A empresa galega Intermax presenta unha proposta para achegar Internet a 300.000 galegos

plantillaOpta a unha subvención da Xunta de Galicia, cun investimento privado de 25 millóns de euros

•    Javier Mouriño, director xeral:
“O proxecto cumprirá os obxectivos marcados pola Xunta co fin de achegar a banda larga ata a última aldea e galego, e mesmo os mellorará con máis velocidade de Internet e outros servizos,  xerando preto de 200 postos de traballo”

•    Inclúense no proxecto empresas galegas como R, Retegal, Blusens e o resto de operadores que conforman a asociación Opergal


A empresa galega de telecomunicacións Intermax Technology presenta o seu proxecto ao concurso de extensión de redes de acceso de banda larga no rural galego da Secretaría Xeral de Modernización e Inovación Tecnolóxica da Xunta de Galicia. Este proxecto permitirá o acceso a Internet nos fogares galegos do rural. Precisa dun orzamento de 40 millóns de euros, cunha liña de axudas públicas de máis de 15 millóns de euros e un investimento privado por parte de Intermax de case 25 millóns de euros. Intermax posibilitará coa súa proposta o acceso a preto de 300.000 galegos que actualmente carecen da infraestrutura necesaria e prevé conectar a rede a máis de 40.000 vivendas.
A proposta galega, encabezada pola empresa Intermax Technology, con sede no concello coruñés de Melide, presenta un proxecto no que participan de xeito directo e indirecto empresas galegas de todos os ámbitos do sector das telecomunicacións, desde operadores como R e Retegal ata fabricantes como Blusens que aportará todo o sistema de televisión sobre Ip da rede. Ademais, colaborarán empresas instaladoras, así como os Operadores Galegos de Redes Sen Fíos de Banda Larga, agrupados recentemente na asociación Opergal, que ofrecerán os seus recursos, experiencia e grao de coñecemento sobre o terreo e demanda real dos usuarios.

A proposta de Intermax parte ben posicionada polos apoios dos integrantes do proxecto, así como dos clientes os que presta servizo, concellos e pequenas e grandes empresas. A empresa está avaliada polo gran éxito e a experiencia máis que demostrada en todos os proxectos que realizou ata o momento en toda Galicia, onde xa atende a máis de 7.500 clientes en 70 concello galegos. Este respaldo queda reflectido en vídeos publicados na súa web www.redintermax.com.

O seu director xeral, un mozo emprendedor de tan só 22 anos, Javier Mouriño, asegura que esta liña de axudas pode potenciar a extensión dun sector que actualmente non está afectado pola crise, dado que o crecemento das empresas nos últimos catro anos foi entorno a un 80% en número de usuarios, redes e empregados.

“O noso proxecto cumprirá os obxectivos marcados pola Xunta de Galicia, e mesmo os mellorará tanto a nivel de servizos adicionais, como a  TV IP, Vo IP , videovixilancia, caudal ofertado e unha maior cobertura, superior ao 99% dos habitantes dos núcleos, co fin de achegar a banda larga ata a última aldea e o último galego, xerando preto de 200 postos de traballo. Presentamos un proxecto moi competitivo que nos ofrecerá a oportunidade de seguir traballando e medrando como ata o de agora. A entrada dunha empresa de fóra de Galicia sendo beneficiaria da axuda deste plan global, sería unha ameaza seria para a nosa expansión e frearía o bo traballo realizado nos últimos anos por todas as empresas galegas do sector das telecomunicacións” –explicou Mouriño.

Ademais, Mouriño destacou que Intermax é unha empresa de recente creación que está presente en toda a comunidade grazas ao “bo facer e as ansias de que Galicia esta á cabeza das telecomunicacións”, a pesar da súa complexa orografía e a dispersión da poboación.

Internet, telefonía, televisión e videovixilancia

Os detalles do proxecto presentado inclúen a prestación de servizos de acceso a Internet con velocidades de 2 a 10 Megas, telefonía, televisión e videovixilancia, entre outros. A rede despregada para soportar este servizo está formada por 2.344 puntos de acceso en máis de 290 concellos galegos, cunha cobertura do 99,1%. A tecnoloxía utilizada corresponde ao estándar 802.11 N, o máis evolucionado para as transmisións de datos que posibilita acesos teóricos de 300 Megas e accesos reais de 200 Megas, garante a máxima calidade e está avaliado polo éxito destas redes noutras comunidades autónomas como Cataluña, Comunidade Valenciana e Andalucía que contan con máis de 50.000 usuarios.

As bandas empregadas serán a libre de 5 Ghz, que xa demostrou a súa eficacia en proxectos anteriores de Intermax, e a de 3,5 xigas para o que a empresa está a pechar acordos de aluguer destas bandas licenciadas cos operadores concesionarios a nivel nacional.

Líder no medio rural galego


Intermax naceu a principios de 2008 en Melide como operadora de telecomunicacións. Posúe rede sen fíos propia e quere levar Internet de altas prestacións a todos os recantos de Galicia, pensando especialmente nas zonas rurais desfavorecidas e urbanas periféricas.

Na actualidade, Intermax ten a rede sen fíos wifi wimax máis extensa de Galicia, con máis de 7.000 km² de zonas de cobertura. “Continuamos despregando nova infraestrutura de telecomunicacións en zonas rurais de Galicia, e outras comunidades autónomas, grazas a que as distintas administracións públicas e tamén empresas privadas, gañando diversos concursos, licitacións e programas específicos, coa finalidade de instalar novas redes de acceso en áreas de difícil cobertura e de poboacións rurais que carecen deste tipo de infraestruturas. Ademais, estamos a realizar un importante esforzo de investimento” –indicou Mouriño.

A intención da empresa é eliminar a fenda dixital, brindando servizos avanzados de acceso a Internet, telefonía, videovixilancia, voz sobre IP (VoIP), televisión e radio, transmisión de datos a través de banda larga, con tecnoloxía sen fíos profesional e mesmo grandes velocidades para cubrir necesidades de clientes específicos. Para máis información sobre os servizos da empresa pódese chamar gratuitamente ao 900 866 972.