Inicio

As novas directivas europeas implicarán “devolver a confianza que precisa a cidadanía cara ás Administracións públicas”

•    A melloría na contratación pública alcanzarase favorecendo a “profesionalidade” dos órganos de contratación
•    A EGAP clausurou con éxito de público estas xornadas protagonizadas por algúns dos membros do grupo de traballo do Estado encargado de transpoñer as directivas

A Escola Galega de Administración Pública (EGAP) clausurou con éxito as xornadas sobre “As novas directivas de contratación pública e a súa transposición”, que tiveron lugar na sede da EGAP e nas que participaron de máis de trescentos asistentes entre asesores xurídicos e interventores, persoal de servizos públicos de contratación, xestores de Fondos da UE, contratistas e potenciais contratistas.

A directora da EGAP, Sonia Rodríguez-Campos, valorou como moi positiva esta actividade, “tanto polo éxito de participación como por ter servido de referencia para comprender as directivas que marcarán un punto de inflexión no relativo á contratación pública en España”.

A segunda e última sesión das xornadas foi iniciada polo presidente do Tribunal Administrativo Central de Recursos Contractuais, Juan José Pardo, que ofreceu un relatorio titulado “A experiencia do Tribunal Administrativo Central de Recursos Contractuais ante as novas directivas de contratación”. Na súa intervención destacou que para conseguir unha melloría na contratación pública hai que favorecer a “profesionalidade” xa que os fondos destinados supoñen o 20% do PIB da Unión Europea.

Estas xornadas tamén contaron coa presenza dun dos maiores expertos en contratación pública en España, José María Gimeno Feliú, catedrático de Dereito administrativo da Universidade de Zaragoza. Na súa exposición quixo resaltar a transformación que pretende levar a cabo a aprobación das directivas, mediante o cambio cualitativo dunha visión burocrática a unha visión estratéxica no referente á contratación pública. Isto implicará “devolver a confianza que precisa a cidadanía cara ás administracións públicas mediante a eliminación das redes clientelares”. Ademais, fixo fincapé no principio básico destas directivas, “conseguir unha transparencia efectiva”.

Con esta actividade, a EGAP pretende contrastar o enfoque da Comisión Europea, de técnicos e representantes da Administración Xeral do Estado e da Comunidade Autónoma de Galicia, así como de profesores universitarios de recoñecido prestixio na materia. Nela tratáronse temas como o proceso de mellora permanente na contratación pública, os desafíos das comunidades autónomas ante a nova lexislación ou as similitudes e diferenzas respecto do marco vixente en España.