O concelleiro de Festas, Xosé Baqueiro, amosa a súa satisfacción pola resposta multitudinaria de público durantes as festas

O compositor estadounidense, Mark Lanegan, actuará hoxe na Sala CapitolO compositor e cantante estadounidense Mark Lanegan tocará mañá na Sala Capitol ás 22:00 horas, dentro do Ciclo Xacobe Importa

No Campus Sur, no Toural e no Paseo Central da Alameda vivíronse momentos cargados de música e diversión durante as festas da Ascensión. Segundo o concelleiro de Festas de Santiago, Xosé Baqueiro, o tempo, aínda que desapacible nos primeiros días, respectou as tardes-noites da Ascensión conseguindo reunir a centos de persoas. “Estamos moi satisfeitos cos resultados das festas, xa que o público respondeu multitudinariamente a todas as actividades programadas e non tivemos que suspender ningunha delas” –destacou Baqueiro.

 

O primeiro día de festa (mércores-12) Santiago foi escenario do gran concerto de Emir Kusturica and The No Smoking Orchestra, cunhas 8.000 persoas presenciando a actuación. En total, máis de 20.000 persoas encheron o Campus Sur, o Paseo Central da Alameda e o Toural para gozar da primeira noite de troula. “A Alameda vibrou coa actuación da orquestra París de Noia, que conseguiu reunir a 5.000 persoas ata ben entrada a madrugada” – sinalou Baqueiro.

Outra das actividades destacadas destes días foi o Concurso Cabalar Ascensión 2010, que segundo  o coordinador da Asociación Pura Raza Cabalo Galego, Xacobe Pérez Paz, tivo unha alta participación, aproximadamente 15.000 persoas que aproveitaron para achegarse ata Amio. En canto ao número de cabezas de cabalos, a feira contou con 465 reses. Segundo Baqueiro, a noite do xoves non quixo ser menos e reuniu a preto de 5.000 persoas no Santiago 40 Pop, onde tocaron Sinestesia, Georgina e Efecto Mariposa.

Un ano máis a Festa dos Maiores, que celebrou a súa decimosegunda edición, bateu récords de participación. Un total de 2.000 maiores, ademais dos responsables da organización do evento, desfrutaron dun xantar  en Amio.

Tamén na xornada do sábado se celebrou o Campionato Compostela Skate 2010. A pista de balonmán do Campus Sur e o Instituto Xelmírez I acolleron as diferentes exhibicións de skateboard, BMX, Break Dance e graffiti. Participaron 90 skaters nas diversas categorías a concurso, ademais duns 200 aficionados a este deporte urbano como público. “Conseguimos unha gran participación, así que para a vindeira edición teremos que acondicionar un espazo máis amplo” –explicou  Baqueiro. Finalmente, a actuación de corais, que se celebrou durante a tarde de onte, encheu a praza do Toural.

Concerto de Mark Lanegan en Capitol

As festas chegan ao seu fin mañá co concerto do estadounidense Mark Lanegan, actuación incluída dentro do Ciclo Xacobeo Importa. Será ás 22:00 horas na Sala Capitol. Lanegan é un compositor e cantante que formou parte do grupo Screaming Trees e colaborou con bandas como Queens of The Stone Ageo u Mad Seasa.