O Museo Casa da Troia abre de novo mañá xoves e poderá visitarse durante todo o verán

rua_troiaA Asociación de Antigos Tunos Composteláns, que xestiona o museo, ofrecerá visitas dramatizadas á vella pensión de estudantes que inmortalizou Pérez Lugín na súa novela

O Museo Casa da Troia abre de novo as súas portas ao público mañá xoves, 14 de xullo. Poderá visitarse durante todo o verán, polas mañás en horario de 11:00 a 14:00 horas e polas tardes de 16:00 a 20:00 horas. Estará pechada, como é habitual, os domingos pola tarde e os luns durante todo o día.

O museo está xestionado pola Asociación de Antigos Tunos Composteláns, que ao longo deste verán ofrecerá visitas dramatizadas á vella pensión de estudantes do século XIX que inmortalizou Alejandro Pérez Lugín na súa novela “La Casa de la Troya”. Nela aloxábase o personaxe principal, Gerardo Roquer, e os seus compañeiros de estudos.

O museo dispón dunha nova páxina web

O Museo Casa da Troia acaba de estrear unha nova páxina web, www.lacasadelatroya.org, a través da cal se pode facer un percorrido pola historia da casa, dende a antiga hospedaría de universitarios ata o museo actual. Tamén hai un espazo dedicado á novela e ás películas que se realizaron a partir da mesma. E, entre outros contidos, recóllense as actividades programadas no marco deste museo romántico.

O edificio construíuse a mediados do século XVIII. Na planta baixa está a recepción, antiga zona de paso tanto das persoas como dos cabalos que baixaban ás cortes. No primeiro andar atópase o vello salón-comedor, tamén habilitado como zona de estudo, e noutra época lugar de ensaio da Tuna Compostelana; e a sala de respecto, unha pequena estancia empregada durante as visitas dos familiares dos estudantes. No segundo andar están os dormitorios. No ático atópase a cociña, ademais dun pequeno dormitorio, que na novela pertencía a Dona Generosa, a patroa. O sótano, que antigamente se usaba como corte dos cabalos, está dedicado ás tunas universitarias, e poden admirarse diversos instrumentos musicais, becas, capas, trofeos, fotografías… da estudantina.

Durante os cinco meses que permaneceu aberto o museo o ano pasado recibiu máis de catro mil visitas, preto de 2.000 entre o 15 de xullo, data da súa reapertura, e o 31 de agosto. Os visitantes proceden de 34 países de Europa, América, Asia e África. Dos visitantes nacionais, un terzo son galegos, seguidos dos madrileños, andaluces e cataláns.