ditos problemas. Trátase de explicar como a función da organización non foi só a xestión ddos aspectos especificamente arquitectónicos, senón que foi ampliado á coordinación e xestión dun equipo multidisciplinar co obxectivo de incidir, dunha maneira máis eficaz e sostible no tempo, nos problemas de hábitat do contexto particular.


ACTIVIDADES ORGANIZADAS PARA O PRÓXIMO LUNS-3 DE OUTUBRO

- A Xunta Directiva desta delegación invita a todos os arquitectos e á sociedade en xeral á conferencia que terá lugar o próximo luns, 3 de outubro, ás 19:30 horas na sala de conferencias da Casa das Campás (Vicerreitoría do Campus de Pontevedra (rúa Don Filiberto 9-11), para coñecer máis de preto unha visión diferente da figura do arquitecto na súa faceta máis solidaria.

-Proxección o mércores-5 dunha película de “Shigeru Ban. Arquitectura de emerxencia”, en colaboración co Cine Clube Pontevedra e a Fundación Caixa de Arquitectos. Será en sesión dobre, 21:00 e 22:15 horas, no Teatro Principal de Pontevedra.

COLEXIO DE ARQUITECTOS DE GALICIA NA SÚA DELEGACIÓN DE SANTIAGO

TEMA.-  A cidade e os seus espazos públicos como lugares de comunicación social

Os arquitectos composteláns acóllense á proposta do Colexio de Arquitectos de Galicia para destacar o espazo público como o ámbito de cristalización e manifestación de moitos dos principios que alentan a Declaración destes Dereitos Humanos, e reflexionar sobre o seu valor como  lugares de comunicación, paradigma da convivencia e o diálogo que alimentan a expresión da sociedade.

“A estrutura da cidade foi, e segue sendo, o tecido onde se enredaron as relacións sociais, onde se densificaron as actividades económicas, e, paralelamente, onde se lle puxeron voz ás demandas dunha sociedade que se foi construíndo a medida que se construían os seus núcleos urbanos. Nin sequera nos novos tempos, nos que a comunicación e as actividades económicas acadaron unha importante compoñente virtual, disminúe a importancia do espazo público, plural e aberto, para darlle representación física ás necesidades dunha poboación que é tamén unha realidade física” –explican membros da delegación.

Dentro desta reflexión para a posta en valor do espazo público, cobran especial relevancia as prazas como a manifestación formal mais perfecta da necesidade dun lugar para a relación, que, ademais, levan implícito o valor simbólico como lugares de representación e valoración da propia vila. Aproveitando esta oportunidade, os membros da xunta directiva da delegación queren chamar a atención tamén sobre aquelas outras prazas que nacen para dar un servizo concreto, non representativo, pero que desenvolven unha actividade relevante na vida das vilas: son as prazas de abastos ou mercados, lugares que, cumprindo unha necesidade primaria de abastecemento de mercancías, rodéanse dunha complexidade de usos e usuarios que plasma o latexo da vida nas cidades. En Santiago, hai un mercado especialmente relevante arquitectonicamente, pero tamén existen moitas outras prazas de abastos que dan acollida a estes pulsos vitais das vilas, deixando claramente á vista a súa complexidade e a súa riqueza.

O obxectivo neste día de celebración da arquitectura e os dereitos humanos é conseguir que estes espazos de manifestación sexan considerados como tal, como lugares para a comunicación, para compartir a cidade; o lugar axeitado e lexítimo para que cobren presenza os diferentes sectores que a conforman. Neste senso, os arquitectos composteláns lembran a liña que ven a seguir esta delegación para estar presente na sociedade, de saír ás prazas e ás rúas para propor temas de debate e sensibilización social.

Así, en anteriores edicións da celebración do día mundial, a delegación de Santiago abrangueu temas de sensibilización social, desde o debate da integración do patrimonio etnográfico e paisaxístico no contorno do río Sarela ao seu paso polo Camiño de Fisterra, ata a chamada de atención sobre a relevancia da rede de aserradeiros da bisbarra de Compostela como paradigma de axeitada relación entre o contorno natural e os procesos industriais de transformación de produtos. Tamén destacaron a reivindicación da necesidade de recuperación de oficios tradicionais e a súa adaptación as novas tecnoloxías. Como materialización deste derradeiro tema instalouse unha vide metálica, de cobre reciclado, que medra nun pilar da Casa da Conga e tenta acadar os muros da catedral, remarcando hoxe este lugar simbólico da cidade.

