Xuventude busca novos talentos musicais coa terceira edición do MúsicaXove’10

Presentacin_MsicaXove10_Xos_Manuel_Rodrguez_e_Xos_Baqueiro_O concelleiro de Xuventude do Concello de Santiago, Xosé Baqueiro, presentou hoxe a convocatoria do 3º Certame MÚSICAXOVE´10 que dará a posibilidade de canalizar a creatividade musical das novas promesas musicais de Santiago e do resto de Galicia. Nesta edición, que se celebrará previsiblemente entre abril e maio, participarán grupos da  Rede Galega de Locais de Ensaio (da Dirección Xeral de Xuventude) e bandas de diferentes puntos de Galicia.

 

Os participantes competirán por ser os mellores na súa categoría musical: nesta edición en pop-rock e heavy-metal, xa que o hip hop vaise reservar para un concurso nas Festas da Ascensión, e a modalidade folk queda cuberta co prestixioso Certame Folk Radio Obradoiro, que este ano alcanza a súa undécima edición. “Organizamos este concurso para promocionar, impulsar e canalizar a creatividade musical dos xoves que teñen unha gran confianza no seu talento musical e apostan forte por convertirse en grandes artistas” –indicou Baqueiro.

Poderán participar todos os grupos e solistas de entre 16 e 35 anos que Terán de prazo para inscribirse entre o 11 de  febreiro e o 20 de marzo no Rexistro Xeral do Concello de Santiago (Rúa Frei Rosendo Salvado, nº 14-16; Centro Sociocultural e Xuvenil municipal O Ensanche), en horario de 9-14.00 horas.

Outro dos requisitos é que os participantes non poden ter editado ningún disco, agás os autoeditados, nin contrato con algunha discográfica. Entre os xéneros musicais a concurso atópanse o pop-rock, o metal, a canción de autor-folk e o hip-hop.

En canto ao xurado, estará composto por especialistas do mundo da música, que valorará a utilización da lingua galega, tanto nas letras coma na imaxe da banda. Este mesmo xurado, encargado de dar o veredicto o día do concerto final, escoitará previamente as maquetas, para seleccionar como mínimo a tres participantes por modalidade. Os seleccionados tocarán obligatoriamente no concerto os dous temas presentados na maqueta e dous temas a maiores de elección libre.

Os  premios serán os seguintes:

1-Dous primeiros premios, un por modalidade, de 2000 euros cada un.

2-Dous  segundos premios, un por modalidade, de 1000 euros cada un.

3-Dous terceiros premios, un por modalidade, de 500 euros cada un.

Ademais, os finalistas terán a posibilidade de participar na edición dun disco recopilatorio de cada unha das actuacións, e de promocionar a súa música con diversas actuacións musicais: dúas para o gañador de cada modalidade e unha para o segundo e terceiro clasificado en cada categoría.

Baqueiro lembrou que na edición de 2009 participaron 12 grupos en catro categorías musicais: pop-rock, metal, hip hop, e folk-outras músicas. Nas tres xornadas de competición que se celebraron na Capitol os participantes conseguiron encher o aforo da sala e despertar certa curiosidade entre o público que escoitaba por primeira vez os seus temas. As diferentes bandas asistiron onte mércores no Centro Sociocultural e Xuvenil municipal O Ensanche á inauguración dunha exposición fotográfica das súas actuacións no MúsicaXove’09. Son 48 fotos do fotógrafo Andrés Fraga que captan os mellores momentos de cada concerto.

Para facilitar o nacemento de grupos musicais, os rapaces de Santiago dispoñen dun local de ensaio en San Lázaro con dúas salas independentes onde contan co material básico para compoñer e tocar os seus temas. Tamén reciben respaldo en canto á promoción e difusión das súas actividades, con actuacións e concertos organizados pola Concellaría de Xuventude e Festas ou a través de colaboracións con outras institucións, salas de concertos e demais empresas.

Ademais, o departamento edita unha publicación cunha listaxe dos grupos que ensaian nos Locais Municipais, como un recurso importante para a promoción das bandas que alí teñen o seu punto de encontro e de ensaio, dirixida e distribuída entre a prensa especializada, departamentos de cultura e de festas dos concellos de Galicia, produtores musicais, salas de música e promotores de concertos.

Concerto de presentación (xoves-18, ás 21:30 horas na Sala Capitol) con Los Coronas e Pi Graos

Para que toda a xente coñeza o certame, o próximo xoves-18 de febreiro, celebrarase un concerto a modo de presentación oficial do 3º Certame de MúsicaXove´2010. O concerto comezará ás 9 e media da noite na Capitol, e actuarán o grupo español Los Coronas, e como teloneiros actuará o grupo Pi Graos.  Los Coronas son o grupo pionero e de máis repercusión do surf instrumental en España actualmente. A súa formación naceu en 1991 e chegan a Santiago para presentar o seu último traballo El Baile Final... de los Locos y los Cuerdos. A entrada é libre previa recollida da invitación no Centro Sociocultural e Xuvenil do Ensanche e tamén dispoñibles en A Reixa Tenda (Arco de Mazarelos).