As novas tecnoloxías entran de cheo no mercado laboral de Melide da man de Intermax

Javier_MourioO Concello de Melide organiza unha xornada sobre o emprego na zona, protagonizada polo director do Museo, Xosé Manuel Broz, e o director xeral da empresa melidense Intemax, Javier Mouriño

Esta acción forma parte do plan Impulsa Melide que esta tarde presentará a alcaldesa, Ánxeles Vázquez, e o concelleiro de Emprego e Formación, Santos López


A alcaldesa de Melide, Ánxeles Vázquez, e o concelleiro de Emprego e Formación e Promoción Económica, Santos López, presentaron esta tarde as liñas estatéxicas do plan Impulsa Melide, que comezará a funcionar nos próximos meses a través da Oficina de Promoción Económica, coa axuda de técnicos especializados en desenvolvemento local, orientación do emprego e asesoramento a emprendedores. O acto celebrouse na sala de conferencias do Edificio Multiusos de Melide ás 20:30 horas, no marco da xornada O emprego en Melide.

Con este programa, o goberno local pretende fomentar o espírito emprendedor entre os veciños e veciñas do municipio, co apoio e colaboración da Cámara de Comercio de Santiago de Compostela. Ademais, promoveranse accións formativas baseadas en obradoiros de emprego e cursos orientados ás novas tecnoloxías e os idiomas. Santos tamén prevé con este plan un reforzo no servizo de orientación laboral do Concello para facilitar o acceso ao mercado de traballo. A esta xornada asistiu tamén o presidente da Cámara de Comercio de Santiago, Jesús Asorey, e  a responsable do viveiro de empresas, Rosa Cardeso, que participou cun relatorio sobre os servizos da incubadora empresarial:

•    Localización fiscal ou comercial da empresa
•    Servizo de atención telefónica
•    Número de teléfono propio
•    Recollida de correspondencia, mensaxería e fax
•    Notificación avisos urxentes
•    Utilización gratuíta das salas de reunións cinco veces ao mes, previa reserva e sempre que exista dispoñibilidade
•    Descontos do 50% na reserva de aulas
•    Acceso aos servizos de asesoramento da Cámara
•    Acceso aos programas de formación e información de actividades coas mesmas vantaxes que os viveiristas ubicados fisicamente
•    Acceso aos servicios común (reprografía e fax)

O viveiro cameral ten na actualidade 16 empresas de ubicación física e outras 17 entidades no viveiro virtual. Pola súa parte, o Concello de Melide derivará a diito viveiro aqueles proxectos empresariais de emprendedores que así o soliciten.

Esta primeira xornada, centrada nas lembranzas do pasado e as inquietudes actuais do emprego en Melide, estivo protagonizada polo director do Museo Terra de Melide, Xosé Manuel Broz, e polo director xeral da empresa Intermax Technology, Javier Mouriño. Broz realizou unha viaxe pola historia das antigas fábricas da comarca da Terra de Melide, mentres que o mozo emprendedor falou sobre o nacemento da súa idea empresarial, centrada na instalación de banda larga de Internet por todo o rural galego.

Unha aposta pola tecnoloxía e o emprego


Javier Mouriño explicou na súa intervención os segredos da súa aposta emprendedora, unha empresa de banda larga de Internet chamada Intermax Technology. Esta firma naceu a principios de 2008 en Melide como operadora de telecomunicacións. Posúe rede sen fíos propia para levar Internet de altas prestacións a todos os recantos de Galicia, pensando especialmente nas zonas rurais desfavorecidas e urbanas periféricas.

Na actualidade, Intermax ten a rede sen fíos wifi wimax máis extensa de Galicia, con máis de 7.000 km² de zonas de cobertura. “Continuamos despregando nova infraestrutura de telecomunicacións en zonas rurais de Galicia, e outras comunidades autónomas, grazas a que as distintas administracións públicas e tamén empresas privadas, gañando diversos concursos, licitacións e programas específicos, coa finalidade de instalar novas redes de acceso en áreas de difícil cobertura e de poboacións rurais que carecen deste tipo de infraestruturas. Ademais, estamos a realizar un importante esforzo de investimento” –indicou Mouriño.

A empresa melidense presenta o seu proxecto ao concurso de extensión de redes de acceso de banda larga no rural galego da Secretaría Xeral de Modernización e Inovación Tecnolóxica da Xunta de Galicia. Este proxecto permitirá o acceso a Internet nos fogares galegos do rural. Así, Intermax posibilitará coa súa proposta o acceso a preto de 300.000 galegos que actualmente carecen da infraestrutura necesaria e prevé conectar a rede a máis de 40.000 vivendas.

“O noso proxecto cumprirá os obxectivos marcados pola Xunta de Galicia, e mesmo os mellorará tanto a nivel de servizos adicionais, como a  TV IP, Vo IP , videovixilancia, caudal ofertado e unha maior cobertura, superior ao 99% dos habitantes dos núcleos, co fin de achegar a banda larga ata a última aldea e o último galego, xerando preto de 200 postos de traballo. Presentamos un proxecto moi competitivo que nos ofrecerá a oportunidade de seguir traballando e medrando como ata o de agora. A entrada dunha empresa de fóra de Galicia sendo beneficiaria da axuda deste plan global, sería unha ameaza seria para a nosa expansión e frearía o bo traballo realizado nos últimos anos por todas as empresas galegas do sector das telecomunicacións” –explicou Mouriño.

A intención da empresa é eliminar a fenda dixital, brindando servizos avanzados de acceso a Internet, telefonía, videovixilancia, voz sobre IP (VoIP), televisión e radio, transmisión de datos a través de banda larga, con tecnoloxía sen fíos profesional e mesmo grandes velocidades para cubrir necesidades de clientes específicos. Para máis información sobre os servizos da empresa pódese chamar gratuitamente ao 900 866 972.

As fábricas de curtidos e as telleiras na Terra de Melide


Pola súa parte, o historiador e investigador de Melide, Xosé Manuel Broz, fixo unha presentación das fábricas antigas na Terra de Melide desde o século XIV ao XX. En primeiro lugar, relatou o funcionamento da Confradía de Santa Catalina desde o século XIV ata o ano 1819, a súa constitución e os Píos da Moa, pasando polos zapateiros de Melide, os talleres de Salgueiros e a fábrica da Vista Alegre, en funcionamento desde 1938 a 1940.

Outro dos puntos nos que Broz centrou a atención de todos os asistentes será na fábrica da parroquia de Furelos, fundada polo escribán Andrés Varela das Seixas no 1817, ata o seu peche nos anos 60 do século XX. A historia desta fábrica serviu para falar do pasado de Furelos, un lugar de paso do Camiño Francés que conta cunha ponte medieval do século XII.

Por outra parte, dentro da tradición manufactureira, Melide contou cunha fábrica de puntas, a finais do XIX na Capela, ademais dos telleiros do Leboreiro que desembocaron anos máis tarde na  fábrica da Madanela.