Haberá actuacións de folk, actividades deportivas, teatrais e orquestras na Alameda desde o mércores-12 ao martes-18 de maio
Xosé Baqueiro, concelleiro de Festas de Santiago: “Son días pensados para que os santiagueses e os máis novos da cidade gocen cos concertos e actividades”
O concelleiro de Festas de Santiago, Xosé Baqueiro, presentou esta mañá en rolda de prensa o programa da Ascensión 2010. En total serán sete días de festa, do 12 ao 18 de maio, con máis de 50 actuacións musicais durante sete xornadas, ademais de charangas e pasarrúas a todas as horas e en todas as prazas da cidade, mesturadas con actividades tradicionais de folclore, teatro, deportes como a chave ou o ciclimo e as novas prácticas urbanas relacionadas co skate. “Son días pensados para que os santiagueses e os máis novos da cidade gocen cos concertos e actividades” –explicou o concelleiro. Haberá tres escenarios ven definidos onde se desenvolverá todo o programa: Campus Sur, Alameda e zona vella.O primeiro día, o mércores-12, realizarase o disparo das bombas para anunciar o comezo das festas. A partir do mediodía os gaiteiros, cabezudos e charangas inundarán as rúas da zona vella. Pola noite, ás 21:00 horas no Toural, a música chegará da man S.E.M. Big Band. Esta formación de larga traxectoria, dirixida por Suso Atanes, foi creada en 1996 como parte das actividades da “Estudio, Escola de Música”. Conta con colaboradores de renome, como o pianista compostelán Abe Rábade. De seguido, ás 23:00 horas actuará a orquestra París no Paseo Central da Alameda. Á mesma hora, o Campus Sur reunirá a toda a xuventude nun concerto gratuíto co grupo Emir Kusturica & The No Smoking Orchestra (TNSO), unha banda de fama internacional de rock xitano creada en Saraxevo en 1980 por Nelle Karajlic e hoxe liderada polo cineasta Emir Kusturica. Con influencias da música árabe, hindú, rusa, grega e italiana crean un estilo musical propio reforzado con tecno rock.