O Colexio de Arquitectos asina un convenio co Instituto Galego de Vivenda para desenvolver as Normas de Habitabilidade de Vivendas, con vixencia ata decembro deste ano

CelestinoO colectivo realizará charlas informativas, fichas gráficas, unha memorias tipo e creará un foro de consultas para os diversos axentes implicados na construción

O Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) e o Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) asinaron hoxe un convenio de colaboración para traballar conxuntamente no desenvolvemento das Normas de Habitabilidade de Vivendas de Galicia. O acto, que se celebrou na Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia, estivo presidido polo conselleiro de Medio Ambiente en calidade de presidente do IGVS, Agustín Hernández, e o decano do COAG, Celestino García Braña.
O obxecto deste convenio é definir o cadro específico de colaboración entre o IGVS e o COAG para concretar o proceso formativo, divulgativo e informativo do Decreto das Normas de Habitabilidade de Vivendas de Galicia e de facilitar aos colexiados do COAG a información máis precisa sobre dito decreto. O convenio terá vixencia ata o 30 decembro de 2010.

O COAG, comprométese a organizar e difundir as charlas informativas, confección de fichas gráficas, soporte web de memorias tipo e participación na creación do foro de consultas. “Ofreceremos charlas divulgativas para que os diversos sectores construtivos e os arquitectos teñamos cumprida noticia do decreto. Realizaranse fichas gráficas para que os promotores,  construtores, técnicos e mesmo usuarios saiban en que condicións deben facer as súas vivendas. Ademais, abrirase un foro de consultas para poder perfeccionar e engadir temas á normativa” –indicou García Braña.

Pola súa parte, o IGVS comprométese a facilitar toda a información documental, ferramentas e apoio técnico que sexan precisos para a realización de todos os apartados  contidos no convenio, dispoñendo dos recursos humanos e materiais necesarios para levar a bo fin este convenio.

Segundo García Braña, na maioría dos casos a parte máis sinxela dos decretos e as leis é a súa publicación no boletín oficial correspondente, pero o máis complexo é “facer que cumpran o seu cometido e, como acontece neste caso, sirvan para que todo o proceso construtivo se realice coa menor dificultade posible”.