O Padroado do Museo Casa da Troia manifesta a súa vontade de procurar abrir o inmoble en maio

reunion_patronatoReuniuse hoxe en Fonseca onde se expresou o desexo de darlle continuidade, unha vez aberto, para goce de todos

O Padroado do Museo da Casa da Troia celebrou esta mañá en Fonseca unha reunión á que asistiron o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, o vicerreitor da Comunidade Universitaria e Compromiso Social da USC, Xosé Manuel Mayán Santos, o director xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia, Xosé Manuel Rey Pichel, o presidente da Asociación de Antigos Alumnos e Amigos da USC, Perfecto Yebra, así como unha representación da Asociación de Antiguos Tunos Compostelanos, encabezada polo seu presidente, Benigno Amor Barreiro, e outros directivos: Norberto Proupín, Mariano Sierra, Juan Fuentes, Antonio Mariño e Santiago Amor. O Padroado acordou iniciar todas as xestións pertinentes cara a procurar abrir o Museo troiano no mes de maio, e unha vez aberto “darlle continuidade no tempo”, porque considera que A Casa da Troia constitúe un “patrimonio cultural e turístico da cidade para goce de todos, composteláns e visitantes”.

O recentemente elixido presidente da Asociación de Antiguos Tunos Compostelanos, Benigno Amor Barreiro, declarou que na xuntanza tamén se falou da posibilidade de incorporar a Casa da Troia á rede museística de Compostela, idea que o alcalde recibiu con agrado. Amor Barreiro subliña “a boa disposición das Administracións para poñer en valor o museo”, actitude que agradece “encarecidamente” o titular dos Antiguos Tunos Compostelanos, asociación que sempre velou directamente pola Casa da Troia.

O Museo da Casa da Troia, pechado dende outubro de 2008, simboliza a Compostela universitaria e o estilo de vida de hai cen anos. Abriuse ao público o 27 de febrero de 1993, logo de trinta anos de xestións, dende a adquisición do inmoble –hoxe de titularidade municipal–, pasando pola súa restauración, amoblamento e decoración, ata a súa apertura coa dotación necesaria.

Recoñecemento unánime para Benigno Amor Rodríguez

O Padroado do Museo da Casa da Troia tamén acordou facer público o seu recoñecemento á figura de Benigno Amor Rodríguez, finado hai un ano, pola súa “enorme aportación” á causa troiana e “toda unha vida dedicada a facer realidade o museo”.