Os Antigos Tunos Composteláns celebran unha xornada de confraternidade mañá sábado, coa apertura do Museo Casa da Troia
- Detalles
- Categoría: Museo Casa da Troia
- Published: Xoves, 25 Abril 2013 23:00
- Visitas: 840
O museo recibe visitantes de lugares tan dispares como Armenia, Barbados, Brasil, China, Indonesia ou Kazajistán
A Asociación de Antigos Tunos Composteláns, a entidade que xestiona o Museo Casa da Troia, celebra a súa asemblea xeral. Terá lugar mañá sábado, día 27, ás 12:30 horas, no restaurante compostelán Porta Faxeira, situado na emblemática rúa do Franco. De seguido, os asistentes gozarán dun xantar no citado asador.
Con motivo desta xornada de confraternidade, o museo, que na actualidade permanece pechado, abrirá as súas portas en horario de 11:00 a 14:00 horas. A visita será gratuíta para o público en xeral e para os antigos tunos que se animen a percorrer as súas estancias. Unha guía mostrará aos visitantes os encantos da vella pensión de estudantes que inmortalizou Pérez Lugín na súa novela.
O presidente da Asociación, Benigno Amor, sinala que “unha vez ao ano reunímonos os integrantes da antigas tunas da cidade e mesmo doutras para rememorar con agarimo e nostalxia o noso paso pola tuna e as vivencias durante a época estudantil na universidade”.
A Asociación de Antigos Tunos Composteláns naceu en 1970 co obxecto de crear e conservar un museo troiano no que se recrease o ambiente estudantil compostelán, fomentar as tradicións universitarias e colaborar na promoción e realización de actos culturais en Santiago. Ademais das visitas guiadas e dramatizadas pola vella pensión, promóvense conferencias, exposicións e actividades de animación á lectura para os máis pequenos, entre outras.
O Museo Casa da Troia abre ao público varios meses ao ano, en particular na Semana Santa e durante o período estival. Nos dez días que permaneceu aberto esta Semana Santa recibiu un total de 344 visitas. Dos 302 visitantes nacionais, 203 procedían da comunidade galega e 99 do resto de España; na súa maioría de Madrid, A Mancha, Cataluña, Castela León e tamén de Andalucía, Valencia, País Vasco, Cantabria, Melilla, Asturias, Aragón, Baleares e A Rioxa.
Os estranxeiros, un total de 42, chegan sobre todo do continente americano (25), en concreto de Colombia, Brasil, Arxentina, Uruguai, Venezuela, Cuba, Estados Unidos e mesmo de Barbados. De Europa visitaron o museo 14 persoas, de Portugal, Gran Bretaña, Francia, Austria e Armenia. E do continente asiático chegaron 3 visitantes, de China, Indonesia e Kazajistán.