Inicio

Xuristas e xornalistas debaten sobre a intimidade, imaxe e medios informativos nunha xornada celebrada hoxe na Egap

•A directora da EGAP, Sonia Rodríguez-Campos, destacou na inauguración que o centro de formación tamén quere ser “un foro de debate sobre temas de actualidade”

O  director xeral da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo, recoñeceu que “non existe un consenso na profesión” á hora de abordar estes casos

•O maxistrado do TSXG José Ramón Chaves afirmou que a nova lei de transparencia é “un paso adiante” e que agora os medios de comunicación “teñen moito que facer”

Jordi Nieva, catedrático de Dereito Procesual da Universidade de Barcelona: “No caso Asunta vai ser imposible atopar un xurado que non estea influído pola opinión publicada”

O avogado Víctor Salgado advirte de que no caso dos menores a súa protección é máxima

A Escola Galega de Administración Pública (EGAP) celebrou hoxe unha xornada titulada Intimidade, imaxe e medios de comunicación públicos destinada a analizar cuestións como o dereito á información e os seus límites; o emprego de datos, imaxes ou comentarios extraídos da rede con fins informativos ou de investigación xornalística; os xuízos paralelos e os límites da publicidade procesual; o tratamento informativo en relación coas vítimas e o populismo mediático. 

A sesión, dirixida especialmente a profesionais dos medios de comunicación, foi inaugurada pola directora da EGAP, Sonia Rodríguez-Campos, e o director xeral da Compañía de Radio Televisión de Galicia, Alfonso Sánchez Izquierdo. A responsable da EGAP, que destacou a oportunidade desta xornada, indicou que o centro de formación tamén quere ser “un foro de debate sobre temas de actualidade”. Entre tanto, Sánchez Izquierdo, recoñeceu que “non existe un consenso na profesión” á hora de abordar casos que suscitaron abundante controversia social como as imaxes do accidente de Angrois, a nena Asunta, as execucións do Estado Islámico ou a auxiliar de enfermaría Teresa Romero: “Seguimos sen atopar o punto idóneo de conciliación entre o deber de informar e a protección da intimidade”. Tamén subliñou que os medios públicos galegos parten duns condicionamentos de regulacións externas e compromisos de autorregulación “que non teñen nin de lonxe os privados”.

Ademais participaron como relatores o maxistrado da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia José Ramón Chaves; o avogado e socio do bufete Pintos & Salgado Víctor Salgado; a catedrática de Dereito Penal da Universidade de Alacant Carmen Juanatey; e o catedrático de Dereito Procesual da Universidade de Barcelona Jordi Nieva. A xornada finalizou cunha mesa redonda sobre a formación da opinión pública e o tratamento dos temas penais nos medios de comunicación. Moderada pola delegada da Axencia EFE en Galicia, Ana Martínez, a mesa de debate contou coa participación do director de La Voz de Galicia, Xosé Luís Vilela; o fiscal Antonio Roma; o profesor de Dereito Penal da Universidade de Santiago, Gumersindo Guinarte; e o decano do Colexio de Xornalistas de Galicia, Xosé Manuel Pereiro.

A lei de transparencia, un paso adiante 

O maxistrado José Ramón Chaves fixo unha detallada exposición da Lei 19/2013, do 9 de decembro de transparencia, acceso á información pública e bo goberno, que entrará en vigor en decembro deste ano. Destacou que Galicia foi “pioneira” na materia coa súa lei de transparencia e boas prácticas na Administración galega, que data de 2006, pero tamén se amosou partidario de que se fixera unha lei orgánica, “igual en todo o Estado”. En canto á actual lei de transparencia dixo que servirá para remover tendencias indesexables, robustecer a confianza no poder democrático, proporcionar instrumentos de control e combater a intoxicación mediática e cibernética; pero bota en falta que case un ano despois da súa promulgación aínda non estea nomeado o Consello de Transparencia e Bo Goberno, órgano que dependerá do Ministerio de Facenda. Chaves critica, entre outras cousas, a falta de financiamento asociado, así como que a lei contemple a posibilidade de negar información auxiliar como borradores, opinións e informes internos, “porque aí soe estar o pecado orixinal”, segundo apostilou. En todo caso, o maxistrado concluíu que é un “paso adiante” e que agora os medios de comunicación “teñen moito que facer”.

