Os arquitectos galegos Luis Collarte, Julio Grande e Adolfo Agra gañan o concurso para a renovación da fachada dun dos edificios da Fundación Centro Tecnolóxico do Granito no Porriño

granitoUn mar de pedra e P321 conseguen os dous primeiros premios por aportar solucións innovadoras no uso do granito, respectando a viabilidade económica, calidade estética e a súa adecuación ao contorno

É unha convocatoria da Fundación Centro Técnolóxico do Granito de Galicia, o Clúster do Granito e o Colexio de Arquitectos de Galicia


A Fundación Centro Tecnolóxico do Granito de Galicia (CTG), o Clúster do Granito e o Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) entregaron hoxe os premios do concurso de ideas para a renovación da fachada dun dos edificios do complexo da Fundación Centro Tecnolóxico do Granito de Galicia no Porriño. O obxectivo da convocatoria foi promover o desenvolvemento de propostas que innoven no uso do granito. O acto estivo presidido polo decano do COAG, Celestino García Braña; e polo coordinador do CTG, José Ángel Lorenzo.
Lorenzo recalcou a colaboración estreita entre ambas entidades e apostou por crear unha nova marca de arquitectura en pedra. Pola súa parte, García Braña destacou a importancia do granito ao longo da historia da arquitectura e o papel que este material xogou sempre en Galicia. “Cada proxecto presentado nesta convocatoria é unha lección de como utilizar o granito” –indicou Braña.

Ademais de cinco mencións, foron dúas as propostas elexidas como gañadoras. En primeiro lugar, destaca o deseño do arquitecto ourensán Luis Collarte, “Un mar de pedra”, que mediante o corte esviado do granito xera unha fachada de complexa xeometría. Por outra parte, os arquitectos Julio Grande e Adolfo Agra foron premiados pola proposta dun sinxelo telón formado por grandes pezas de granito fincadas, á que denominaron “P321”. En total, repartíronse 13.000 euros en premios entre as sete propostas distinguidas (dous primeiros premios de 4.000 euros e cinco mencións de 1.000 euros cada unha).

A fachada a rehabilitar correspóndese cunha nave industrial, oficina técnica e espazo docente que emprega o Clúster do Granito. A obra pretende frear o proceso de deterioro caracterizado por humidades e desprendementos.

O proxecto enténdese como unha iniciativa de innovación e desenvolvemento de novos usos e solucións do granito como material de construción. Foron valoradas as propostas que aportan un valor engadido a uso do granito como material da fachada a través de solucións orixinais, que teñen en conta a industrialización de pezas, o aforro enerxético, un maior aproveitamento do material, rapidez de montaxe, posibilidades de personalización, perfectibilidade da fachada e a sinxeleza nas reparacións; e moi especialmente as ideas que utilizaron o granito fronte a outros tipos de pedra natural ou artificial.

O xurado estivo presidido polo arquitecto Alberto Noguerol, que actualmente dirixe as obras de ampliación do aeroporto de Santiago de Compostela. Formaban parte do mesmo profesionais de recoñecido prestixio, como os arquitectos Felipe Peña, César Coll e Fernando Blanco, ademais do enxeñeiro Serafín Ocaña.

Os membros do xurado seguiron unha serie de pautas para outorgar os galardóns. Valoraron especialmente que as propostas aportasen solucións innovadoras no uso do granito, cun grao de detalle suficiente para a estimación da complexidade técnica da execución, asegurar a viabilidade económica e construtiva, garantizar a calidade estética e a súa adecuación no contorno.

Proxectos distinguidos

Cinco das obras presentadas recibiron accésit: "Colgagge" de Ramón Seijo; "Feldespato82" de Tomás Valente e Beatriz Hermida; "Gris005" de Carlos Bóveda e Domingo Alberto Miranda; "light@roll" de Pablo Costa e Marina Márquez;  e "ON" de Ramón Viéitez e Alberto Cebral. Resultou gañadora dun primeiro premio polo módulo A de fachada a proposta presentada baixo o lema “Un mar de pedra” de Luis Collarte, e como gañadora do módulo B “P321” de Julio Grande e Adolfo Agra.