As tres universidades laborais de Galicia (A Coruña, Vigo e Ourense), obxecto de estudo nunha publicación do Colexio de Arquitectos de Galicia realizada por Antonio Río Vázquez

Antonio RíoO autor sostén que son tres exemplos de recuperación da modernidade da arquitectura española trala Guerra Civil

O libro preséntase esta tarde na Feira do Libro de A Coruña


O Colexio de Arquitectos de Galicia presenta hoxe na Feira do Libro de A Coruña, ás 8 da tarde, Las Universidades Laborales gallegas. Arquitectura y modernidad, obra de Antonio Río Vázquez. Ademais do autor asistirán como representantes colexiais o presidente da Delegación de A Coruña, José Manuel López Mihura, e o presidente da Comisión de Cultura do COAG, Fernando Martínez.


A publicación, editada polo COAG, analiza as tres universidades laborais construídas en Galicia, entre 1960 e 1975, que constitúen bos exemplos da  recuperación da modernidade na arquitectura española logo da Guerra Civil e a inmediata autarquía, segundo explica Antonio Río: “O máis notable é como se entende en cada un dos proxectos a recuperación da modernidade. No caso da Coruña, vencellada ao Movemento Moderno ortodoxo e tomando como referente a arquitectura naval; en Ourense, incorporando aspectos vernáculos e retomando a monumentalidade; e en Vigo, entendéndoa como unha cidade en rede, aberta e fragmentada”. A súa principal aportación arquitectónica, engade o autor, é a aceptación definitiva da modernidade no edificio escolar, “fronte á escola concibida ao modo tradicional da etapa autárquica”, matiza.

A Universidade Laboral de A Coruña foi proxectada por Luis Laorga Gutiérrez, xunto ao arquitecto galego José López Zanón; a de de Vigo polo tamén galego José López Candeira; e a de Ourense polo madrileño Julio Cano Lasso, quen asinou varias obras en Galicia. Río indica que actualmente son tres edificios en “mal estado de conservación e escasamente divulgados”, pero subliña que ofrecen respostas “moi diferentes” en cada contexto determinado, e conclúe que se converteron na busca do significado da modernidade para os seus respectivos arquitectos.

O libro de Río, de 192 páxinas e editado en rústica, contén abundante material gráfico, “en boa parte inédito e cedido polos arquitectos en exclusiva para esta publicación” –agrega o autor. As imaxes da cuberta son obra da fotógrafa coruñesa Raquel Castro. Antonio Río Vázquez (A Coruña, 1981) é arquitecto, profesor na Escola Técnica Superior de Arquitectura de A Coruña, membro do Grupo de  Investigación en Historia da Arquitectura da UDC e editor do Boletín Académico. Revista de investigación y arquitectura contemporánea.