A segunda edición do Compostela Skate ocupa as actividades de lecer do sábado-15 de maio no programa das Festas da Ascensión

Presentacin_Compostela_Skate10._Xos_Baqueiro_xunto_a_Zapatones_imaxe_do_evento_deportivoXosé Baqueiro, concelleiro de Festas: “O obxectivo é converter este evento de cultura urbana nunha referencia para todo o noroeste peninsular”

Haberá cursos de iniciación para os nenos nas diferentes disciplinas

Pola noite  celebrase o festival de música hip hop no que actuarán  Kultama, Hermano L, Tramaturgia e 504
O concelleiro de Festas de Santiago de Compostela, Xosé Baqueiro, presentou esta mañá o programa de actividades do certame Compostela Skate, que se celebrará ao longo de toda a xornada do sábado-15 de maio na pista de balonmán do Campus Sur e no Instituto Xelmírez I. Na presentación, Baqueiro estivo acompañado polo organizador da programación, Carlos Domínguez “Pity” da empresa Factor Ulises (técnicos do evento de cultura urbuna e do campionato O Marisquiño de Vigo), polo responsable da tenda Cultura Urbana que se encarga de toda a parte técnica e artística, Marcos Cardero, e por un mozo promesa do skate compostelán, Ángel. Ademais contaron coa presenza do popular “Zapatóns”, imaxe deste ano para o certame.
A Concellería de Xuventude e Festas volve apostar así por este tipo de evento cultural e de deporte urbano, conxugando diferentes disciplinas como o skateboard, BMX, Break Dance, arte urbano, graffiti e música. Con esta segunda edición do Compostela Skate, Baqueiro asegurou que o principal obxectivo é converter este evento de cultura urbana nunha referencia para todo o noroeste peninsular neste tipo de certames. Nesta edición, amplíase a oferta de actividades asociadas co estilo de vida da xente moza urbana actual. Como principal novidade, as actividades de skate, BMX e graffiti terán lugar nas instalacións do Instituto Xelmírez I. A pista de skate, construída expresamente para a ocasión, instalarase no campo de futbito exterior, existindo a posibilidade, no caso de que as condicións meteorolóxicas sexan adversas, de instalarse no interior do pavillón anexo.

Este certame, de carácter gratuíto, vai dirixido a rapaces de tódalas idades amantes da cultura urbana, que serán distribuídos por categorías segundo o seu nivel. Pola tarde, celebrarase o campionato de skateboard, con premios en metálico para os cinco primeiros clasificados e un primeiro premio especial para o mellor clasificado de Santiago. En total, repartiranse 3.000 euros entre os mellores participantes. Ademais, haberá exhibicións de BMX (modalidade acrobática de ciclismo) de competidores procedentes de diferentes partes de España.

Tamén se celebarán shows de break dance con bailaríns de experiencia internacional que amosarán as súas habilidades nesta rama. Xa pola noite, a partires das 22.30 horas, comezará o Festival Compostela Skate 2010 de música urbana, con mostras de hip hop, a cargo de Kultama, Hermano L, Tramaturgia (gañador na categoría do MúsicaXove ’09), e o grupo 504 (cuxos compoñentes foron premiados na primeira e segunda edición do MúsicaXove). Os máis pequenos poderán estrearse en todas estas disciplinas cos cursiños de iniciación que se impartirán de forma gratuíta antes das exhibicións.

Segundo Baqueiro, as previsións de participación no Compostela Skate superarán ás do ano pasado, onde participaron 50 mozos. Pero a Concellería de Festas e Xuventude non só invita á participación, senón que anima a todos os composteláns a gozar como espectadores deste evento cultural.

COMPOSTELA SKATE 2010

SÁBADO, 15

10.30 h.
Apertura
11.30 h.
Apertura inscricións
12.00 h.
Curso de skate
12.30 h.
Exhibición break dance e inicio graffiti
12.45 h.
Fin curso de skate
13.30 h.
Exhibición BMX
14.00 h.
Almorzo
15.30 h.
Peche inscricións
16.00 h.
Skate amateur, graffiti, break dance
18.00 h.
Skate open, graffiti, break dance
19.00 h. a 19.45 h.
Finais skate, graffiti, break dance
20.00 h. a 20.30 h.
Exhibición BMX, graffiti, break dance
20.30 h.
Entrega de premios
22.30 h.
Concertos Tramaturgia, 504, Kultama e Hermano L