A décimoterceira Festa dos nosos maiores reunirá a 2.000 persoas no recinto feiral de Amio

TramaturgiaO xantar estará amenizado pola orquestra Magos de España

Esta noite doble sesión musical, ás 22:00 horas Sistem no Campus Vida, e ás 23:00 horas Leilía na praza do Toural


Despois de pasar unha noite musical da man de Chenoa, o terceiro día da Ascesión preséntase moi activo coa primeira fase do campionato de chave e varias propostas musicais. Esta tarde, ás 20:00 horas, dará comezo a trixéximo quinta edición do campionato de chave que enfrontará a varias parellas polo trofeo final no Paseo da Alameda. Outra das opcións de ocio chega cargada de humor, coa final de Nosolomonólogos que se celebrará no Teatro Principal a partir das 21:00 horas.
Xa pola noite comezará a sesión de baile coa orquestra Marimba, a partir das 22:00 horas no Paseo Central da Alameda. Moi preto e á mesma hora comezarán a soar no Campus Vida os instrumentos de percusión do grupo Sistem. Esta banda rumana ofrecerá un gran show, con fogos de artificio, efectos visuais a base de láser e auga, todo cunha envoltura de arriscadas coreografías. O Departamento de Festas espera sorprender e entusiarmar a todo o público con esta proposta musical que triunfa en toda Europa.

Outra das alternativas para esta noite é o concerto de Leilía, que presentará na praza do Toural ás 23:00 horas o seu derradeiro traballo discográfico, “Son de Leilía”. Este disco é un percorrido pola historia do grupo no que se mesturan pezas tradicionais e outras que non o son tanto, froito dun repertorio menos coñecido e de colaboracións que foron xurdindo con artistas como Milladoiro, Budiño, Bleizi Ruz e outros, xunto a temas como a peza central da banda sonora da película Fisterra.

Xantar dos maiores en Amio

As festas continúan mañá sabado coa celebración da XIII Festa para os nosos maiores, no recinto feiral de Amio. Ademais dun xantar, os 2.000 asistentes confirmados contarán con animación de comparsas de cabezudos e a actuación da orquestra Magos de España.

Exhibicións de skate e graffiti ao son de Djs

Durante todo a xornada de mañá sábado celebrarase o Compostela Urbana, unha exhibición de graffiti, BMX, Skate e Brake que se desenvolverá a partir das 17:00 horas no Campus Vida. Participarán especialistas destas modalidades de cultura urbana, cada vez máis en voga entre a mocidade de Compostela.

Xa pola noite, a partires das 21:00 horas, comezarán os concertos de música urbana, con mostras de hip hop, a cargo de Pa la Peña (gañador do MúsicaXove’08), Tramaturgia (gañador do MúsicaXove’09), o grupo 504 (cuxos compoñentes foron premiados na primeira e segunda edición do MúsicaXove) e Malandrómeda.

Nesta xornada continuará a final de Nosolomonólogos no Teatro Principal. E no Paseo Central da Alameda continúa una xornada máis a sesión verbena, nesta ocasión coa orquestra Ciclón.

Música en Cervantes

A praza de Cervantes continúa durante a noite de mañá cos concertos de Sons da Cidade Vella, organizados pola Concellaría de Festas en colaboración coa Asociación Cultural Cidade Vella. Ás 21:00 horas acturá o grupo That’s Entertainment e ás 23:00 horas Los Chavales.

That’s Entertainment naceu recentemente (outubro 2010) coa intención de ofrecer un estilo musical ao estilo de bandas estadounidenses. A proposta musical deste grupo de Santiago de Compostela nada entre as influencias do Rock’n’Roll dos anos 50 e 60, como Gene Vincent, Elvis Presley ou The Drifters, a música de cantautor e folk americano como Bob Dylan ou Leonard Cohen e o country-rock de J.J. Cale, ou artistas contemporáneos como The Jayhawks ou Wilco.

Este grupo está composto por:
- Javier Pardo. Voz e guitarra.
- Andoni Arcos. Guitarras e coros
- Zuriñe Mendicote. Coros
- Amando Gottardi. Baixo e coros

Los Chavales son Tato, Bibi, Toni e Fonso, habituais na escena musical compostelá, reuníronse en marzo de 2009 coa intención de montar un grupo de versións de bandas españolas dos anos 60. Conseguiron conformar un repertorio de 25 cancións clásicas (Brincos, Bravos, Salvajes, Lone Star, Gritos...) que presentaron en diferentes salas e festivais (Mar de Fondo, Felipop). O seu primeiro EP de catro temas xa saíu á lu, con temas en vinilo de clásicos de Love, Birds, Beatles e Sonics adaptados ao castelán pola propia banda.