O Museo Casa da Troia reabre as súas portas o quince de xullo grazas á colaboración da Xunta de Galicia, Concello e Universidade de Santiago

casa_troya_webUnha visita das autoridades ás 13:00 horas do xoves oficializará o reencontro co público desta recreación dunha antiga pensión estudiantil, que xa poderá ser visitada esa mesma tarde

Os dous primeiros días serán de portas abertas

O horario será de 11 a 14 e de 16 a 20 horas, menos os domingos pola tarde e os luns, días que estará pechado

Acollerá novas actividades divulgativas e sociais para darlle “maior proxección”, como a edición da novela cun limiar póstumo do seu mecenas Benigno Amor Rodríguez

A Asociación de Antigos Tunos Composteláns decidiu reabrir o Museo Casa da Troia tras conseguir a implicación económica  da Consellería de Cultura, o Concello compostelán e a Universidade de Santiago. Logo de case dous anos pechado, o museo iniciará unha nova etapa o quince de xullo con dúas xornadas de portas abertas.

Estará atendido por dúas profesionais que farán as visitas guiadas en horario de 11 a 14 e de 16 a 20 horas, agás os domingos pola tarde e os luns en que permanecerá pechado. Mantense en 1 euro o prezo da visita, aínda que haberá tarifas especiais para grupos e pensionistas. O acto oficial de apertura será o xoves, ás 13:00 horas, e consistirá nunha visita que realizarán os membros do Padroado do museo, entre os que figuran o Reitor da USC, o Alcalde de Santiago e o Conselleiro de Cultura.

A Asociación de Antigos Tunos Composteláns levaba tempo facendo xestións para reunir as aportacións “mínimas” que permitisen abordar a reapertura do edificio troiano en pleno ano xacobeo. Explica que as contas dan para atender ao público “polo menos” ata decembro, pero a intención da asociación é darlle continuidade e programar actividades divulgativas e sociais que lle outorguen “maior entidade e proxección” ao museo compostelán.

O seu presidente, Benigno Amor Barreiro, indica que se fará unha nova edición da novela “que incluirá algunhas notas de meu pai a modo de limiar, como homenaxe a quen tanto se preocupou por manter viva esta herdanza”. “Nesta nova andaina -subliña- queremos dotar de novos contidos e maior significación ao museo como emblema e sede do fenómeno troiano, que non é outro que a vida universitaria de Santiago no século XX”. Amor Barreiro afirma que agora “debemos encetar un labor de recollida e documentación de todos os materiais dos que se dispoñen e outros que vaian aparecendo, co obxecto de que non se perda nada e se poida ofrecer ao público e investigadores”. A intención é integrar o edificio na rede museística, explica Amor, e fomentar as relacións cos museos veciños da nosa índole como o das Peregrinacións, entre outras accións, así como celebrar charlas, parladoiros, etcétera.

O Museo Casa da Troia recrea unha antiga pensión estudiantil e simboliza a Compostela universitaria de hai cen anos. Abriuse ao público o 27 de febrero de 1993, logo de trinta anos de xestións, dende a adquisición do inmoble –hoxe de titularidade municipal–, pasando pola súa restauración, amoblamento e decoración, ata a súa apertura coa dotación necesaria. Un labor que se fixo grazas á iniciativa e empuxe do mecenas Benigno Amor Rodríguez durante toda a súa vida.