A Concellaría de Xuventude ultima os preparativos para iniciar o servizo de voluntariado nos meses de verán

COMPOSTELAXOVEOs 31 participantes no programa COMPOSTELAXOVE 2010 percorrerán as rúas de Santiago prestando a súa colaboración aos visitantes e axudando na organización de actos e eventos

Os voluntarios asistiron a un curso básico de voluntariado da Dirección Xeral de Xuventude e a un curso formativo organizado polo Departamento de Xuventude


O concelleiro de Xuventude de Santiago, Xosé Baqueiro, presentou hoxe o programa de voluntariado COMPOSTELAXOVE 2010, acompañado polo director Xeral de Xuventude da Xunta de Galicia, Ovidio Rodeiro. O programa realízase en colaboración con varios colectivos sociais da cidade, como son IGAXÉS3, Centro Xuvenil Don Bosco, Xeneme e o Clube “Só lles falta falar”. Trátase dun traballo de sensibilización arredor do voluntariado que ofrece servizos de acollida e información aos diferentes grupos de mozos e mozas de todas as partes do mundo que visiten a cidade de Santiago de Compostela este verán (meses de xullo, agosto e setembro).
Esta acción voluntaria comezouse a desenvolver dentro do programa INFORMAXOVE, que puxo en marcha o Departamento de Xuventude o pasado mes de outubro en todos os centros de ensino de secundaria de Santiago, a través dunha carpa itinerante onde se organizaron sesións de traballo sobre os seguintes temas:

- Voluntariado 2010
- Educación Afectivo-Sexual
- Adolescencia e cidadanía
- Programa Europeo Xuventude en Acción

Este achegamento á xuventude compostelá tiña tamén como obxectivo constituír un grupo de voluntariado que ao longo dos meses de verán, e coincidindo co ano Xacobeo 2010, realizase un conxunto de labores de voluntariado. “Contarase cun grupo de 31 mozos e mozas seleccionados entre 120 aspirantes” –destacou Baqueiro.

Para a súa formación, os rapaces voluntarios asistiron a un curso Básico de Voluntariado 2010 da Dirección Xeral de Xuventude, e a un curso formativo organizado pola Concellaría de Xuventude e impartido polo Centro Xuvenil Don Bosco e por IGAXÉS 3, que se acaba de celebrar esta semana (entre o luns-28 e o mércores-30).

Nas accións de voluntariado os participantes ofrecerán información para colectivos xuvenís que peregrinen a Santiago a través de centros de ensino, institutos, asociacións xuvenís ou outras entidades. Ademais, os grupos de voluntarios facilitarán orientación e asesoramento a mozos inmigrantes para facilitar a súa vida cotiá na cidade.

Tamén servirán de apoio aos labores organizativos e de desenvolvemento de eventos culturais ao longo dos meses centrais do Xacobeo, así como respaldo para a estrutura organizativa da Peregrinación e encontro de xóvenes, prevista para a primeira semana de agosto en Santiago (entre os días 5-7 de agosto). “Para acudir a esta cita chegarán á cidade máis de 15.000 mozos e mozas que serán acollidos en centros de ensino, polideportivos, Seminario Maior e Menor, albergues ou no Monte do Gozo” –apuntou Baqueiro.

Os voluntarios, ataviados cun uniforme composto por  camiseta, gorra, chaleco e chuvasqueiro, ofrecerán un servizo de información a persoas que viaxen á nosa cidade con animais de compañía.

Voluntariado do Xacobeo

Pola súa parte, Ovidio Rodeiro adiantou que máis de 900 persoas participan este ano nas distintas modalidades do voluntariado do Xacobeo, que por primeira vez abrangue os nove camiños de Santiago.

Rodeiro detallou as cifras de participación actuais do voluntariado Xacobeo. No voluntariado local, que se ocupa de labores de información e de ofrecer servizos aos peregrinos, hai inscritas máis de 450 persoas. Pola súa banda, no voluntariado da sabedoría –maiores que informan aos peregrinos de historias e lendas dos camiños- hai 115 participantes a día de hoxe. No voluntariado sanitario, que comeza este mes, participarán máis dun cento de estudantes de medicina e enfermaría, que prestarán apoio nos centros de saúde do Camiño Francés. Tamén hai que ter en conta o programa europeo “Eu Camiño”, que despregou a 30 voluntarios internacionais, desde maio e ata outubro, para colaborar cos hospitaleiros do Camiño Francés.

Finalmente, os campos de traballo no Camiño, dirixidos a voluntarios galegos, doutras comunidades e tamén do estranxeiro, ofertan 154 prazas que se distribúen en seis quendas en Rois, Fisterra, O Pino, Palas de Rei e Ourense.