Inicio

A Academia Galega de Belas Artes elixe como novos numerarios a Din Matamoro, Ignacio Basallo, Enrique Jiménez, Asunta Rodríguez e Xosé Díaz de Castro

Manuel Quintana Martelo, presidente:

“Agardamos iniciativa e traballo a favor da Academia para conseguir maior representación social e política dentro de Galicia”

Como académicos correspondentes entraron a formar parte da institución José María Eguileta, Fernando Agrasar e Ana Goy

A Real Academia Galega de Belas Artes (RAGBA) celebrou o sábado, día 30, sesión ordinaria na súa sede da Coruña na que foron elixidos por votación reglamentaria novos membros numerarios e correspondestes da Academia.

Os novos membros numerarios foron o pintor Eduardo Manuel Matamoro Irago, coñecido como Din Matamoro, na sección de pintura e gravado; o escultor Ignacio Vázquez Novoa-Basallo, na sección de escultura; o violinista e secretario dos cursos Música en Compostela Enrique José Jiménez Gómez, na sección de música; a historiadora da arte, comisaria de exposición e galerista María Asunción Rodríguez Rodríguez, na sección de expertos nas artes; e o deseñador gráfico, secretario da Fundación Luis Seoane e presidente da Fundación Sargadelos, Xosé Díaz Arias de Castro, na sección de artes da imaxe.

Como académicos correspondentes entraron a formar parte da Academia o doutor en Historia e arqueólogo José María Eguileta Franco, o doutor Arquitecto e director da Escola Superior de Arquitectura da Coruña, Fernando Agrasar, e a doutora en Xeografía e Historia na especialidade de Historia da Arte e profesora da USC, Ana Goy Diz.

Tras unhas votacións disputadas, onde primou a calidade dos candidatos, o presidente da Academia de Belas Artes, Manuel Quintana Martelo, indicou que esperan unha estreita colaboración para favorecer o “avance e progreso” da institución. O presidente destacou que, coa entrada da nova xunta de goberno en xaneiro de 2015, un dos propósitos é activar o plenario da Academia para cubrir as once vacantes e axilizar o seu funcionamento. Dos académicos propostos, Quintana Martelo explicou que agardan “iniciativa e traballo a favor da Academia para conseguir maior representación social e política dentro de Galicia”.

Para que sexa efectiva a elección e se convertan oficialmente en académicos, os estatutos da Academia contemplan que os numerarios propostos deberán ler un discurso de investidura, como aportación que o novo académico fai nunha sesión solemne, nun prazo máximo de seis meses.

Académicos numerarios

Din Matamoro (Vigo, 1958). http://www.dinmatamoro.com/

O pintor Din Matamoro é licenciado en Belas Artes. Realizou pintura e gravado calcográfico na Academia de Bellas Artes de San Fernando en Madrid, un taller de pintura no Círculo de Bellas Artes con Antonio Saura, un curso de litografía na School Visual Arts e outro de serigrafía no Manhattan Center de New York.

Din Matamoro mostrou moitas das súas obras en exposicións individuais e colectivas nos últimos vinte anos. E actualmente pódense ver algunhas das súas pinturas na Colección de Arte Contemporáneo da Xunta de Galicia, no Museo de Álava, nas coleccións privadas de Unión Fenosa ou da Deputación de Pontevedra, na colección do Centro Galego de Arte Contemporáneo (CGAC) de Santiago (onde fixo una mostra individual no 2003) ou na Fundación Barrié de la Maza da Coruña. Entre os seus recoñecementos destacan a Beca Banesto recibida en 1993, o segundo premio da Bienal de Pontevedra en 1992, e a Beca da Academia Española de Bellas Artes, Historia y Arqueología de Roma, en 1991.

