A Concellaría de Xuventude pon en marcha o aulario do novo Centro Xove de Creación Cultural da Almáciga con cursos formativos
- Detalles
- Categoría: Xuventude Concello Santiago
- Published: Martes, 01 Febreiro 2011 13:05
- Visitas: 933

Impartiranse nove actividades entre os meses de febreiro e maio
O concelleiro de Xuventude, Xosé Baqueiro, presentou a nova web do departamento – www.xuventude.eu –, cun deseño e contidos renovados
O concelleiro de Xuventude e Festas de Santiago de Compostela, Xosé Baqueiro, presentou esta mañá a posta en funcionamento do aulario do novo Centro Xove de Creación Cultural da Almáciga. Para a súa posta en marcha, a Concellaría contou cun orzamento final de 90.942, 94 euros (40.105 euros para o mobiliario e 50.837,94 euros para o material de novas tecnoloxías –informático e audiovisual–).
Baqueiro aproveitou para anunciar que este xoves, 3 de febreiro, presentarase en Raxoi o proxecto do espazo multifuncional, edificio anexo ao aulario, chamado A Nave, co alcalde de Santiago, Xosé A. Sánchez Bugallo, e o arquitecto encargado da obra, Alfredo Varela.
Cursos no Centro Xove de Creación Cultural
No aulario da Almáciga impartirase o curso de 6Mfotos, fotografía de viaxes, a cargo do fotógrafo Andrés Fraga, que xunto co seu compañeiro Juan Rivas ‘Coru’ realizaron unha peregrinación desde Noruega ata Compostela. Con esta acción formativa “búscase tranmitir aos afeccionados á fotografía trucos e técnicas básicas para sacar boas imaxes de viaxe” –apuntou Baqueiro.
Tamén na Almáciga se ofrecerá un taller de comisariados, onde os alumnos, dirixidos por María Calvo, crearán unha pequena exposición e unha revista expres sobre un tema concreto. Outro dos cursos versará sobre pintura a través das Meninas por Xoti de Luis, ademais doutra actividade de modelado, escultura e debuxo. A cultura urbana tamén terá o seu oco no centro cun curso de graffiti e outro de break dance.
Xa no Centro Sociocultural e Xuveni Municipal O Ensanche impartiranse dous cursos, un de máscaras enfocado ao seu deseño para o Entroido, e un segundo de expresión oral. E finalmente, debido á longa lista de espera, ofértase unha nova edición da aula de educación canina no parque do Paxonal.
Para participar nestas actividades formativas os rapaces e rapazas deben cubrir un folleto de inscrición previa e entregalo desde hoxe no Centro Sociocultural e Xuvenil Municipal O Ensanche (Frei Rosendo Salvado, 14-16. 981 543001; ou consultar a través da páxina web: Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo.).
Unha web renovada (www.xuventude.eu)
Ademais, Baqueiro presentou a nova web de Xuventude, que foi renovada e actualizada no seu deseño e contidos. A páxina recolle todos os espazos dedicados polo departamento á mocidade, as súas principais funcións e as actividades que se desenvolverán en cada un:
→ Centro Sociocultural e Xuveni Municipal O Ensanche
→ Locais Municipais de música para a xuventude de Compostela de San Lázaro
→ Aulario do Centro Xove de Creación Cultural na Almáciga
Tamén se inclúe un apartado con todas as actividades e programas e un enlace para expoñer as principais características e a normativa do Consello Municipal da Mocidade. Dispón dun Blog de novas, onde xa se pode consultar e descargar o folleto coa nova programación, ademais dun apartado que inclúe un listado coas principais asociacións de Xuventude e links aos organismos básicos galegos, españois e europeos. A páxina está enlazada co sitio web do concello e viceversa.