O Colexio de Arquitectos de Santiago e o Roteiro de Creación presentan a exposición de retratos, gravados e xoiería en prata dos finalistas da Operación Frechazo

evaAs obras, elixidas polo público, son de J. Méndez, Tita Fraga, Soledad Mato e Mónica Fraga

Acto de inauguración:
Esta tarde, ás 20:00 horas, na sede colexial da Quintana


A Comisión de Cultura da Delegación de Santiago do Colexio de Arquitectos  (COAG-Santiago) e o Roterio de Creación inauguran esta tarde, ás 20:00 horas na sede do COAG (praza da Quintana), a exposición colectiva dos catro finalistas da chamada Operación Frechazo 2009: J. Méndez, Tita Fraga, Soledad Mato e Mónica Fraga.
Os catro artistas amosarán as súas obras neste emblemático espazo da cidade por decisión do público, que lles outorgou na pasada edición do Roteiro de Creación o 2º, 3º, 4º e 5º premio respectivamente, e os elixiu entre  todos os artistas participantes.

Operación Frechazo


O público tivo a posibilidade de pronunciarse e expresar as súas preferencias elixindo aos cinco gañadores dos máis de 40 artistas que teñen participado na edición do  Roteiro de Creación 2009. Como premio, o Roteiro de Creación 2010, en colaboración co COAG, organizou unha exposición individual para a gañadora, María Meijide, que terá lugar proximamente, e esta colectiva para os catro finalistas.

A Operación Frechazo 2009 resultou un éxito, a oportunidade de votar estimulou a participación do público polo que se ten repetido nesta cuarta edición do Roteiro de Creación. De novo, o público puido asignar de un ata cinco corazóns a todos os artistas visitados durante as xornadas de talleres abertos, coa condición de elixir mediante votación un mínimo de cinco creadores.

Exposición colectiva dos finalistas da Operación Frechazo 09

J. MÉNDEZ

“¿Quién es quién? Serio estudio sobre el retrato“

Méndez presenta cinco retratos destes mesmos Frechazos con tratamento compositivo inspirado en Alegorías actualizadas e recreadas a partir do tratado recompilatorio que, desde o antigo Exipto ao Renacemento, realiza Cesare Ripa no s. XVII e imprime baixo o nome de Iconoloxía.

Partindo de tres plantexamentos básicos: disposición, cualidade e atributos, J. Méndez respecta os dous primeiros, modificando os atributos. Por exemplo, a gadaña da morte ou o homicidio transfórmase nun moderno cortasebes. A actualización que realiza o artista potencia un anacronismo, que unido a inclusión de elementos dispares e inquietantes, enriquecen composicións de carácter surrealista nas que non se perde o sentido da alegoría básica que da título, con apoio gráfico, ás diferentes obras.

TITA FRAGA


Cunha intención claramente literaria, Tita Fraga utiliza o gravado na súa forma máis ortodoxa: como soporte para a ilustración. Falamos de poesía visual.

Unha serie de sete pequenas esculturas e un friso de gravado, sobre todo gofrados, punta seca e collage, forman parte da obra que amosará nesta exposición.

SOLEDAD MATO

Soledad Mato presenta unha selección de pezas en prata, algunhas con pedras semipreciosas, totalmente elaboradas a man, como toda a produción que sae do seu taller.

Con máis de 20 anos de experiencia e formación, a artista deixa a un lado os procedementos empregados para a produción en serie, as máquinas ou as novas tecnoloxías, que aínda que están presentes na súa formación, non as emprega no seu traballo diario. Soledad Mato elabora todas as súas pezas empregando as ferramentas e as técnicas tradicionais da xoiería e consegue que cada peza que crea sexa única e persoal.

MÓNICA FRAGA


A súa creación componse de varias pezas de xoiería en prata esmaltada elaboradas artesanalmente, pertencen a serie “Azteca” de esmalte fenestrado, a modo de pequenas vidreiras.

Ademais, poderase ver sete dos seus cadros de pequeno formato en baixoreleves, elaborados con chapas de cobre esmaltadas e superpostas que pertencen a serie “Teruel, 1ª parte”. Son unha recreación das pinturas sobre táboa que se atopan no teito da catedral de Santa María de Midiavilla, en Teruel, e que datan de finais do século XIII. Estas táboas estiveron ocultas durante dous séculos e medio por unha cúpula renacentista que foi derribada por unha bomba no 1939. Son un magnífico exemplo da pintura mudejar aragonesa que teñen espertado a paixón da artista debido a súa temática variada e curiosa.

A exposición permanecerá aberta ata o 8 de novembro, en horario de 10-14.00 horas e de 19-21.00 horas de luns a venres, os sábado de 10-14.00 horas e de 18-21.00 horas e os domingos de 11-14.00 horas.