O Colexio de Arquitectos de Santiago ten a pretensión de manter a súa presenza na sociedade, establecendo un diálogo e comunicación sensibles aos pulsos da cidade  en temas de ampla sensibilidade social como o tratamento e recuperación das Brañas do Sar ou as propostas da futura estación de alta velocidade. Pero, ademais, quere incrementar esta presenza multiplicando as oportunidades de diálogo e diversificando os foros onde poder levalo a cabo, para así estar abertos á cidadanía. “Somos todos os que construímos o territorio no que vivimos, e por iso cremos que o debate, a reflexión conxunta, a discusión, a expresión das inquedanzas de todos os colectivos, non só redunda en beneficio de todos, senón que, ademais, é unha modesta manifestación dos principios de relación que alimentan a base dos Dereitos Humanos” –indican desde a delegación.

ACTIVIDADES ORGANIZADAS PARA O PRÓXIMO LUNS-3 DE OUTUBRO

- Lectura do manifesto, o luns-3, ás 19:30 horas na Praza da Quintana. Contarase coa asistencia do alcalde de Santiago, Xerardo Conde Roa; a concelleira de Urbanismo, María Pardo; e a concelleira de Medio Ambiente, Obras e Infraestruturas, María Castelao

- Mércores-5, ás 20:30 horas na sala de conferencias da Fundación Novacaixagalicia (rúa do Vilar nº 19), proxectaranse as curtametraxes dos participantes no concurso Tripomant na cidade, e farase a correspondente entrega de premios. O acto será presentado pola xornalista da TVG, Ana Pérez

COLEXIO DE ARQUITECTOS DE GALICIA NA SÚA DELEGACIÓN DE VIGO

TEMA.- Xornada de portas abertas en cinco edificios da cidade

A Comisión de Cultura da Delegación de Vigo do Colexio de Arquitectos de Galicai propón unha reflexión sobre a arquitectura como unha ferramenta activa na construción da sociedade democrática, a única que garantiza o respecto xeralizado aos Dereitos Humanos para a globalidade da poboación.

Examinarase se hai unha arquitectura democrática, mellor adaptada á identidade das sociedades modernas, e en que se distingue doutras arquitecturas da historia.

ACTIVIDADES ORGANIZADAS PARA A SEMANA DO DÍA MUNDIAL DA ARQUITECTURA (3-9  DE OUTUBRO)

1.- Xornada de portas abertas (10:00-13:00 e 16:00-19:00 horas) e visita guiada a  cinco edificios da cidade, cun alto valor arquitectónico e próximos á arquitectura democrática:
Luns-3
-CPEE Saladino Cortizo (obra de Desiderio Pernas, 1970). Visita guiada     por Luz Paz Agras, de 18:00 a 19:30 horas
Martes-4
-Fábrica de Ascensores Enor (obra de Alfonso Penela, 2006). Visita     guiada por Alfonso Penela, de 18:00 a 19:30 horas
-Vigo- Sónico (obra de David Carvajal e Juan Lui Piñeiro, 2010). Visita     guiada por David Carvajal, J.L. Piñeiro, de 18:00 a 19:30 horas
Mércores-5

-Igrexa da Nosa Señora das Neves (obra de Xosé Bar Boo, 1968). Visita     guiada por …, de 18:00 a 19:30 horas
Xoves-6

- Sede da Delegación de Vigo do Colexio de Arquitectos de Galicia     (Irisarri + Piñera, 2005). Visita guiada por Jesús Irisarri e Guadalupe     Piñera, de 18:00 a 19:30 horas
(Ademais, estase considerando a posibilidade de facer unha visita dun grupo de alumnos do Colexio Andersen en horario de mañá).

2.- Presentación Arquitectura e Dereitos Humanos, ás 19:30 horas na Delegación de Vigo do Colexio de Arquitectos de Galicia. Nun formato áxil e dinámico, tipo Pecha Kucha, farase unha presentación na sede da delegación viguesa para falar sobre o tema proposto.Participarán dez arquitectos e estudios que farán unha aproximación concreta desde a reflexión sobre os edificios propostos.