As maiores concentracións de ozono en Galicia rexístranse na primavera e o verán

santiago_saavedra_webÉ unha conclusión da tese de doutoramento de Santiago Saavedra sobre a contaminación por ozono troposférico en Galicia

A concentración de ozono na capa máis baixa da atmosfera -denominada troposfera- aumenta na primavera e no verán, rexistrando niveis que nalgúns casos superan os indicadores establecidos pola lexislación. Así o explica Santiago Saavedra que acaba de defender a súa tese de doutoramento centrada na contaminación por ozono troposférico en Galicia baixo a dirección do profesor José Antonio Souto.

 

O ozono, en determinadas concentracións, convértese nun contaminante que afecta á saúde humana, podendo provocar irritación das mucosas e dos tecidos pulmonares ou ocasionando inflamacións dos pulmóns cando a súa concentración é elevada. Nunha situación de contaminación por ozono, os que corren máis risco son os nenos e as persoas que padezan algunha enfermidade pulmonar así como aquelas que realicen exercicio físico ao aire libre.

Dado que o ozono se produce por radiación solar, Galicia non é unhas das rexións máis afectadas e, por esta razón, ata o de agora non existían estudos neste eido, explica o doutor Saavedra. O traballo de investigación centrouse no norte de Galicia posto que nesta área se localizan a maioría das estacións que integran a Rede Galega de Calidade do Aire. En total recolléronse mediación  dende o ano 2002 ao 2007.

Na investigación desenvolvida, Santiago Saavedra estuda tamén as variables meteorolóxicas que provocan o incremento de ozono en Galicia. Neste senso, o investigador concluíu que os niveis máis altos de ozono coinciden cunha situación dominada polo anticiclón de bloqueo situado ao norte da Península Ibérica, cunha corrente de vento de compoñente sur-sureste sobre Galicia, acompañado habitualmente de temperaturas elevadas. Deste xeito, tendo en conta as variables meteorolóxicas é posible predicir o risco de incremento dos niveis de ozono na atmosfera, explica o doutor Saavedra.

Procedencia do ozono

Outro dos aspectos sobre os que profundou a investigación foi a procedencia do ozono rexistrado, determinando deste xeito se se debía a procesos orixinados en Galicia ou noutras rexións máis contaminadas. Segundos os datos achegados polo investigador, o 27% dos episodios de ozono detectados en Galicia orixínanse na propia comunidade.

Outro 27% son episodios causados polo transporte de ozono procedente doutras áreas, en particular da meseta castelá e da costa atlántica portuguesa. O 46% restante é unha mestura de ambas contribucións, a local e a externa. Tal como manifesta Saavedra, “a contribución externa é importante porque ten relevancia no 73% dos episodios”.

Os resultados subliñan que “o control da contaminación atmosférica no eido galego non é suficiente, senón que cómpre ademais desenvolver protocolos de control da contaminación transfronteirizos” -declara o autor do estudo-.

O investigador da Universidade de Santiago continuará coa monitorización dos episodios de ozono en Galicia. “A idea é poder establecer no futuro un sistema de predición do ozono e doutros contaminantes asociados, é dicir, en xeral un sistema para avaliar a calidade do aire” -apunta-.

Na orixe

Unha parte do ozono procede de emisións de óxidos de nitróxeno que teñen a súa orixe natural en procesos biolóxicos e tamén da emisión de compostos orgánicos volátiles derivados sobre todo da vexetación. Tal e como indica Santiago Saavedra, as cantidades de ozono ás que dan lugar estes procesos son pequenas e a súa concentración no aire non adoita chegar a niveis perigosos. A acumulación de ozono comeza a ser problemática cando se provoca a súa concentración por medios artificiais. Neste senso, engade Saavedra, moitas das actividades que organiza o home ne actualidade emiten contaminantes á atmosfera que por acción da luz solar reaccionan ata provocar a formación do ozono.