Ignacio Basallo (Ourense, 1952)

O escultor, coñecido como Ignacio Basallo, iniciouse na plástica na Escola de Artes e Oficios de Ourense. Realizou a súa primeira exposición en Ourense en 1971, e posteriormente trasladouse a Madrid, para traballar co escultor Manuel Raba. Iniciou estudos na Escuela de San Fernando de Madrid. Realizou gravados e nos anos 73 e 74 trasladouse a Barcelona, onde asistiu ás clases da Escuela Massana. A súa obra expándese por mostras colectivas, entre elas as bienais de Pontevedra, onde sorprende a súa sinxeleza e modernidade. Expón en numerosas cidades de España e participa en actividades plásticas diversas, como o teatro, para o que realiza máscaras, e a fotografía de intención etnolóxica.

Desde hai anos, traballa no seu taller de Xeisalbo, na provincia de Ourense. Está representado en museos de Galicia e en coleccións institucionais de importancia. Ignacio Basallo é un artista moi persoal, que se inspira directamente na natureza e, en concreto, nas suxerencias da madeira e nos antigos apeiros de labranza. No ano 2003 fixo unha mostra retrospectiva no CGAC, e no vindeiro mes de outubro expondrá na Fundación Gonzalo Torrente Ballester, de Santiago de Compostela.

Enrique José Jiménez Gómez

O musicólogo Enrique José Jiménez Gómez iniciou os seus estudos musicais en Santiago de Compostela aos doce anos de idade co profesor Jesús Martínez, para despois asistir ás clases do Conservatorio de Compostela na modalidade de ensinanza libre. Ingresou aos dezasete anos como violinista na Orquestra da Capela da S.A.M.I. Catedral de Santiago. É, ademais, licenciado en Medicina e especialista en obstetricia e xinecoloxía. Retirouse da interpretación musical ante o público en 1989. Demostrou sempre un interese polo cultivo doméstico da música de cámara, especialmente do repertorio clásico asequible, nos ámbitos do trío e o cuarteto de arco, e obras para violín e piano, especialmente as referizas á sonata.

Escribiu multitude de libros e artigos sobre temática musical e participou en diversas mesas redondas e coloquios. Actualmente, é secretario dos Cursos Música en Compostela.

Asunta Rodríguez (Amandi, Asturias. 1965). http://www.trinta.net/

Asunta Rodríguez é licenciada en Historia da Arte pola USC en 1988. É propietaria da galería Trinta de Santiago (Virxe da Cerca, nº 30) desde 1993. Comisariou varias exposicións de Pamen Pereira, Vari Caramés, Teo Soriano e Art Show. Ademais, realizou artigos de crítica de arte para La Voz de Galicia.

Entre os premios recibidos destacan o recoñecemeto á Galería Trinta como mellor galería española en Arco 1995, concedido pola Asociación Española de Críticos de Arte; o premio Galega do Mes de El Correo Gallego en 2010; o premio Mulleres 21 da Fundación Iniciativas 21; e o premio da Cultura Galega, na sección de Artes Plásticas, en 2014 da Xunta de Galicia á Galería Trinta.

Xosé Díaz Arias de Castro (A Coruña, 1949)

Xosé Díaz estudou Filosofía e Letras na USC e deseño gráfico profesional na Bureau of European Designers Association da Unión Europea. É membro da Asociación Española de Profesionais do Deseño. Ademais, é secretario da Fundación Luis Seoane, presidente da Fundación Sargadelos, director do Museo Carlos Maside e director do Laboratorio de Formas de Galicia.

Entre os seus últimos traballos destacan o deseño da exposición Outros verbos, novas lecturas: Valle-Inclán traducido para o Consello da Cultura Galega; o deseño do símbolo No bico un cantar. Curros 2014, para a Consellería de Cultura e o Consello da Cultura Galega; e o comisariado e deseño da exposición Valentín Paz-Andrade. Galiza como tarefa, para a Fundación Luis Seoane e a Fundación Novacaixagalicia; e moitos outros traballos de deseño ao longo dos últimos corenta anos.