As Festas da Ascensión comezan mañá mércores co espectáculo musical de Emir Kusturica and The No Smoking Orchestra

KusturicaNo Toural actuará o grupo S.E.M. Big Band a partir das 21:00 horas, e a orquestra París desde ás 23:00 horas na Alameda

A Concellaría de Festas propón dous festivais gratuítos: Santiago 40 Pop [xoves-13] e o Pop na Ascensión [venres-14], ambos no Campus Sur


As Festas da Ascensión comezan mañá mércores cun programa composto por máis de 50 actuacións musicais distribuídas ao longo de sete xornadas (12-18 de maio), ademais de charangas e pasarrúas, actividades tradicionais de folclore, teatro, deporte e as novas prácticas urbanas relacionadas co skate. “Son días pensados para que os santiagueses e os máis novos da cidade gocen cos concertos e actividades” –explicou o concelleiro de Festas, Xosé Baqueiro. Haberá tres escenarios ven definidos onde se desenvolverá todo o programa: Campus Sur, Alameda e zona vella.
A xornada de mañá comezará co tradicional disparo das bombas para anunciar o comezo das festas desde a igrexa de Santa Susana, ás 12:00 horas. A partir do mediodía varios grupos de gaiteiros realizarán os seus pasarrúas, acompañados pola comparsa de cabezudos. Pola noite, ás 21:00 horas no Toural, a música chegará da man S.E.M. Big Band. Esta formación de larga traxectoria, dirixida por Suso Atanes, foi creada en 1996 como parte das actividades da “Estudio, Escola de Música”. Conta con colaboradores de renome, como o pianista compostelán Abe Rábade. De seguido, ás 23:00 horas actuará a orquestra París no Paseo Central da Alameda.

Á mesma hora, o Campus Sur reunirá a toda a xuventude nun concerto gratuíto co grupo Emir Kusturica & The No Smoking Orchestra (TNSO), unha banda de fama internacional de rock xitano creada en Saraxevo en 1980 por Nelle Karajlic e hoxe liderada polo cineasta Emir Kusturica. Con influencias da música árabe, hindú, rusa, grega e italiana crean un estilo musical propio reforzado con tecno rock.

Ademais, na Alameda xa están dispostas todas as atraccións de feira, entre as que destaca a característica e gran noria da Ascensión de máis de 60 metros de altura; tamén os postos e as tómbolas típicas das festas.

Festivais de música

As Festas da Ascensión deste ano inclúen dous festivais de música gratuítos no Campus Sur. O primeiro deles chegará o xoves-13, o Santiago 40 Pop. Acturán tres grupos: Giorgina, Sinestesia e Efecto mariposa. A música comezará a soar a partir das 22:00 horas.

Para o venres, a Concellaría de Festas organiza o festival Pop na Ascensión. Estes concertos empezarán ás 22:00 cos grupos Dirty Socks, Jonston, Arizona Baby, Niños Mutantes e pechará a noite Sidonie.