A supervivencia no Berlín de posguerra ocupa a terceira xornada do ciclo CineCidade co filme “Alemaña, ano cero”

alemanaO seu director, Roberto Rossellini, narra unha historia tráxica de final desesperado que ten como protagonista a un adolescente

A Delegación de Santiago do Colexio de Arquitectos de Galicia (COAG) está a celebrar esta semana a cuarta edición do ciclo de cine CineCidade 4.0  Sobreviventes. O filme que se proxectará mañá ás 21:00 horas na Aula de Cultura de Caixa Galicia é “Alemaña, ano cero”.
Baixo a dirección e guión de Roberto Rossellini esta película xorde en 1948 retratando o Berlín da posguerra. Gañadora do Festival de Locarno nese mesmo ano, Rossellini dedicoulla ao seu fillo  Romano, falecido dous anos atrás. De novo Rossellini retrata o sufrimento humano e a figura dos perdedores, derrotados por unha vida que os obriga a pagar culpas alleas. Cun final desesperado, unha visión tráxica da vida e sen esperanzas, o director pecha a triloxía neorrealista que comezara con “Roma, cidade aberta” e “Paisà”.

Ambientada nunha cidade pantasma, a película conta a historia de Edmund Koeler, un neno de trece anos que vive na maior das miserias. Como moitos outros habitantes, Edmund percorre os edificios derruídos na procura de alimentos para a súa familia.

Segundo un dos membros do comité organizador do ciclo, Karme García, a película envolve ao espectador nun ambiente tráxico onde un adolescente se ten que buscar a vida dentro do “caos dunha cidade desolada despois da guerra”.