JORDI NIEVA: “Os medios condenaron sen probas aos pais de Asunta”

O catedrático de Dereito Procesual da Universidade de Barcelona Jordi Nieva falou sobre os xuízos paralelos nos medios de comunicación. Un caso moi mediático e aínda de actualidade é o asasinato de Asunta. Segundo Nieva, os medios de comunicación condenaron “sen probas” aos pais de Asunta, “esaxerando claramente os achados policiais que aparentemente os involucran e minimizando os datos exculpatorios, que son moitos máis dos que se destacaron nos medios”. Pero o principal inconveniente deste caso, explica Nieva, é que se traballou só cunha hipótese desde o principio, a culpabilidade dos pais, e unha única hipótese alternativa “claramente absurda”, a da persoa de Madrid cuxo seme contaminou unha prenda de Asunta no laboratorio. “A busca de hipóteses alternativas non pode substituírse pola intuición ou valoracións sociolóxicas” –indicou–. En opinión do catedrático,  volveu suceder o mesmo que no caso de Rocío Wanninkhoff.

Nieva destacou a falta dun “auténtico xornalismo de investigación” baseado na busca desas hipóteses ou centrado no cuestionamento de certas decisións do caso, como a rápida incineración do cadáver ou a  gravación das conversas dos calabozos, que xa foi declarada ilícita. “A maioría dos medios de comunicación dedicáronse a reforzar a hipóteses da culpabilidade dos pais e trasladala á cidadanía cunha enorme carga emotiva” –apuntou–. Nestas condicións, Nieva salientou que “vai ser imposible atopar un xurado que non estea influído pola opinión publicada”, o que fai case inviable a presunción de inocencia dos pais como dereito constitucional, por máis incomprensión que xere na cidadanía. Nieva considera que debería existir a posibilidade, presente noutros países, de renunciar ao xurado en beneficio dun tribunal profesional, pero en España é imposible.

En relación á corrupción, o catedrático indicou que é inevitable establecer xuízos paralelos cando se imputa a un político, porque a liberdade de expresión e información adquire máis protagonismo pola súa condición de servidor público. A percepción cidadá da corrupción política, con crise económica ou sen ela, sempre é mala. Nieva lembra os casos Filesa ou Gal, que fixeron caer o goberno do PSOE en 1996. “Son tantos os casos de corrupción que saíron á luz pública nos últimos tempos que o cidadán xa se acostumou, aínda que sexa sorprendente e desolador”  –argumentou–.

VÍCTOR SALGADO: “O uso de imaxes de menores en redes sociais ou medios de comunicación debe ser moi restritivo”

Outro dos aspectos que se analizaron na xornada de hoxe foi o emprego de datos persoais presentes en Internet ou nas redes sociais. O avogado especialista en dereito da información, Víctor Salgado, comentou este complexo tema no que interveñen varios dereitos como a liberdade de expresión e de información, da que fan uso os medios de comunicación. “O interese público, o dereito á intimidade, persoal e familiar, así como o dereito á propia imaxe, ao honor e o dereito á chamada ´privacidade` ou protección de datos, que protexe aos individuos nas súas comunicacións e publicacións en redes sociais, son todos dereitos que deben estar perfectamente equilibrados e respectados no labor xornalístico” –apuntou–. 

No caso dos menores, Salgado advirte de que a súa protección é máxima, protexendo os seus dereitos fundamentais persoais e requirindo unha autorización especial outorgada polos pais ou titores legais, e chegado o caso, do propio Ministerio Fiscal en interese do menor. “O uso de imaxes de menores en redes sociais ou medios de comunicación debe ser moi restritivo na práctica e requirir dunha interpretación rigorosa da lexislación vixente e, moi especialmente, no que ás súas excepcións de uso se refire” –matizou o experto–.