Opergal nace para estender a banda larga de Internet a todos os núcleos rurais dos concellos de Galicia

Membros_de_OpergalAs dez empresas que compoñen a asociación facturan na actualidade 5 millóns de euros anuais e posúen máis de 11.000 usuarios de 120 concellos

Un grupo de dez operadores galegos de Internet asinaron esta mañá os estatutos da Asociación de Operadores Galegos de Redes Sen Fíos de Banda Larga (Opergal), unha nova entidade que nace co obxecto de despregar a banda larga por todas as zonas rurais de Galicia e por aqueles lugares con deficiencias na conexión de calquera concello galego. No acto, que se celebrou no Hotel Puerta del Camino, estiveron presentes os representantes dos dez operadores, entre os que se atopa o presidente de Opergal, Roberto Valverde [abaixo listado das empresas asociadas].
Opergal está integrada actualmente por dez empresas galegas especializadas no sector das telecomunicacións (un 90% das empresas do sector), que xeran máis de 50 postos de traballo. Operan con redes propias e de terceiros que dan cobertura a 120 concellos galegos das catro provincias. Aínda que está conformada nun principio por dez  operadores, a agrupación está aberta á incorporación de novos operadores.

Segundo manifestou o seu presidente, Roberto Valverde, estes operadores xestionan o acceso a Internet de máis de 11.000 usuarios, entre particulares, empresas e administracións públicas, facturando 5 millóns de euros ao ano. A agrupación, que dispón de clientes críticos, como parques eólicos, centrais térmicas, casas consistoriais, centros de saúde e grandes empresas, garante ao máximo a calidade do servizo, igual trato que lle ofrece ao usuario particular.

Algunhas empresas integrantes xa realizaron, e mesmo están a desenvolver, proxectos de extensión de redes de banda larga e realizando a súa explotación noutras comunidades autónomas. “A finalidade da asociación é a coordinación e actuación conxunta en proxectos de grande envergadura para a extensión de redes de banda larga sen fíos, na comunidade galega e outras” –indicou Valverde. Ademais, os seus integrantes traballan na incorporación das TICs da sociedade da información, achegándollas a poboación galega, especialmente ás zonas rurais.   

“Estamos avalados pola nosa experiencia, sobre todo nas zonas rurais. Coñecemos o territorio no que traballamos e contamos coa proximidade dos veciños. Esta unión xerará sinerxías que recaerán en mellorar a calidade dos servizos para os nosos usuarios” –indicou o vicepresidente, José Antonio Garrido.

Máis de 200 postos de traballo nun futuro

Estas empresas pretenden xerar máis de 200 postos de traballo en Galicia, estendendo o seu modelo de negocio e traballando de forma conxunta co fin de ofrecer os mellores servizos. Ademais, estenderán o modelo de negocio traballando de forma conxunta co fin de ofrecer aqueles servizos que minimicen a fenda dixital, dinamizando a economía e a sociedade galega, xa que na actualidade hai máis de 275.000 posibles usuarios que non teñen acceso á banda larga. “O segredo do crecemento do sector en tempos de crise foi detectar a necesidade do servizo” –manifestou Valverde.

Todas as empresas que integran Opergal caracterízanse por a evolución constante en número de clientes, redes despregadas, facturación e postos de traballo creados, con expectativas de aumentar todos anos estas cifras, aproximadamente nunha porcentaxe do 50% independentemente do estado económico actual de crise. Empregarán como liñas de financiamento unicamente a inversión privada e algunha axuda ou concesión de instalación e explotación de rede de concellos e  deputacións. Así, os integrantes da asociación queren destacar que os seus proxectos e modelos de negocio son, ata o momento, rendible e con capacidade para xerar emprego de calidade.

Concurso da Xunta de Galicia

Por outra parte, Valverde fixo referencia ás liñas de axuda aprobadas pola Xunta de Galicia, a través da Secretaria Xeral de Modernización e Inovación Tecnolóxica, para estender redes de acceso de banda larga en núcleos rurais. “Esta liña de axudas representa unha oportunidade única para Opergal, porque facilitará o traballo que veñen desenvolvendo os operadores galegos no rural nestes últimos anos” –apuntou Valverde.

Neste punto, Opergal asinou un comunicado, dirixido á Secretaría Xeral de Modernización e Inovación Tecnolóxica da Xunta de Galicia,  onde se recolle o apoio da asociación, e dos operadores que a conforman,  a empresa Intermax Technology. “Todos os operadores que formamos Opergal estamos integrados no Proxecto de Intermax Tecnology e apoiámolo” –indicou o presidente.

“Estas axudas públicas poden significar unha oportunidade para o sector das telecomunicacións en Galicia, pero tamán se poden converter nunha seria ameaza para as empresas que formamos Opergal, no caso de resultar beneficiaria unha empresa que operara a rede de forma global, posto que o ámbito territorial de actuación e moi extenso, incluíndo zonas onde xa temos redes instaladas na actualidade. Isto poría en perigo principalmente o crecemento continuo das nosas redes e empresas” –argumentou Valverde.

Así, os membros da asociación queren enviar unha mensaxe clara: os operadores galegos poden afrontar o proxecto, porque son económica e tecnicamente viables, con experiencia en proxectos similares e un grao de actuación moi próximo, ademais do coñecemento do territorio, así como as demandas dos clientes.

“Unirá pobos, lugares e persoas, fomentando a economía do rural”

O xerente da empresa Intermax, Javier Mouriño, agradeceu o apoio mostrado por todos os operadores galegos ao proxecto presentado pola súa empresa, e o interese da Xunta de Galicia por estener a “autoestrada dixital”, unha rede de acceso a Internet de banda larga que conectará a todos os galegos. “Unirá pobos, lugares e persoas, fomentando a economía do rural” –explicou Mouriño.

De resultar beneficiarios, o proxecto converteríase nun potente operador de redes sen fíos para o rural, integrado por empresas galegas. “Sei que o proxecto presentado por Intermax será o que mellor cumpra os obxectivos fixados pola Xunta de Galicia e demandados pola poboación do rural, un acceso a unha banda larga de calidade e un paquete amplo de servizos, que chegen ata o último galego” –expresou Mouriño.
► Representantes das empresas que conforman a asociación:
-    Duo Telecomunicaciones S.L.
José Antonio Garrido Cimadevila (VICEPRESIDENTE)
-    Gestecno Gestión de Datos S.L.
Manuel Vidal Herbón
-    Instalaciones y comunicaciones del Eume ICOEUME S.L.
Ignacio Concheiro Coello
-    Intermax Technology S.L.
Javier Mouriño López
-    Mira Novas Tecnoloxías S.L.
Roberto Carlos Valverde Sabín (PRESIDENTE)
-    Nauta
Pablo Fernández Campelo (SECRETARIO)
-    Operadora Tripla S.L.
Carlos Balsa
-    Red de enseñanza Multimedia S.L.
Manuel Vidal Herbón
-    Terra Cha Technology
Juan Manuel García Díez
-    Javier Mouriño
Javier Mouriño López