Los Coronas e os galegos Pi Graos, invitados no concerto de presentación da terceira edición de MúsicaXove’10

Los_CoronasEsta noite a Concellaría de Xuventude presenta a terceira edición do certame MúsicaXove’10 cun concerto na Sala Capitol, cos grupos Los Coronas, e como teloneiros os pontevedreses Pi Graos. As portas da sala abriranse ás 21:30 horas e media hora despois comezará a soar a música.

Los Coronas son o grupo pionero e de máis repercusión do surf instrumental en España actualmente. A súa formación naceu en 1991 e chegan a Santiago para presentar o seu último traballo El Baile Final... de los Locos y los Cuerdos. As invitacións para ver o concerto esgotáronse a semana pasada, xa que había unha gran expectación entre a xuventude da cidade.

Neste concurso musical, que se celebrará previsiblemente entre abril e maio, participarán grupos da  Rede Galega de Locais de Ensaio (da Dirección Xeral de Xuventude) e bandas de diferentes puntos de Galicia.

Os participantes competirán por ser os mellores na súa categoría musical: nesta edición en pop-rock e heavy-metal. Poderán participar todos os grupos e solistas de entre 16 e 35 anos que terán de prazo para inscribirse ata o 20 de marzo no Rexistro Xeral do Concello de Santiago (Rúa Frei Rosendo Salvado, nº 14-16; Centro Sociocultural e Xuvenil municipal O Ensanche), en horario de 9-14.00 horas.