O Instituto de Cerámica de Galicia, pertencente á Universidade de Santiago, patenta unha fibra illante a partir de residuos de lousa

Instituto de Cerámica de GaliciaO Instituto de Cerámica de Galicia (ICG) nace en 1990, froito do traballo do Grupo de Cerámica do Departamento de Edafoloxía da Universidade de Santiago. É un centro pioneiro en investigación e desenvolvemento no eido da cerámica e doutros materiais industriais.

 

O Instituto está integrado por unha vintena de profesionais, entre eles físicos, químicos, enxeñeiros e técnicos. O centro é mixto, xa que pertence tanto a empresas como á Universidade. Tal como sinala o seu director, Francisco Guitián Rivera, cando naceu dedicábase principalmente ao estudo da cerámica pero agora isto “só ocupa o 20% do noso labor, centrámonos máis en investigar con todo tipo de materiais industriais, en crealos, mellorar a súa calidade ou ampliar os seus usos”.

Na actualidade as investigacións do Instituto están moi orientadas ao traballo coa biocerámica, a purificación do silicio (en colaboración coa empresa Ferroatlántica), os cristais fotónicos e as fibras de alta resistencia.

O equipo dispuxo de tecnoloxía industrial soviética para obter as fibras

O ICG vén de patentar un procedemento para obter unha fibra continua illante a partir dos residuos de lousa e doutras rochas industriais. “No Barco de Valdeorras tíranse cada ano miles de toneladas de residuos e o que fixemos foi buscarlles un uso”, afirma Guitián. Explica que “este traballo realizámolo en colaboración cunha empresa de Valdeorras e dun instituto de investigación de Ucranía, grazas ao cal puidemos dispor de tecnoloxía industrial soviética para a obtención das fibras”. Froito do éxito desta iniciativa, o Instituto participa na montaxe dunha planta na localidade ourensá do Barco, destinada á obtención da fibra de xeito industrial.

O traballo do Instituto deu lugar á creación de tres empresas que xa se lanzaron ao mercado. Unha delas é Neoker, a única produtora mundial de whiskers de alúmina, un material cerámico de alta resistencia e con múltiples aplicacións industriais. Por outro lado están Keramat, creada en 1999 e que segue a ser a única empresa española fabricante de biocerámicas; e Mifibra, nacida recentemente para a creación de fibras minerais a partir dos residuos de lousa. Ademais, o Instituto xa posúe 24 patentes nacionais e 8 internacionais.