Unha investigadora da USC constata que o hábito de fumar transmítese de pais a fillos

maria_loureiro_webO estudo da profesora María Loureiro García revela tamén a transmisión da adición segundo o xénero, os nenos imitan aos pais e as nenas ás nais

Existe unha relación causal entre o hábito de fumar dos pais e o dos fillos. Esta é a principal conclusión dun estudo levado a cabo pola investigadora da Universidade de Santiago María Loureiro García. Así se recolle nun artigo publicado recentemente no Boletín de Economía e Estatística da Universidade de Oxford, Oxford Bulletin of Economics and Statistics, por parte da profesora do Departamento de Fundamentos da Análise Económica da USC, en colaboración con investigadoras da Universidade Autónoma de Barcelona e da Universidade de Roma Tor Vergata.

No traballo empregáronse datos procedentes da Enquisa do Panel de Fogares Británico (1994-2002), posto que aporta “gran detalle na información que presenta, relativa ao consumo dos fogares, e que inclúe datos concretos sobre o consumo de tabaco tanto por parte de adultos como de mozos”, segundo explicou Loureiro.

As investigadoras aportan unha serie de novidades con respecto a resultados de traballos anteriores neste eido. En primeiro lugar, “á hora de modelizar o hábito de fumar consideramos que poden existir factores non observables comúns a pais e fillos, que, de maneira conxunta, determinen o hábito de fumar nunha familia” sinala Loureiro. Nesta liña, a profesora apunta que estudos previos indican que a transmisión entre xeracións das actitudes de risco é importante e que as preferencias temporais dos fillos e dos pais poden estar correlacionadas. Concretamente, segundo os datos aportados pola profesora María Loureiro as probabilidades estimadas de que o fillo fume se os dous pais fuman é dun 24%, reducíndose a case o 12% se ningún dos pais fuma. No caso das fillas, a probabilidade de fumar se ambos proxenitores fuman estímase nun 23% e redúcese tamén a un 12% se ningún dos pais fuma.

Á vista destes resultados, a profesora Loureiro resalta “a súa importancia dende o punto de vista do deseño de políticas públicas para combater o tabaquismo”. A través deste estudo, as investigadoras afondan na necesidade de artellar políticas anti tabaco para mozos que teñan en conta o contexto social onde viven.

Perspectiva de xénero

Por outro lado,  o estudo analiza o hábito do tabaquismo dende a perspectiva de xénero, é dicir,  como de maneira separada e individual a probabilidade de que o pai ou a nai fumen afecta de xeito distinto ao fillo ou á filla. Esta análise levouse a cabo tanto en fogares onde conviven os dous pais como en fogares monoparentais, encabezados na súa maioría por nais. Os resultados obtidos para os fogares onde os dous pais están presentes indican que existe un grao importante de transmisión interxeracional do hábito de fumar entre pais e fillos, en especial entre individuos do mesmo xénero.

Así, segundo as investigadoras, os pais transmiten de forma estatisticamente significativa o hábito de fumar aos seus fillos e as nais ás súas fillas. Pola contra, o feito de que a nai fume non parece afectar á probabilidade de que o fillo fume, nin tampouco o feito de que o pai fume afecta á filla. Á vista destas conclusións e tras ter en conta as condicións socioeconómicas, prezos do tabaco e localización do fogar, as fillas tenden a imitar ás súas nais e os fillos aos seus pais.

Familias monoparentais

Con respecto aos datos relativos aos fogares monoparentais, e con independencia do xénero do fillo, os resultados demostran que o hábito de fumar da nai transmítese de maneira estatisticamente significativa aos seus descendentes. Neste caso, a probabilidade de fumar para un fillo se a nai fuma é dun 32% e dun 28% para unha filla.