O desfile de Martes de Antroido culmina unhas festas que bateron marcas de participación

queimaEsta tarde-noite celebrarase a queima da Meca, ás 21:00 horas na praza Roxa

O Antroido de Compostela chega hoxe ao seu fin despois de vivir o gran desfile e concurso de comparsas e carrozas que se celebrou durante a tarde de onte martes. Miles de persoas encheron as beirarrúas do ensanche da cidade para ver o paso do desfile, coa súa variedade de ideas carnavaleiras e bailes continuos ao son de músicas brasileiras e salsa cubana. Un día descuberto fixo deste desfile unha actividade interesante para pasar cos máis pequenos unha tarde divertida e animada.
“Esta edición, unha das máis concorridas dos últimos anos, caracterizouse por ter unha participación heteroxénea chegada de diferentes lugares de Galicia, ademais de alcanzar un cheo completo de público no centro da cidade” –indicou o concelleiro de Xuventude e Festas, Xosé Baqueiro. Desfilaron comparsas e carrozas de Louro (Muros), Portonovo, Sanxenxo, Negreira, Pontevedra, A Barcala, A Coruña, Pontecesures, A Baña, Lalín, Teo, Valga, Ordes, Ames, Porto do Son, Padrón, Brión, Noia, Arteixo, Arzúa e Vedra. Ademais, a cidade de Santiago tivo unha ampla representación con espectáculos de varios centros socioculturais, as tradicionais comparsas (A Ruliña de Laraño, Os Conformistas de Conxo, Os Garanduxos),  o Colexio Vilas Alborada, o grupo Scout Khanhiwara, a Ludoteca Gazafello, a Asociación Folclórica Cultural Xirandaina, os Amigos de Chimpos ou a Agrupación Cantigas e Agarimos.

Grandes premios para un desfile espectacular e multitudinario

Aproximadamente ás 20:00 horas finalizou o desfile e a atención centrouse no Paseo Central da Alameda, lugar escollido para facer a entrega dos premios.  O primeiro premio na categoría de carrozas foi para “Malo será que Benedicto non volva” de Portonovo, que recibiu 2.000 euros.

Na categoría de comparsas, o primeiro premio, dotado con 2.000 euros, recaeu en “Alborada Circus”, do Colexio Vilas Alborada de Santiago. A comparsa “Fantasía Venciana”, dos Conformistas de Conxo, alzouse co premio especial para a mellor comparsa dos barrios da cidade, dotado con 600 euros. Ademais cómpre destacar, a victoria dos composteláns de “A xoia da Coroa” na categoría de parellas, polo que recibiron 300 euros; en individuais, o primeiro posto foi para “Fantasía dunha costureira” de Teo, con 150 euros; e na categoría de grupo o gañador foi “As estornelas” de Arzúa, con 400 euros de premio.

A despedida da Meca, esta noite (21:30 horas) na praza Roxa

Esta noite celebrarase na praza Roxa a Queima do Meco, ás 21:00 horas. O boneco sairá ás 20:00 horas da praza do Toural. As comparsas e o público realizarán o seu acompañamento pola rúa Nova, do Vilar, Senra, Doutor Teixeiro e República do Salvador. En sintonía coa dor do momento, prégase aos acompañantes que vistan de loito rigoroso. A Banda de Ponteceso e a agrupación teatral Volta e Dálle poñerán as notas fúnebres na despedida do Antroido.