Efecto mariposa, Georgina e Sinestesia, cartel do Santiago 40 Pop [xoves-13, ás 22:00 horas no Campus Sur]

Efecto_MariposaO concurso cabalar, a etapa da Volta Ciclista a Galicia e o folclore na rúas conforman as propostas de lecer para a xornada de mañá

Emir Kusturica e a súa banda abren esta noite as festas cun concerto de balde no Campus Sur, a partir das 23:00 horas, ao que se espera asistan máis de 8.000 persoas


Os composteláns xa gozan desde hoxe das festas máis populares da cidade. Para esta noite haberá música no Toural, ás 21:00 horas da man de S.E.M. Big Band. A continuación, inauguraranse as noites na Alameda co súa tradicional verbena coa orquestra París, a partir das 23:00 horas. Á mesma hora, Emir Kusturica and The No Smoking Orchestra actuarán no Campus Sur, nun concerto gratuíto que se espera sexa multitudinario, con más de 8.000 persoas (haberá unha carpa no Campus Sur e no Paseo Central da Alameda para que o público poida gozar das actuacións a pesar da climatoloxía).
Concurso cabalar en Amio

Na xornada de mañá, Día da Ascensión, celebrarase o Concurso Cabalar da Ascensión 2010, a partir das 9:00 horas no Mercado Nacional de Gando de Santiago, en Amio. Esta feira cabalar recibirá un ano maís a centos de cabalos, mulos e burras chegadas de toda Galicia que serán observados por milleiros de composteláns que aproveitarán a xornada festiva local para pasar a mañá e xantar o tradicional polbo no recinto.

A partir das 9:00 horas abriránse as inscricións para os concursos morfolóxicos dentro das categorías de pura raza galega nas seccións de sementais e eguas maiores de tres anos, e machos e femias da categoría de cruzados maiores de tres anos.

Os concursos darán comezo a partir das 10:00 horas, para rematar aproximadamente ás 12:00 horas. E finalmente, sobre as 12:05 horas procederase á proclamación e entrega do Gran Premio “Dragóns de Santiago”, o trofeo institucional do Concello de Santiago de Compostela que recaerá no cabalo ou egua de pura raza galega que acade maior puntuación nos concursos morfolóxicos).

A organización do evento destaca que este ano é o terceiro no que Santiago de Compostela acolle a celebración do “Concurso Nacional de Cabalos e Eguas de Pura Raza Galega”. Trátase dun concurso recoñecido oficialmente polo Ministerio de Medio Ambiente, Rural e Marino do goberno de España e incluído no calendario nacional de concursos. O Ministerio aportará o trofeo de prestixio das competicións da Ascensión 2010.

Ás 12:15 horas está previsto que comece a exhibición de doma de alta escola e fantasías ecuestres coa sección de doma da Asociación Pura Raza Cabalo Galego, organizada polas Concellerías de Mercados, Festas e Deportes do Concello de Santiago de Compostela e na que colaboran a Deputación Provincial de A Coruña e a  Xunta de Galicia, así como as firmas comerciais piensos Nasa, Hípica Marcos e Guarnicionería Hermanos Gómez.

Na exhibición de doma con cabalos de pura raza galega procedentes do Centro do Cabalo Galego con sede en Sergude-Boqueixón, procederase a presentar as características morfolóxicas da raza, así como a historia da raza en Galicia. Executaranse tamén movementos en redeas longas con dous domadores nos aires de alta escola; piaffe, passage, paso español, elevadas, cabriolas, corbetas, piruetas, apoyos en diagonal, laterales, parapetos,…etc. Unha vez concluída a presentación dos cabalos de pura raza galega, tomarán a pista central de exhibicións do mercado de Amio, disposta polo concello compostelán, a compañía Tomás Besada co seu espectáculo “Soñando a Cabalo”. Realizará unha fantasía de exercicios de alta escola e doma a vaqueira, doma en liberdade e traballos con ponis da raza Welhs. Na exhibición presentaranse cabalos das seguintes razas: pura raza española, pura raza lusitana e cartujanos. O remate do espectáculo de doma será sobre ás 13:45 horas aproximadamente.

Sendo tamén parte da tradición, son moitas as autoridades que aproveitarán o Día da Ascensión para visitar o Mercado de Amio, entre elas o alcalde de Santiago, Xosé A. Sánchez Bugallo; e dos concelleiros de Festas, Xosé Baqueiro; Mercados; Andres Fariña; e Deporte, Bernardino Rama. Do mesmo xeito estarán na entrega de premios e presenciando o espectáculo de doma, o líder do PSdeG-PSOE, Patxi Vázquez; o presidente da Deputación Provincial de A Coruña, Salvador Fernández Moreda; a secretaria Xeral para o Turismo da Xunta de Galicia, Carmen Pardo; e o presidente da Comisión de Actividades Rurais da Federación Hípica Galega, Joaquín González Troncoso. Ao remate a corporación municipal socialista, acompañada por Patxi Vázquez, xantarán o tradicional polbo nos postos da Alameda.

As previsións por parte da organización da asistencia de público é de 15.000 persoas atendendo as estadísticas dos catro últimos anos nas que a asistencia non se veu alterada polos elementos climatolóxicos.

Pola tarde, comezará a etapa da Volta Ciclista a Galicia, organizada polo Club Ciclista Compostelano-Muebles Compostela, en colaboración coa Federación Galega de Ciclismo. Participarán quince equipos, cun total de 105 corredores chegados de Francia, Rusia, Portugal, doutros puntos de España e de Galicia. Terán que completar un percorrido de 135 quilómetros polas estradas de Compostela. O percorrido será o seguinte: saída ás 15:00 horas da Praza Europa da Área Central, Rúa París, Camiño Francés, Praza de Europa, San Caetano, Pastoriza, Basquiños, San Roque, Senra e chegada aproximadamente ás 18:30 horas á Rúa Xoán Carlos I e saíndo en dirección Noia, coa previsión de que remate a etapa ás 19.00 horas. Para a seguridade da volta, ademais de contar coa vixilancia da Garda Civil, colaborará MotoClub Compostela.

Ademais do deporte e o arte cabalar, durante todo o día cinco agrupacións folclóricas (Cantigas e Agarimos, Brincadeira, Colexiata do Sar) actuarán polas diversas prazas do casco histórico.

Triple concerto no Campus Sur co festival Santiago 40 Pop

As Festas da Ascensión deste ano inclúen un festival de música gratuíto no Campus Sur, o Santiago 40 Pop, que se celebrará mañá ás 22:00 horas. Acturán tres grupos: Sinestesia, Georgina e Efecto mariposa. Tamén haberá música no Paseo Central da Alameda coa orquestra Players  a partir das 22:00 horas, e no Toural o grupo Lou Reyes y Los Astros, ás 24:00 horas.