O Museo Casa da Troia presenta unha edición conmemorativa do ano xubilar 2010 da novela homónima de Pérez Lugín

presentacion_novela_webIncorpora un limiar póstumo do impulsor do edificio romántico, Benigno Amor Rodríguez

O reitor da USC, Juan Casares, realizou esta mañá unha visita e destacou os máis de 4.000 visitantes


O mércores-15, día en que pecha o museo ata Semana Santa, as visitas serán gratuítas


O Museo Casa da Troia recibiu esta mañá a visita do reitor da Universidade de Santiago, Juan Casares, quen ponderou os magníficos datos en canto a visitantes: máis de catro mil en cinco meses. O Museo Casa da Troia aproveitou a visita do reitor, que tamén é o presidente do Padroado, para presentar unha edición conmemorativa do ano xubilar 2010 da novela La casa de la Troya, de Alejandro Pérez Lugín, que inclúe un limiar póstumo do auténtico mecenas e impulsor do edifico romántico, Benigno Amor Rodríguez. Da edición, en rústica, tiráronse setecentos cincuenta exemplares, que se poden mercar no propio museo ao prezo de doce euros.

Benigno Amor Rodríguez (Santiago, 1937-2009) di no seu texto que o museo é a obra dun grupo de nostálxicos “que quixemos perpetuar no vello caserón a pensión que, para o estudante, foi a prolongación da súa casa en Compostela”. O Camiño Novo, a Universidade e o Museo ocupan unhas liñas nas que lembra aos seus amigos Moncho Vilas e Luis Fernández, e os seus partidos de fútbol na Residencia (hoxe Campus Vida); así como aos seus “ilustres mestres” na facultade de Dereito: D’Ors, Menéndez, Remuñán...

O fillo maior de Amor Rodríguez, Benigno Amor Barreiro, tivo palabras de agarimo e agradecemento para seu pai durante a presentación aos medios de comunicación: “Meu pai sería moi feliz hoxe collendo esta edición da novela entre as súas mans, lendo o que el escribiu e véndose case como un personaxe máis do mítico relato de Pérez Lugín. Porque a única afección que tivo na súa vida foi o mundo troiano, a vida universitaria e a cidade compostelá. Esta edición especial é a nosa homenaxe a Benigno Amor Rodríguez pola herdanza que deixou a Santiago”.

No acto tamén se anunciou unha xornada de portas abertas (visitas gratuítas) para o mércores, día 15 de Nadal, data en que pecha o museo. A intención é reabrilo en Semana Santa, segundo manifestou Amor Barreiro –presidente da Asociación de Antigos Tunos Composteláns–, quen anunciou actividades divulgativas e sociais para o 2011, como charlas, faladoiros e lecturas literarias.