O programa proxectoterra, gañador do Premio Nacional de Urbanismo, recibe unha homenaxe no Colexio de Arquitectos de Galicia

terrahomenajeOs arquitectos comparten este galardón con todos os organismos colaboradores, como a Xunta de Galicia, a Asociación Socio-Pedagóxica Galega, TVE, a ONCE e Nova Escola Galega

Jorge Duarte, decano do Colexio de Arquitectos de Galicia:
“Os resultados desta aposta educativa e cultural     disfrutarémolos toda a sociedade a medio e longo prazo”


O Colexio de Arquitectos e a Xunta de Galicia homenaxearon esta tarde o labor do proxectoterra no ámbito educativo, tras recibir o pasado 8 de setembro o Premio Nacional de Urbanismo en Madrid. Trátase dun recoñecemento que concede a Secretaría de Estado de Vivienda y Actuaciones Urbanas do Ministerio de Fomento. Este programa de intervención educativa naceu en xaneiro do 2000 co ánimo de contribuír a que a cidadanía en xeral perciba a arquitectura e o territorio como piares básicos da cultura.
Con este acto, o Colexio de Arquitectos de Galicia recoñece a  colaboración incondicional do goberno galego e doutras institucións e organismos que participan no proxecto, así como o labor de todos os docentes e colaboradores que fixeron posible o desenvolvemento do programa, recoñecido con este premio. Así, compartiron o galardón, unha escultura do arquitecto, pintor e escultor español, Juan Navarro Baldeweg.

A cita celebrouse no salón de actos do Colexio de Arquitectos de Galicia (Casa da Conga. Praza da Quintana, 3) e estivo presidida polo decano do Colexio de Arquitectos, Jorge Duarte; o conselleiro de Medio Ambiente,Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández; o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez;  a secretaria xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, Encarnación Rivas; e o coordinador do proxecto, Xosé Manuel Rosales.

O Colexio puxo en marcha este proxecto de cooperación educativo, dirixido ás distintas etapas da Educación Obrigatoria, co fin de contribuír a mellorar a formación que os escolares galegos deben ter sobre as xentes, os espazos e os lugares habitables. É un compromiso de cooperación co mundo educativo para que o alumnado teña unha clara e actualizada proposta de achegamento a todas aquelas actuacións sobre o territorio realizadas co paso do tempo para alcanzar unhas mellores condicións de vida.

“Esperamos que o proxectoterra non sexa unicamente un referente no mundo da educación, senón que pouco a pouco se convirta nun punto de encontro que contribúa a mellorar o coñecemento sobre a construción do noso país, alimentando a necesidade de reflexionar criticamente sobre o noso patrimonio construído e a tradición herdada, da que debemos aprender, e sobre as prácticas arquitectónicas e de ocupación do territorio que se deben evitar, e así propoñer e desexar novos espazos habitables” –explicou Duarte.

Duarte destacou o papel “fundamental e relevante” da Xunta de Galicia que fixo posible coa súa colaboración a continuidade e definitiva consolidación como proxecto de referencia no ámbito educativo. Esta colaboración foise concretando en diferentes convenios asinados con distintas consellerías nos sucesivos gobernos desde 2003 ata a actualidade –Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes, Consellería de Vivenda e Solo-. Este apoio institucional viuse reforzado coa incorporación, en maio de 2005, da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria facilitando a acollida dos materiais e as actividades nos centros e colaborando nas actividades de formación do profesorado. Ademais resaltou a importancia por manter unha aposta como esta, de tipo educativo e cultural, na que “os resultados disfrutarémolos toda a sociedade a medio e longo prazo”.

Pola súa parte, Rosales agradeceu a colaboración de todas as persoas e institucións implicadas no proxecto, ás administracións públicas, tanto autonómicas como municipais e outras institucións e organismos que participan no proxecto, como a Asociación Socio-Pedagóxica Galega, TVE, a ONCE e Nova Escola Galega que asumiron compromisos específicos fundamentais para o desenvolvemento do programa, e sobre todo ao persoal docente. “Quero dar as grazas ao grupo de 50 profesores que elaboraron os distintos materiais didácticos e aos máis de 2.000 docentes que asistiron aos cursos de formación da educación primaria e secundaria” –indicou.

Na actualidade, a confirmación do compromiso institucional da Xunta de Galicia co proxectoterra, a través da Consellería de Medio Ambiente, xoga un papel fundamental para a súa evolución nunha etapa que permitirá a súa consolidación na Educación Secundaria, a súa difusión xeralizada na Primaria e a elaboración de novos recursos para Educación Infantil, co que se alcanzaría a oferta de materiais específicos para cada unha das distintas etapas da Educación Obrigatoria.