A Asociación de Antigos Tunos Composteláns, que xestiona o Museo Casa da Troia, celebrará o sábado-24 unha xornada de confraternidade

conferencia_farina_webÁs 12:00 horas asemblea xeral na Fundación Novacaixagalicia, ás 12:30 conferencia de Miguel Fariña sobre as tunas do s. XIX e ás 14:30 xantar no restaurante Don Quijote

A Asociación de Antigos Tunos Composteláns, que xestiona o Museo Casa da Troia, celebrará o vindeiro sábado-24 unha xornada de confraternidade que incluirá a asemblea xeral, unha conferencia e un xantar. A xuntanza será ás doce da mañá no salón de actos da Fundación Novacaixagalicia (Rúa do Vilar, 19), á que seguirá a charla sobre “Xosé Curros e as tunas da década dos oitenta no século XIX”, que dará Miguel Fariña –profesor de Historia da Música do Conservatorio Profesional de Santiago e antigo tuno compostelán–, para finalizar cun xantar de confraternidade no restaurante Don Quijote sobre as dúas e media.

O presidente de Antigos Tunos, Benigno Amor Barreiro, explica que os anos 2013 e 2015 traerán consigo importantes conmemoracións, “xa que –engade– celebraremos, respectivamente, o vixésimo aniversario do museo e o centenario da primeira edición da novela La casa de la Troya de Alejandro Pérez Lugín”. Con intención de preparar a organización destas efemérides, Amor fai unha convocatoria aberta a “todos cantos lembran con agarimo e nostalxia o seu paso polas tunas universitarias de Santiago e mesmo doutras”.

A Asociación de Antigos Tunos Composteláns naceu en 1970 con obxecto de crear e conservar un museo troiano no que se recrease o ambiente estudiantil compostelán, fomentar as tradicións universitarias e colaborar na promoción e realización de actos culturais en Santiago. A entidade que dirixe o funcionamento do inmoble troiano pretende abrilo novamente nos meses de verán, tralos arranxos que se fixeron na cuberta en agosto pasado e a fumigación dos mobles contra a carcoma que se acomete nestes días. Amor destaca o “excelente” comportamento do Consorcio da cidade ao asumir íntegramente estas obras.

O Museo Casa da Troia, trala súa reapertura no ano xubilar 2010, recibe case un milleiro de visitantes mensuais procedentes de todo o mundo. Dispón de páxina web, www.lacasadelatroya.org, a través da que se pode facer un percorrido pola historia do edificio, dende a antiga hospedaría de universitarios ata o museo actual. Tamén hai un espazo dedicado á novela e ás películas homónimas.