O Museo Casa da Troia pecha as súas portas o domingo, 14 de outubro, coa previsión de abrir de novo a finais de maio do vindeiro ano

dormitorio_webDende o mes de agosto recibiu 1.341 visitas, dende madrileños ata malaisianos, israelís, australianos ou neozelandeses

Acaba de integrarse na Asociación Ibérica de Casas Museo

O Museo Casa da Troia, a vella pensión de estudantes que inmortalizou Pérez Lugín na súa novela, pecha as súas portas o domingo, día 14. Benigno Amor, presidente da Asociación de Antigos Tunos Composteláns, entidade responsable do museo, prevé que poida abrir de novo a finais de maio do vindeiro ano.

O museo abriu o pasado 31 de xullo e, dende entón, recibiu 1.341 visitantes. Destes, 279 son estranxeiros, que representan o 20% do conxunto das visitas. O 80% restante, un total de 1.062, proceden de diferentes puntos da xeografía española. Dos galegos, os composteláns (285) son os que máis se achegan a coñecer a casa, cunha proporción superior a anos anteriores.

Os visitantes máis numerosos doutras comunidades son os madrileños, un total de 205; séguenlles os cataláns (95), os andaluces (84) e os valencianos (61). Os europeos que máis visitan o museo son, en primeiro lugar, os británicos (39), logo os franceses (36), os italianos (27) e os alemáns (17). Do continente americano destacan os arxentinos (25), os mexicanos (20) e os norteamericanos (17). De Asia acudiron visitantes xaponeses, de Corea do Sur, China, Malaisia e Israel. En canto ao continente oceánico, houbo representación de Australia e Nova Zelandia. No relativo ás idades dos visitantes, a maioría das persoas que se achegan a coñecer o museo sitúase entre os 45 e os 64 anos.

Benigno Amor manifesta que “é unha mágoa que non poidamos manter aberta a casa durante todo o ano, así nolo transmiten tamén os hostaleiros e comerciantes da zona, pero temos que axustarnos á situación económica”. Salienta, por outro lado, que o museo acaba de integrarse na Asociación Ibérica de Casas Museo e Fundacións de Escritores, unha iniciativa na que participan entidades de diferentes comunidades autónomas e tamén de Portugal.

O museo aínda estará aberto ata o vindeiro domingo pola mañá. Os interesados poden aproveitar esta fin de semana longa para achegarse á casa, onde ademais permanece a exposición de ilustracións sobre a novela, polas mañás en horario de 11:00 a 14:00 horas e polas tardes de 16:00 a 20:00 horas.