O MúsicaXove pecha esta edición coa final de pop-rock na que se enfrontarán os grupos Belöp Por placer e Frab Fly

BelpOs concertos comezarán ás 22:00 horas na Sala Capitol

A terceira edición do Certame MÚSICAXOVE´10, organizado pola Concellaría de Xuventude de Santiago de Compostela, celebra esta noite ás 22:00 horas na Sala Capitol a súa segunda e última final na modalidade de pop-rock, onde competirán tres grupos: Belöp (Redondela), Por placer (Vigo) e Frab Fly (Santiago). As portas abriranse media hora antes, para que todos os que queiran ver a estes grupos en directo poidan recoller a súa entrada en taquilla. A asistencia é de carácter gratuíto ata o esgotamento das localidades. Os tres grupos participantes tocarán dous temas obrigatorios e, a maiores, dous temas libres. O grupo Belöp interpretará Come Up With Your Own Moves, Sometimes People Need Something Like This, Sick Me e Yeah!. No caso de Por placer tocarán Una vez más, Lonxe de ti, Sin fecha e Ruido y fuego. Por último, a banda Frab Fly fará soar na Capitol Five colours (de Mcfly), Lágrimas e Donde te conocí (temas propios do grupo) e Lies (de Mcfly).

Tras a actuación dos grupos, os sete membros do xurado (o concelleiro de Xuventude, Xosé Baqueiro, en calidade de presidente; a directora da Escola Municipal de Música, Sara Domínguez; o locutor dos 40 Principais, Gabi Davila; o músico Carlos Arévalo; o xerente da Sala Capitol, Antonio García Borrazás; o promotor musical vinculado ao Reixa e á Sala Nasa, Francisco Villasenín; o músico, Lucas Rey; e como secretaria a técnico do Departamento de Xuventude, Noela Vilas) darán a coñecer o nome do gañador da noite que recibirá 2.000 euros de premio. Pero para o segundo e o terceiro tamén haberá recompensa, pois recibirán 1.000 e 500 euros respectivamente.