Unha mostra fotográfica narra a peregrinación 6MPasos de Andrés Fraga e Juan Rivas “Coru”
- Detalles
- Categoría: Xuventude Concello Santiago
- Published: Mércores, 08 Xuño 2011 12:02
- Visitas: 1089

A exposición poderase ver ata o 25 de xuño na Galería Sargadelos de Santiago
A Galería Sargadelos de Santiago de Compostela acolleu hoxe a inauguración da exposición “6MPasos. Nordkapp – Santiago de Compostela: unha aventura de 6.000 km a pé”, que recolle en imaxes o periplo vivido por Andrés Fraga e Juan Rivas “Coru” hai un ano, cando cruzaron Europa a pé desde Nordkapp (Noruega) ata a cidade compostelá. Ao evento acudiron, ademais dos dous protagonistas do proxecto, o alcalde en funcións de Santiago de Compostela, Xosé A. Sánchez Bugallo; o concelleiro en funcións de Xuventude, Xosé Baqueiro; e un grupo de alumnos do Colexio Alborada.
O proxecto 6MPasos levou a Andrés Fraga e Juan Rivas “Coru” a cruzar Europa a pé durante sete meses, nunha peregrinación de 6.000 kilómetros, once países diferentes, sete pares de botas cada un, e encontros con personaxes do máis variopinto. A viaxe foi retransmitida case en directo a través das redes sociais Facebook e Twitter e por medio dun blog (www.6mpasos.com; www.flickr.com/photos/6mpasos).
A exposición viaxará por varios dos países do percorrido. Este proxecto culminará nun documental en HD para mostrar a viaxe de forma máis detallada, que esperan esté listo a finais de ano. Permanecerá exposta na Galería Sargadelos ata o 25 de xuño nos seguintes horarios: de luns a venres, de 10:30 a 13:45 horas, e de 16:30 a 21:00 horas; e os sábados, de 10:30 a 14:00 horas e de 17:00 a 20:30 horas.