Risas e bailes no comezo do Antroido da man de Nucha e Mucha

ardebulloAs obras, a Cidade da Cultura e o alcalde Sánchez Bugallo foron o branco perfecto para a retranca das cantareiras

•    As Cantareiras de Ardebullo, coa orquestra Ardebullo Bin Ban, contaxian o bo humor e a ledicia ao público do Toural


•    A Sala Capitol acolle mañá o concurso infantil de disfraces, a partir das 18:00 horas (inscrición previa de 16:30 a 17:45 horas)

O espectáculo do Antroido de Compostela comezou hoxe coa axuda das míticas comparsas de Compostela que ofreceron animación e baile. Foron Os Conformistas de Conxo e A Ruliña de Laraño os que fixeron rir a todos os que paseaban polas rúas coas súas orixinais chirigotas e sátiras. Nesta xornada, as actividades concentráronse na cidade histórica onde se instalaron desde a mañá obradoiros de maquillaxe, disfraces e máscaras para os máis pequenos.
Coa chegada da noite, ás 20:30 horas, a Meca irrumpiu no Toural, nunha cita tradicional do Antroido compostelán. Deseñado por José Manuel Méndez, o boneco preside desde hoxe as festas subido aos balcóns do Pazo de Bendaña.

A continuación, e xa ca plaza repleta de xente, celebrouse o pregón do inicio oficial das festas, que este ano estivo protagonizado por Nucha e Mucha, as Cantareiras de Ardebullo. Estas dúas mulleres, afeitas á súa tranquila aldea de Ardebullo, onde o burro, o tractor e o vespino son os vehículos por excelencia, amosáronse moi sorprendidas das obras e traballos de construción que asolan Santiago. Mesmo se atreveron a dar un consello para mellorar o aspecto da Catedral: recebala siquiera, para que non pareza tan pobriña, que así e todo Santiago é a capital de Galicia e non debería ter edificios a ladrillo visto...

A capitalidade, a Cidade da Cultura e mesmo o alcalde tamén foron obxectivos das bromas, sempre cariñosas, das Cantareiras, que ademais deleitaron ao público interpretando algúns dos seus grandes éxitos: Padre Nicanor, Son de Coles ou Canta tú.

Concurso infantil de disfraces na Capitol, con premios e agasallos


A xornada de mañá estará dedicada en exclusiva aos rapaces e rapazas. Desde ben cedo poderán retocar as súas maquillaxes cos obradoiros na praza do Toural, cun obradoiro de maquillaxe de 12:30 a 14:30 horas, con ambientación musical a carga da comparsa Os Conformistas de Conxo e a charanga Os Atrevidos.

Xa a partir das 16:30 horas abriranse as portas da Sala Capitol para que todos os rapaces, de ata 14 anos, preparen a súa posta en escena no festival infantil de disfraces. As inscricións para o concurso deberán formalizarse entre as 16:30 e as 17:45 horas. Ás 18:00 horas comezará  o concurso de disfraces en diversas categorías (mellor grupo, parella e disfraz individual), ademais de sesión de baile-discoteca, animacións e entrega de bolsas-cotillón.

Os gañadores de grupo recibirán premios en metálico (1º premio: 180 €; 2º premio: 120 €; 3º premio: 90 €), e as outras dúas categorías de parella e individual poderán conseguir diferentes agasallos (consolas Wii, bicicletas mountain bike, Mp4 e equipos de música). En total repartiranse en premios e xoguetes 2.500 euros.