Un equipo de físicos da Universidade de Santiago estuda como o clima dunha estación inflúe nas seguintes

mapa_webEmpregan un modelo novidoso para determinar a repercusión das augas do subsolo e dos ríos no clima

Un equipo de investigadores da Facultade de Física da Universidade de Santiago está a realizar simulacións climáticas na Península Ibérica. Empregan un modelo hidrolóxico-atmosférico innovador, xa que ten en conta por primeira vez a influencia das augas presentes no subsolo sobre o clima.

 

O investigador principal do proxecto é o profesor Gonzalo Míguez Macho. Explica que están a empregar o mesmo modelo que usa MeteoGalicia para facer a predicción do tempo. Nete caso o equipo da USC pretende estudar o ciclo hidrolóxico competo na Península Ibérica, o cal resulta novidoso. Así, no modelo inclúen ademais as augas do subsolo e dos ríos para coñecer como interactúan co clima, como inflúen na evaporación e na transpiración.

Tal como indica o investigador, as augas do subsolo, denominadas augas freáticas, condicionan a humidade do solo, a evaporación e transpiración das plantas e a temperatura que hai preto da superficie e, en consecuencia, tamén influén nas precipitacións. Este efecto na precipitación afecta sobre todo ás comunidades do interior da Península, nas que a auga do océano se atopa máis lonxe, de xeito que en Galicia non ten tanta repercusión.

A memoria das situacións climáticas precedentes gárdase nas condicións de humidade e temperatura do solo

Por outro lado, os investigadores da Universidade de Santiago pretenden descubrir como repercuten as condicións de anos e de estacións anteriores, en particular nas rexións do interior, nas condicións de seca ou de humidade das estacións vindeiras. Tal como sinala o profesor Míguez, a memoria das situacións climáticas precedentes gárdase nas condicións de humidade e temperatura do solo. Non obstante, os modelos meteorolóxicos que existen na actualidade non representan ben esta información e, por tanto, teñen pouca memoria do que sucedeu en períodos anteriores. Así, o modelo que emprega o equipo incorpora a información climática de anos anteriores.

O emprego que o home fai das augas do subsolo tamén pode influír sobre o clima

O equipo está a analizar tamén como poden afectar ao clima os recursos hídricos que emprega o home para diferentes usos, como é o caso dos regadíos. Nesta liña, tratan de coñecer que lle pode ocorrer ao sistema climático se se empregan en exceso as augas presentes no subsolo.

Os investigadores xa validaron o modelo e, segundo os resultados preliminares do estudo, nas zonas do interior peninsular as condicións climáticas dos meses anteriores inflúen sobre todo nas precipitacións da primavera, que coincide neste caso cos meses de máis chuvia. O proxecto estao a desenvolver o Grupo de Física Non Liñal da Universidade de Santiago, precisamente de onde xurdiu o proxecto de MeteoGalicia.