O Museo Casa da Troia celebra mañá, martes-16, unha Xornada de Portas Abertas para festexar o XXX aniversario da creación do seu Padroado

cocina_troiaO horario de visitas gratuítas mañá é de 11 a 14 e de 16 a 20 h

O Padroado da Casa da Troia constituíuse o día 16 de novembro de 1980, asistindo naquela data o Rector da USC, D. José María Suárez Núñez (Presidente do Padroado); o Alcalde de Compostela, D. José Antonio Souto Paz (Vicepresidente 1º); o representante da Consellería de Cultura da Xunta de Galicia, D. Manuel Tojo Reboredo (Vicepresidente 2º); e o Presidente da Asociación de Antiguos Tunos Compostelanos, D. Fernando Vieites Faya (Vicepresidente 3º).

Nos seus estatutos fundacionais establecíase que a finalidade principal do Padroado era “a creación e conservación dun Museo Troiano, no que se recolleran os mitos e realidades da vida estudiantil compostelana e o entorno social no que está enmarcada; recoller e fomentar as tradicións universitarias compostelanas; e colaborar na promoción e realización de actos culturais na Cidade”.

Cumprindo a principal finalidade do Padroado, inaugurouse o Museo da Casa da Troia o 27 de febreiro de 1993. Tras permanecer pechado durante case dous anos, reabriu novamente as súas portas o día 15 xullo e estará aberto ata o día 15 de decembro.

O Museo Casa da Troia recibiu 3.464 visitas en tres meses e medio

O Museo Casa da Troia acumula 3.464 visitas dos cinco continentes. A cifra correspóndese co periodo 15 de xullo, data da súa reapertura, a 31 de outubro. Polo tanto, en tres meses e medio presenta unha media de 38 visitantes diarios. O presidente da Asociación de Antigos Tunos Composteláns –entidade que xestiona o museo–, Benigno Amor, afirma que “a Casa ten visitas continuamente, practicamente sen tempos mortos, o que dá idea da extraordinaria rendibilidade social, turística e cultural que deu abrila ao público, aínda que só fosen uns meses”. O financiamento comprometido pola Xunta de Galicia, o Concello e a Universidade de Santiago, sumado ao que se obtén polas entradas e as cotas dos troianos, chega ata o 15 de Nadal, data en que pechará, con idea de volver a abrir en 2011, segundo explica Benigno Amor. Das 3.464 persoas que pasaron polo museo, 572 son estranxeiros, dos que 322 son dalgún país europeo.