A Asociación de Antigos Tunos Composteláns, que xestiona o Museo Casa da Troia, celebrará o sábado-24 unha xornada de confraternidade
- Detalles
- Categoría: Museo Casa da Troia
- Published: Domingo, 18 Marzo 2012 23:00
- Visitas: 718

O presidente de Antigos Tunos, Benigno Amor Barreiro, explica que os anos 2013 e 2015 traerán consigo importantes conmemoracións, “xa que –engade– celebraremos, respectivamente, o vixésimo aniversario do museo e o centenario da primeira edición da novela La casa de la Troya de Alejandro Pérez Lugín”. Con intención de preparar a organización destas efemérides, Amor fai unha convocatoria aberta a “todos cantos lembran con agarimo e nostalxia o seu paso polas tunas universitarias de Santiago e mesmo doutras”.
A Asociación de Antigos Tunos Composteláns naceu en 1970 con obxecto de crear e conservar un museo troiano no que se recrease o ambiente estudiantil compostelán, fomentar as tradicións universitarias e colaborar na promoción e realización de actos culturais en Santiago. A entidade que dirixe o funcionamento do inmoble troiano pretende abrilo novamente nos meses de verán, tralos arranxos que se fixeron na cuberta en agosto pasado e a fumigación dos mobles contra a carcoma que se acomete nestes días. Amor destaca o “excelente” comportamento do Consorcio da cidade ao asumir íntegramente estas obras.
O Museo Casa da Troia, trala súa reapertura no ano xubilar 2010, recibe case un milleiro de visitantes mensuais procedentes de todo o mundo. Dispón de páxina web, www.lacasadelatroya.org, a través da que se pode facer un percorrido pola historia do edificio, dende a antiga hospedaría de universitarios ata o museo actual. Tamén hai un espazo dedicado á novela e ás películas homónimas.