25 comparsas, 12 carrozas e multitude de disfraces desfilarán polas rúas da cidade no Martes de Antroido

desfileO desfile saíra da Estación de Ferrocarril ás 17:30 horas, para cruzar o Ensanche e finalizar na rúa Xoán Carlos I á espera da desición do xurado (Entrega de premios ás 21:00 horas no Paseo Central da Alameda)

Xosé Baqueiro: “Contaremos con máis de 1.500 participantes que animarán a todo o público coa súa posta en escena”

O Concelleiro de Xuventude e Festas de Santiago, Xosé Baqueiro, presentou esta mañá os detalles da organización do Desfile de Martes de Antroido. Despois dun bo comezo de festas cun cheo total do Toural no pregón de Nucha e Mucha, o bo tempo continúa acompañando este días para animar aos cidadáns a saír ás rúas e pasar unha tarde divertida co desfile de mañá. “Esperamos unha participación moi alta, superior á de anos anteriores” –manifestou Baqueiro.
Pola mañá haberá animación na rúa a cargo do grupo Samba Brasil (praza do Obradoiro, praza do Toural e praza Roxa) e tamén da charanga TNT que percorrerá distintas rúas da cidade.

Cun nivel de inscrición superior ao de 2010, este ano conseguiuse de novo un resultado récord con 25 comparsas, 12 carrozas, 12 grupos de disfraces, 18 parellas e 16 participantes individuis. Ademais dos inscritos no concursos, desfilarán outros incondicionais do Antroido, que aínda que non obtan aos premios pasearán coas súas creacións carnavaleiras. “Contaremos con máis de 1.500 participantes que animarán a todo o público coa súa posta en escena” –indicou Baqueiro.

Destaca unha comparsa de Santiago formada por 250 persoas do Colexio Alborada entre alumnos, pais e nais e profesores. Representarán o espectáculo Alborada Circus. Outras das comparsas son dúas invitadas polo Concello: “Os da Caña” de Marín, formada por 70 persoas con vistosos traxes e carrozas; e o grupo “Samba Brasil”, cunha carroza de fantasía carioca onde se bailará ao ritmo de batukada.

O xurado, disposto nos balcóns do Hotel Hesperia Compostela (Praza de Galicia), estará composto por Xosé Baqueiro, en función de presidente; como vogais: un membro de cada grupo político con representación no Concello; un representante da Asociación da Prensa; un representante da Escola de Artes Aplicadas Mestre Mateo; un representante da Universidade; un representante do movemento veciñal; outro do movemento cultural da cidade e outro das asociacións xuvenís; así coma un representante do Museo do Pobo Galego; e finalmente como secretaria a funcionaria municipal Montserrat Cillero. Tamén haberá varios membros do xurado dispersos por diferentes puntos do percorrido, para ver o nivel de interpretación dos participantes.

O percorrido

O desfile saíra ás 17:30 horas da Estación de Ferrocarril, para percorrer Romero Donallo, Santiago de Chile, Frei Rosendo Salvado, Praza Roxa, República do Salvador, Hórreo, Senra e rematará na Avenida de Xoán Carlos I.
A entrega de premios farase no paseo central da Alameda a partir das 21:00 horas, onde xa estará preparada a orquestra Ismael para poñer música a unha noite de festa. En total repartiranse 13.500 euros entre todas as categorías a concurso. “Esperamos ter as rúas abarrotadas de xente, e que todos cumpran as normas da Policía Local e Protección Civil para o bo transcorrer da tarde” –apuntou Baqueiro.

A decisión dos membros do xurado e a entrega de premios producirase no Paseo Central da Alameda, e serán os seguintes:

PREMIOS CARROZAS:            PREMIOS COMPARSAS (mínimo 10 persoas):                                
1º……………. 2.000 euros            1º………………. 2.000 euros
2º……………. 1.300 euros            2º………………. 1.300 euros
3º……………… 600 euros            3º………………… 600 euros
4º…………….... 400 euros            4º………………… 450 euros
5º……………… 300 euros            5 accésit………… 150 euros c/u
PREMIOS ESPECIAIS Á MELLOR COMPARSA PROCEDENTE DAS PARROQUIAS E BARRIOS DO CONCELLO DE SANTIAGO (incompatible cos anteriores):

1º………………..600 euros
2º………………..450 euros
3º………………..300 euros


PREMIO MELLOR GRUPO CARACTERIZADO (3-6 persoas):

1º…………… 400 euros
2º…………… 250 euros
3º…………… 150 euros

PREMIO MELLOR PARELLA CARACTERIZADA:                    

1º……………. 300 euros
2º……………. 180 euros
3º……………. 120 euros
PREMIO DISFRAZ INDIVIDUAL:  

1º……………. 150 euros
2º……………... 90 euros
3º……………... 60 euros
Maquillaxe e máscaras

Esta tarde continúa o obradoiro de maquillaxes, disfraces e máscaras na praza do Toural, de 17:00 a 20:00 horas. Os máis pequenos poderanse achegar para pasar unha tarde entretida coa axuda de oito monitores especializados en tempo libre e manualidades. Arredor da fonte do Toural colocaranse varios mostradores e unha carpa para desenvolver a actividade. Empregaranse diversos materiais, como bolsas de plástico para a base do disfraz e gran variedade de papeis de cores. O grupo de monitores servirá de guía para que os nenos e nenas poidan confeccionar os seus traxes por si mesmos. Para acabar coa caracterización dos pequenos instalarase tamén unha zona de maquillaxe, onde se pintará a cara e o pelo en función da temática do disfraz.