Expertos da USC estudan a mediación como vía para diminuír o número de vítimas por violencia de xénero

raquel_castillejo_webExpertos en dereito penal e procesal, así como psicólogos conforman un equipo de investigación que está a estudar a mediación como unha das posibles solucións que se poden arbitrar en relación á violencia de xénero. A coordinadora do proxecto, a catedrática Raquel Castillejo, explica que “a Lei Integral contra a Violencia de Xénero, sendo boa, falla en varios aspectos”, de xeito que o grupo que coordina pretende atopar os problemas derivados da súa aplicación e achegar solucións. Nesta liña, a investigadora pon de manifesto que cada ano morren máis mulleres e que, a pesar de que o Goberno pide que tanto as vítimas como as testemuñas denuncien, cada vez hai menos denuncias.

 

“Seis anos despois da entrada en vixencia da Lei as cifras son desoladoras”, apunta a investigadora, quen lembra que entre xaneiro e xuño de 2010 faleceron 33 mulleres a mans das súas parellas. Destas, só 15 tiñan denunciado e só 9 pediran orde de protección, engade a investigadora.

Do total das denuncias, só o 7% foran interpostas polas propias vítimas, o 72% foran atestados (denuncias postas pola policía) e só o 2% procedían de parentes. Estes datos indican evidencia, en opinión da profesora Castillejo, un grave problema, “as mulleres non queren denunciar, as que denuncian non consideran que estean en perigo e por iso non piden orde de afastamento, e das que si o fan 9 acaban mortas, o que implica que as ordes de protección tamén están a fallar.

O equipo de investigadores, integrado por expertos das universidades de Santiago, Oviedo, Complutense de Madrid e Carlos III, estase a centrar na análise da Lei. O seguinte paso será tratar de ofrecer solucións a todos estes problemas, entre elas, a mediación. “Hai parte do Consello Xeral do Poder Xudicial que considera que non pode funcionar, pero en determinados casos é posible resolver este conflito a través da mediación”, asegura Raquel Castillejo.

A mediación adóitana facer dous profesionais, habitualmente xuristas ou psicólogos con formación especializada neste eido, aínda que pode ser calquera profesional con determinadas aptitudes; dialogante, con empatía ou capacidade de liderado, entre outras.

Castillejo afirma que “a mediación en violencia de xénero non é terapia”, trátase de facerlle entender á vítima a súa valía como persoa e que está capacitada para decidir por si mesma. Da outra banda, trátase de que o agresor se dea conta de que coa súa actitude lle está a facer dano á súa parella, axudalo a que recapacite e que, de maneira pacífica, intente poñerse na posición da outra parte. “A mediación non é unha cura para os agresores pero si unha maneira de facelos recapacitar sobre o sometemento á muller, sobre a violencia”, sinala a investigadora.

Aínda que a mediación está prohibida por Lei nos procesos penais en xeral, en violencia de xénero estase a aplicar nalgúns casos como experiencia piloto e con moito éxito. Emprégase en determinados supostos, coa finalidade de deter a violencia e que se rompa a relación de parella, o cal non evita unha sentencia condenatoria para o agresor. “Se a mediación resulta, a vítima será unha muller nova e o agresor será un home distinto, que normalmente non volverá agredir á súa ex parella e, coa axuda dos tratamentos oportunos, quizais non reincida con ningunha outra”, manifesta a profesora.

Tratamentos contra a reincidencia

O equipo da Universidade de Santiago tamén está estudando o grao de efectividade dos tratamentos que na actualidade están obrigados a recibir en España os agresores para evitar a reincidencia no delito.

En xeral, con este proxecto preténdese conseguir que se leven a cabo determinadas reformas na Lei Integral contra a Violencia de Xénero, en particular para que a mediación se converta nun procedemento habitual nestes casos.