A banda Emir Kusturica & TNSO convértese na gran atracción da Ascensión, sumando máis de 50 actuacións musicais nos sete días de festa

Haberá actuacións de folk, actividades deportivas, teatrais e orquestras na Alameda desde o mércores-12 ao martes-18 de maio

Xosé Baqueiro, concelleiro de Festas de Santiago: “Son días pensados para que os santiagueses e os máis novos da cidade gocen cos concertos e actividades”


AscensinO concelleiro de Festas de Santiago, Xosé Baqueiro, presentou esta mañá en rolda de prensa o programa da Ascensión 2010. En total serán sete días de festa, do 12 ao 18 de maio, con máis de 50 actuacións musicais durante sete xornadas, ademais de charangas e pasarrúas a todas as horas e en todas as prazas da cidade, mesturadas con actividades tradicionais de folclore, teatro, deportes como a chave ou o ciclimo e as novas prácticas urbanas relacionadas co skate. “Son días pensados para que os santiagueses e os máis novos da cidade gocen cos concertos e actividades” –explicou o concelleiro. Haberá tres escenarios ven definidos onde se desenvolverá todo o programa: Campus Sur, Alameda e zona vella.O primeiro día, o mércores-12, realizarase o disparo das bombas para anunciar o comezo das festas. A partir do mediodía os gaiteiros, cabezudos e charangas inundarán as rúas da zona vella. Pola noite, ás 21:00 horas no Toural, a música chegará da man S.E.M. Big Band. Esta formación de larga traxectoria, dirixida por Suso Atanes, foi creada en 1996 como parte das actividades da “Estudio, Escola de Música”. Conta con colaboradores de renome, como o pianista compostelán Abe Rábade. De seguido, ás 23:00 horas actuará a orquestra París no Paseo Central da Alameda. Á mesma hora, o Campus Sur reunirá a toda a xuventude nun concerto gratuíto co grupo Emir Kusturica & The No Smoking Orchestra (TNSO), unha banda de fama internacional de rock xitano creada en Saraxevo en 1980 por Nelle Karajlic e hoxe liderada polo cineasta Emir Kusturica. Con influencias da música árabe, hindú, rusa, grega e italiana crean un estilo musical propio reforzado con tecno rock.
Santiago 40 Pop, con Efecto Mariposa

Xa o xoves, o día grande da Ascensión e festivo na cidade, celebrarase o Concurso Cabalar no mercado de Amio durante toda a mañá, ademais de varias agrupacións folclóricas que amosarán o seu repertorio durante boa parte do día. Tamén na tarde do xoves comezará a  Volta Ciclista a Galicia coa súa primeira etapa.

Pola noite, actuará a orquestra Players. Á mesma hora comezará os concertos de Santiago 40 Pop, cos grupos Giorgina, Sinestesia (grupo gañador en pop-rock no I Certame de MúsicaXove’08) e Efecto Mariposa (a partir das 22:00 horas no Campus Sur). Como música alternativa actuarán no Toural Lou Reyes y Los Astros, ás 24:00 horas.

O venres-14 as actividades comezarán ás 18:00 horas cun documental musical para toda a familia, que os seus autores denominan rockumental, o Rock’ and Micro. “Trátase dun espectáculo musical, visual e de danza” –explicou Baqueiro. A xornada continuará co inicio do trixésimo cuarto Campionato de Chave, no Paseo da Alameda a partir das 20:00 horas. Pola noite, a orquestra Galilea, ás 22:00 horas no Paseo Central. A esa mesma hora soarán os primeiros acordes do Pop na Ascensión, cos grupos Sidonie, Niños Mutantes, Arizona Baby, Jonston e os composteláns Dirty Socks, no Campus Sur con entrada libre.

Como alternativa, os seguidores do hip hop terán a oportunidade única de escoitar ao rapeiro estadounidense Raekwon, nun concerto do Ciclo Xacobeo IMPORTA na Sala Capitol ás 22:00 horas. Tamén no Toural haberá música da man de The New Covers Band e Daniel Spiller & The Broken Record Project.

Como é tradicinal na xornada do sábado celebrarase a XII Festa para os nosos maiores, no recinto feiral de Amio a partir das 14.00 horas. Contarán coa actuación da orquestra Superfama. Esta xuntanza dos máis maiores xa reuniu o pasado ano a máis de 2.300 persoas en Amio, “conseguindo un récord de participación” –apuntou Baqueiro.

Compostela Skate, con música en directo

“No seu segundo ano consecutivo celebramos o Compostela Skate, un conxunto de acitividades relacionadas co estilo urbano: skate, BMX, Break e grafitty. Será durante todo o día no Instituto Xelmírez I e no campo de balonmán do Campus Sur” –destacou o concelleiro de Festas.

Ás 21:00 horas haberá teatro no Principal: Sempre en Rianxo. O soño do barbeiro, do Grupo Artístico de Teatro, Música e Danza de Rianxo. Pola noite, non pode faltar a boa música. No Toural, ás 23:00 horas actuará Renato Spencer e Café CaXaça e no Campus Sur continuará a noite con grupos de hip hop: Tramaturgia, 504, Kultama e Hermano L., dentro do Festival Cultura Urbana Skate Compostela.

Xa o domingo péchase a fin de semana coa Carreira Solidaria Asociación de Empresarios Polígono do Tambre. A entrega de premios será ás 13:00 horas no Estadio de Atletismo da USC. Os cartos recadados coas inscricións doaranse á Cociña Económica e a Proxecto Home. Pola tarde, volve o teatro pero nesta ocasión de títeres: BABALÚA: MARUSÍA.

Nesa xornada tamén serán protagonistas as Corais de Compostela, coa participación de cinco formacións: Coral Polifónica La Salle, Coral Polifónica Amigos de Compostela, Coral Santa Susana e Coral Casino Mugardés como invitada, na Praza do Toural a partir das 19:00 horas.

“Como novidade este ano a festa exténdese ao luns e martes, xa que o Día das Letras Galegas (luns-17) coincide no tempo co Ascensión. E como non está de máis alongar un pouco o bo, haberá actividades no principio de semana” –comentou Baqueiro. O luns gozarase coas músicas e bailes de Armadanzas de Laraño e Cantigas e Agarimos, con coral, grupo instrumental tradicional e pandereteiras. O martes, na Sala Capitol, actuará Mark Lanegan, ás 22:00 horas dentro do Ciclo Xacobeo IMPORTA.

O concelleiro de Festas destacou que a pesar do recorte do orzamento municipal, con sponsors e o Xacobeo “fixemos un programa bastante completo” –finalizou.