A Área Empresarial do Tambre recoñece a traxectoria das empresas Casper Dos, Castro Parga, Cerería Cinco Calles e Transtambre tras vinte e cinco anos na asociación

Son firmas dos sectores do téxtil, decoración, candeas e transporte en cisternas

A entidade celebrará un acto de homenaxe o vindeiro venres, día 28, ás 20:30 horas no salón de actos da sede social

A Asociación Área Empresarial do Tambre (AEPIT) homenaxeará este ano a catro empresas que cumpren vinte e cinco anos na asociación do polígono industrial que, na actualidade preside Jesús Chenel. Os distinguidos son Casper Dos, Castro Parga, Cerería Cinco Calles e Transtambre.

A entidade celebrará o acto de homenaxe o vindeiro venres, 28 de novembro, na súa sede do Centro Empresarial do Tambre (Vía Edison, 1), a partir das 20:30 horas no salón de actos, no que se fará entrega aos homenaxeados dun pergameo acreditativo e un pequeno agasallo. Á sesión asistirán diversas autoridades autonómicas e locais.

A distinción de catro firmas familiares

CASPER DOS constitúese como empresa en 1965 da man de Manuel Castiñeiras Vázquez –pai– e Manuel Castiñeiras Pérez –fillo– no lugar de Forniños, en A Pulleira. É unha empresa familiar do sector téxtil de segunda xeración. Desde as súas instalacións na esquina das vías Diesel e Edison fabrica e distribúe tecidos, visillos e roupa de cama a máis de 1.500 puntos de venda en toda España, converténdose nun referente no mundo da moda téxtil para o fogar. Pero non só está presente en territorio español, tamén abarca varios países de Europa e América e está iniciando a súa expansión polo continente africano. Actualmente conta con vinte empregados directos.

http://www.decoraciontextil.com/spa/casperdos.asp   

CASTRO PARGA leva operando máis de sesenta anos no mercado da decoración desde o seu nacemento en Lugo en 1942 como taller de tapicería do automóbil e comercialización de artigos relacionados. Durante este tempo consolidouse como un referente no mercado galego da pintura e revestimentos, unha ampliación do negocio que xurdiu a mediados dos 50 co Sintasol. Xa a principios dos 80, o grupo decide somerxerse na comercialización de pintura, o futuro eixo empresarial. A súa consolidación na comunidade levoulle a abrir 15 delegacións, entre elas a de Santiago en 1989, situada na Vía Diésel, 22-23 do Polígono do Tambre. Actualmente, a empresa está en mans da terceira xeración da familia Castro Parga.

http://www.castroparga.com/

CERERÍA CINCO CALLES é unha empresa familiar de longa tradición que abriu a súa tenda na zona das Cinco Calles de Santiago (rúa Castro, 5) en 1942 e que aínda a mantén aberta ao público converténdose na última cerería da cidade. Dedicada nun principio á fabricación e venda de candeas, foi redirixindo o seu negocio á par que as tecnoloxías evolucionaban e o seu produto perdía cota de mercado. Ampliaron a oferta con candeas decorativas, artigos de imaxinería, incensos, produtos de perfumería e cosmética natural, ademais das súas canles de distribución con clientes en Madrid, Asturias, Santander ou Bilbao. Nas súas instalacións na Vía Edison, 36 do Tambre persiste a esencia do negocio tradicional acompañada das novas liñas de negocio de venda de plantas, produtos para xardinería e mantemento de espazos verdes.

TRANSTAMBRE é unha firma creada en 1955 por Manuel Castro que iniciou a súa actividade profesional cun tractor agrícola na súa natal Duxame, en Vila de Cruces. En 1960 a construción do embalse de Portodemouros acabou de afianzar a súa aventura empresarial participando co seu primeiro camión no transporte de áridos. En 1978 pasouse ao transporte de produtos en cisterna que continúa activo na actualidade. En 1984 faise cargo da empresa o seu fillo Plácido Manuel Castro Carballal que segue coa especialización no transporte en cisternas e abre lavados industriais para as mesmas. Aínda que a súa actividade principal é o transporte de mercadorías en cisternas conta con quince camións e unha explotación agrícola e gandeira. Mantén a sede central na Vía Diésel, 19 e conta con delegacións en Lugo e Portugal. Realizan transportes a nivel nacional de diversos líquidos alimentarios, como a leite e o aceite, e químicos tipo resinas e colas. Un dos seus clientes é FORESA que elabora colas para tableiros.