O Día das Letras Galegas vivirase con música tradicional nas festas de Compostela

cartaz-maio-das-letrasEsta tarde un grupo de catro corais interpretarán varias composicións galegas, habaneiras ou mesmo con ritmos africanos a partir das 19:00 horas no Toural

Javier Ascanio Baso e Lorena Raña Fuentes foron os gañadores da IV Carreira Popular Solidaria Área Empresarial do Tambre

O campionato de skate e a competición de chave, celebrados onte no Campus e na Alameda durante toda a xornada, derón paso aos concertos de hip hop que ocuparon a parte musical do sábado da Ascensión. Interpretaron os seus temas os grupos Tramaturgia, 504, Kultama e Hermano L ata ben entrada a madrugada. Pero no quinto día das festas, as actividades continúan desde ben cedo pola mañá coa IV Carreira Solidaria Polígono do Tambre, Fundación Compostela Deporte e a Asociación de Empresarios do Polígono do Tambre. O día comezou  ás 10:30 horas coas probas para adultos, menores de 12 anos e para discapacitados físicos, psíquicos ou sensoriais que tiveron a oportunidade de competir camiñando. Todos os cartos recadados coas inscricións serán entregados a Proxecto Home e Cociña Económica.

 

Como xa é habitual, a Banda Municipal de Música ofreceu o seu concerto no Teatro Principal, que tivo como motivo especial a celebración do día das Letras Galegas. Para os máis pequenos tamén se fixo un oco na programación matinal de hoxe, cunha obra de teatro de títeres montada na rúa, en concreto no Paseo Central da Alameda. Trátase da representación da obra Marusía, da compañía Babaluva. A través desta obra, a compañía teatral pretende sensibilizar aos máis cativos coa situación  medioambiental do planeta a través da historia de Marusía, unha nena que vive preto do mar que ten que superar a proba dos tres emes: a mentira, a maldade e o medo, encarnados nun construtor sen escrúpulos, un furtivo de marisqueo e o medo ao descoñecido.

Xa pola tarde, un grupo de catro corais subirán ao escenario do Toural para deleitar ao público con tres cancións, ben tradicionais de coral, galegas, habaneiras ou incluso alguna que outra con ritmos africanos. Participarán a coral La Salle, Amigos de Compostela, Santa Susana e Casino Mugardés.

► CORAIS DE COMPOSTELA [19:00 horas - Toural]

Coral Polifónica La Salle

Desde o seu nacemento en 1987, a coral realizou varias actuacións tanto a nivel nacional como internacional. En terras galegas son moitas as actuacións que avalan a traxectoria desta formación, que actualmente está composta por 46 voces e presenta un repertorio de máis de 130 composicións musicais: galegas, españolas, italianas, portuguesas de música clásica, popular e relixiosa, e dirixida por José Gorrosari.  Na súa actuación de hoxe interpretarán Os meus amores (Habanera popular galega), Cubana y Española (de Ricardo Lafuente) e Pescador (de Moncho Cuervo).

Coral Polifónica Amigos de Compostela

Esta coral foi fundada a finais de 2000 pola Asociación de Antiguos Alumnos das Escolas da Inmaculada (La Salle), recuperando unha tradición anterior. Á súa fronte estivo Amador Santos Bartolomé, director titular da Banda Municipal de Santiago de Compostela, e na actualidade o  seu director é Alberto Míguez López. Actualmente conta con 34 voces mixtas. Particpou en festivais organizados polo Instituto Galego de Artes Escénicas e Musicais, en actuacións en Santiago, Verín e Carballo. Tamén foi invitada noutros festivais como o de panxoliñas levado a cabo en Vigo por Caixanova. Neste ocasión interpretarán Torrevieja (de Ricardo Lafuente), Era una flor (de Jesús Romero), Adios, adios (de J. Trayter).

Coro Santa Susana

Esta agrupación formouse en 1992 e no 1994 contratou ao seu primeiro director profesional. Así, en 2007 constituíuse como Asociación Cultural. Na actualidade está formada por 30 voces mixtas e dirixida por Diego Neira. Actuou na Televisión de Galicia, no Auditorio de Galicia, no Teatro Principal, en Residencias de maiores ou en concertos de Nadal.

As súas cancións son Tres cantigas de Pontevedra (de A. Bertomeu), ¡Baila nena! (Meneo de Vigo), Eu teño un canciño (Cantar de Cego de Lugo).

Coral Casino Mugardés

A Coral Polifónica Casino Mugardés nace no ano 1987. Está integrada en FECOGA e na Federación de Círculos e Casinos de Galicia, participando nos seus actos e programas. Xunto ás actuacións que ofrece fóra da súa Sociedade, son de salientar as que realiza no seu salón de actos, no mes de decembro, coincidiendo co seu aniversario e a actuación que celebra na Igrexa Parroquial de San Xiao en Xullo, na festividade  da Nosa Señora do Carme, compartindo ámbalas dúas con outras Corais. Ten percorrido a meirande parte da xeografía galega e tamén outros puntos como Barcelona, Zaragoza, Cantabria, Asturias, Madrid e Alicante. Está dirixida por Miriam Fernández. Interpretarán A tu lado (de Javier Busto), La Golondrina (de Serrabell) e Lágrimas negras (de Miguel Matamoros).

Pola noite, a verbena correrá a cargo da orquestra Alcotán, a partir das 22:00 horas no Paseo Central da Alameda.

Música no Día das Letras Galegas

Para a xornada de mañá, na que se celebra o Día das Letras Galegas, a Concellaría de Festas programou en colaboración co Departamento de Normalización Lingüística do Concello dúas actuacións músicais. Pola mañá, ás 13:00 horas actuará no Toural o grupo de baile Armadanzas de Laraño, e pola tarde a agrupación folclórica Cantigas e Agarimos, ás 20:00 horas na praza do Toural. Esta última preparou para un día tan especial en Galicia un programa musical específico.