Intermax Technology chega ao cen por cen dos usuarios nos concellos lucenses onde teñen convenio e avanza co seu plan de expansión para estender internet de calidade ata o último recuncho de Galicia

Castelo_de_PambreJavier Mouriño, director xeral
“É unha necesidade social que queremos cubrir”


A empresa galega Intermax Technology puxo en marcha un plan de expansión coa intención de levar Internet ata o último recuncho de Galicia, “por moi difícil que sexa tanto a localización como o acceso”, segundo explica a firma melidense. Nestes días iniciará a instalación dunha antena no monte de Facha, na zona limítrofe das provincias de Lugo e Pontevedra, que dará maior cobertura aos concellos de Lalín, A Golada, Antas de Ulla, Rodeiro e Palas de Rei, entre outros.
O director xeral de Intermax, Javier Mouriño, destaca que o obxectivo da empresa é dotar de acceso de banda larga a todo o medio rural galego, “porque é unha necesidade básica e social que queremos cubrir, comprometida coa redución efectiva da chamada fenda dixital, coa particularidade de que nós chegamos a onde outros non”, segundo precisa. E pon o exemplo do castelo de Pambre, en Palas de Rei (Lugo), onde Intermax está a acometer os traballos necesarios para dar cobertura a un monumento de “difícil arquitectura e acceso”, xa que se atopa nun penedo á beira do río.

Na provincia de Lugo, Intermax dá cobertura a Friol, Monterroso, Palas, Lugo, Guntín, Antas de Ulla, Portomarín, Samos, Sarria, O Corgo, Castroverde, Baralla, Láncara, O Páramo e Paradela, así como a concellos costeiros como Burela e Cervo, grazas a sinatura de diversos convenios de colaboración. A empresa indica que ten presenza en máis de 60 municipios de toda Galicia, e arredor de 7.500 usuarios públicos e privados, entre os que se contan centros da Administración, empresas e establecementos comerciais, cooperativas e particulares.

A “elevada satisfacción” polos servizos, tanto institucionais como privados, animan a Intermax a seguir estendendo internet a todos os fogares: “Temos clientes moi agradecidos porque levaban anos esperando por unha conexión ou un acceso estable e de calidade. O medio rural galego ten unha enorme potencialidade en desenvolvemento empresarial e crecemento de asentamento de poboación, fortalezas que están limitadas se non dispoñen de banda larga”.