As corais de Compostela e o teatro de títeres entreterán a grandes e pequenos no domingo da Ascensión

Coral-Casino-Mugards

Esta noite terá lugar o concerto de hip hop no Campus Sur, dentro do certame Compostela Skate

Na mañá do domingo celebrarase a tradicional Carreira Solidaria do Polígono do Tambre

Na noite de onte viviuse un dos momentos máis agardados destas Festas da Ascensión coa actuación no Campus Sur dalgúns dos grupos máis destacados do panorama pop español. O son de Dirty Socks, Jonston, Arizona Baby, Niños Mutantes e Sidonie fixo vibrar e saltar á xuventude ata ben entrada a madrugada. E despois desta festa de música e baile dirixida aos máis novos, tócalle a quenda de disfrute aos maiores, os cales gozarán este mediodía do habitual xantar que o Concello organiza para eles no recinto feiral de Amio. Trala comida, a orquestra Superfama será a encargada de amenizar a xornada aos nosos maiores

A celebración do segundo certame do Compostela Skate marca tamén a xornada festiva de hoxe. A pista de balonmán do Campus Sur e o Instituto Xelmírez I acollen as diferentes exhibicións de skateboard, BMX, Break Dance e graffiti. Os máis pequenos poderán estrearse en todas estas disciplinas cos cursillos de iniciación que se impartirán de forma gratuíta antes de cada exhibición. A partires das 16:00 horas, comezará o campionato de skateboard na pista construída expresamente para a ocasión, instalada no campo de futbito exterior do Xelmírez. En total repartiranse 3.000 euros entre os mellores participantes. Haberá premios en metálico para os cinco primeiros clasificados na categoría profesional e en material para o resto das categorías. Ademais, o mellor clasificado de Santiago recibirá tamén un premio en metálico. Xa entrada a noite, comezará o Festival Compostela Skate 2010 de música urbana, con mostras de hip hop, a cargo de Kultama – integrante do grupo VKR (pioneiro do hip hop español) e colaborador de artistas como La Mala Rodríguez-, Hermano L –ex integrante de La Puta Opepé-, Tramaturgia –grupo gañador do certame MúsicaXove 09- e o grupo 504 –premiado nas edicións do ano 2008 e 2009 do MúsicaXove-.

Outra alternativa de lecer para esta tarde é o campionato de chave, para o que se presentaron 24 parellas en categoría masculina. Esta competición deportiva, de popular tradición en Santiago, vivirá hoxe a súa final no pase central da Alameda.

O teatro tamén terá cabida na xornada de hoxe. O Teatro Principal acollerá a partir das 21:00 horas a representación da obra teatral “Sempre en Rianxo. O soño do barbeiro”, dirixida por Pancho Martínez. Un elenco de 60 persoas recrearán enriba do escenario unha “balada popular”, conxugando teatro, danza e música tradicional galega. Esta peza teatral nace como resultado da fusión de dúas das obras máis relevantes da literatura galega, creadas por dous dos escritores galegos de maior sona (ambos naturais de Rianxo), “A fiestra valdeira” de Rafael Dieste e “Os vellos non deben namorarse” de Castelao. Na obra amósase o soño dun barbeiro rianxeiro, amante da lectura, que viaxa coa súa mente ao século XVIII-XIX para recrear o tempo dos grandes escritores galegos ilustres nados en Rianxo (Castelao, Manuel Antonio e Dieste).

Pola noite, a festa continúa na Alameda coa actuación da orquestra Alarma e o concerto de música folc de Renato Spencer e Café Caxaça ás 23:00 horas na praza do Toural.

A música das corais será protagonista na tarde do domingo

A concellaría de Festas presenta para mañá domingo un plan de actividades variado e para todos os públicos. O día comezará coa IV Carreira Solidaria Polígono do Tambre, organizada pola Fundación Compostela Deporte e a Asociación de Empresarios do Polígono do Tambre. Celebrarase unha proba para adultos, menores de 12 anos e para discapacitados físicos, psíquicos ou sensoriais que terán a oportunidade de competir camiñando. A entrega de premios será a partir das 13:00 horas no estadio de atletismo da USC. Todos os cartos recadados coas inscricións serán entregados a Proxecto Home e Cociña Económica.

Como xa é habitual, ás 12:00 horas, a Banda Municipal de Música ofrecerá o seu concerto de domingo no Teatro Principal, que terá como motivo especial a celebración do día das Letras Galegas. E de seguido a música inundará as rúas do casco antigo da man da charanga. Os máis pequenos tamén terán o seu espazo no domingo da Ascensión cunha función de teatro de rúa da man da compañía Babaluva coa representación da obra Marusía. A través desta obra, a compañía teatral pretende sensibilizar aos máis cativos coa situación  medioambiental do planeta a través da historia de Marusía, unha nena que vive preto do mar que ten que superar a proba dos tres emes: a mentira, a maldade e o medo, encarnados nun construtor sen escrúpulos, un furtivo de marisqueo e o medo ao descoñecido.

Xa pola tarde, un grupo de catro corais subirán ao escenario do Toural para deleitar ao público con tres cancións, ben tradicionais de coral, galegas, habaneiras ou incluso alguna que outra con ritmos africanos. Participarán a coral La Salle, Amigos de Compostela, Santa Susana e Casino Mugardés.