O Museo Casa da Troia inaugura mañá mércores unha exposición de pinturas que recolle como era a vida na pensión de estudantes que inmortalizou Pérez Lugín na súa novela

expo_webEsta selección de acuarelas do ilustrador Suso Cubeiro poderá visitarse ata o vindeiro 15 de outubro

O Museo Casa da Troia, a vella pensión de estudantes que inmortalizou Pérez Lugín na súa novela, inaugura mañá mércores, 3 de outubro, ás 20:00 horas, unha exposición de pinturas. As acuarelas que integran esta mostra foron realizadas polo artista Suso Cubeiro para a edición revisada, corrixida, anotada e ilustrada de “La Casa de la Troya”; editada por Auga Editora no ano 2009. A mostra poderá visitarse ata o vindeiro 15 de outubro, na terceira planta do museo.

Das sesenta acuarelas realizadas para a edición do libro, seleccionáronse un total de 27 para esta mostra. A través delas reflíctese como era a vida na pensión da Troia e dos propios estudantes a finais do século XIX e principios do XX.

Santiago recoñécese en cada unha das obras, a Catedral, a rúa do Franco, a rúa do Villar…

Tal como explica o autor, Suso Cubeiro, “con estas ilustracións tratei de recoller a estética da época. Non son realistas á hora de reproducir as rúas ou os edificios da cidade, senón que o fundamental para min era transmitir os sentimentos dos protagonistas da novela, a súa soidade, a súa tristeza, a súa alegría… De todos os xeitos, Santiago recoñécese perfectamente en cada unha das obras, a Catedral, a rúa do Franco, a rúa do Villar…”.

Para a realización destas ilustracións o autor baseouse tanto na propia novela de Lugín como nunha serie de fotografías da Compostela daqueles anos. “Estou namorado de Santiago, é unha cidade marabillosa. E, como artista, faime moita ilusión expoñer no museo Casa da Troia, no lugar onde residían os personaxes do libro, é todo un luxo”.

Con esta exposición preténdese contribuír á dinamización do Museo Casa da Troia, único no seu xénero e tan representativo dun tempo da vida estudantil en Santiago e mesmo dun xeito de ser, segundo a mirada de Alejandro Pérez Lugín. O autor levou coa súa obra o nome da cidade de Compostela a todos os recunchos do mundo, e propiciou a filmación de películas de gran difusión é éxito na súa época.

O ilustrador

Ilustrador da natureza e de libros infantís e xuvenís, Suso Cubeiro ilustrou ao longo da súa traxectoria profesional máis de 50 obras. Entre elas destacan “La Casa de la Troya” (Auga Editora), “El secreto del Bosque Viejo” (Gadir), “El espíritu del bosque” (Everest), “Diccionario de seres fantásticos” (Espasa), “La vuelta al mundo en 80 días” (Bruño), ou “Larita” (Everest), da que tamén é autor do texto. Como ilustrador da natureza destacan as obras realizadas para as aulas da natureza de Chelo (A Coruña), Moreda do Courel (Lugo) e a do río Miño (Ourense). A súa obra está tamén no Museo do Mar do castelo de San Carlos de Fisterra, na lonxa turística de Fisterra, no castelo de Santa Cruz de Oleiros, así como no Museo do Mar de Rianxo.

O museo e a exposición poden visitarse ata o vindeiro 15 de outubro, polas mañás en horario de 11:00 a 14:00 horas e polas tardes de 16:00 a 20:00 horas. Está pechado os domingos pola tarde e os luns durante todo o día.